O misterio das badaladas

Páxina Anterior

O reloxio novo de Eiranova

Páxina Seguinte

v3xabierdocampomisteriobadaladas002.html
     Puxo o reloxeiro o reloxio nas sete e vinte, pois tal hora era daquela, e baixou da escada que foi retirada polo Leonardo do Coxo. Arredouse o home unhas pasadas andando de arrecú, e, ollando para o reloxio, díxolle ó Xes, que estaba ó seu lado:
 
—Levan vostedes reloxio para moitos anos. Máis dos que ha durar vostede, e queira Deus que sexan moitos, e máis do que durarán os cregos que lle sucedan nesta parroquia.
     Naquel intre, o reloxio deu a media e, o Andrés da Bouza botou un foguete que gardara da festa. Todos en Eiranova e mais nas parroquias de arredor, souberon que o reloxio da igrexa xa estaba andando.
     Recolleron os homes que viñeran para colocalo as súas ferramentas e, na súa furgoneta, arrincaron polo medio da xente que se congregara no adro para estar presente na instalación, e que agora se ía retirando camiño das súas casas. Aínda estaban moitos polo camiño, cando o reloxio deu as oito, e todos viraron as cabezas cara a el. O normal sería así. Algo habería de ocorrer que lles obrigaría a conta-las badaladas con atención a certas horas. Pero aínda faltaban catro horas para que recibiran, por parte do reloxio, o primeiro aviso de que el protagonizaría acontecementos sorprendentes.
     O tempo foi pasando ó ritmo que lle é propio. O reloxio deu as nove e, na taberna, ó tempo que ollaban os reloxios de pulso, os homes comprobaron que andaba ben. Tamén tiveron este mesmo ritmo as badaladas que marcaban as nove e media e mailas dez, que foron comprobadas en tódalas casas de Eiranova. O reloxio funcionaba tan ben que, se alguén atopou que había diferencia entre o propio e o da igrexa, non tivo reparo en axustalo á derradeira badalada, dándolle a razón ó alleo e quitándolla ó propio.
     A badalada que avisaba que eran as dez e media, xa non mereceu a atención máis que dalgúns. E as das once foron moi poucos os que as contaron.
     Cando o reloxio comenzou a dá-las badaladas correspondentes ás doce da noite, xa moitos dos habitantes de Eiranova estaban na cama. Só Xes, que, encargado polos veciños de leva-los trámites todos da instalación, xa que se poñía na igrexa, estaba preocupado e contaba as badaladas todas desde que quedara en funcionamento. Así que cando a campá comezou a tocar, el tamén principiou a contar: tann, unha; tann, dúas...
     Na súa cama, tamén Cristina contaba as badaladas: tann, tres; tann catro; tann, cinco... Estivera estudiando para un control e había pouco que se deitara, por eso estaba desperta cando o reloxio daba a media noite. Tann, seis; tann, sete...
     Ó boticario, don Anxo, que tiña por costume ler ata moi tarde, as badaladas non lle permitían concentrarse na lectura, e ía contando mentalmente: tann, oito; tann, nove... Para el non tiña máis interés o asunto que comprobar cando remataban para se volver a concentrar na lectura...
     Tann, dez... Pensaba o Xes.
     Tann, once... Contaba Cristina no leito.
     Tann, doce... Xa podía don Anxo volver a se mergullar nas aventuras que o libro lle estaba a relatar...
     Tann, ¡¡TRECE...!! O reloxio deu unha badalada que facía o número trece.
     Xes deu un brinco e púxose de pé cando a escoitou... ¿Sería que contara mal? ¿Serían figuracións súas que, de tanto pensar no reloxio, xa tiña a campá metida na cabeza e soáballe cando a da igrexa rematara de tocar?

     Tann, ¡¡TRECE!! O boticario pestanexou cando escoitou a badalada número trece, pero seguiu a ler, non queria que houbese cousa ningunha que o distraese da lectura. Non ocorreu así, porque xa non foi quen de segui-la lectura, non era normal que un reloxio que andara ben toda a tarde, dera trece badaladas ás doce da noite.
     Nin Xes nin o boticario foron quen de continuar cos labores que estaban a facer. O crego tivo que deixar sen rematar un cartel que estaba a debuxar para colocalo na porta da igrexa, e don Anxo tivo que pecha-lo libro. Un e outro quedaron en suspenso agardando que o reloxio dera a media.
     Cristina de seguida quedou presa no sono e metida nos soños, e non soubo que o reloxio dera a media como é debido. E moito menos se decataría do que sucedeu á unha da mañá.

     Anque cómpre dicir que a tal hora foi como se non pasara nada, porque non se escoitou máis que unha, e unha soa, badalada, tal e como sería de agardar por todos, agás polo crego e polo boticario, para quen o fenómeno resultou sorprendente. Quedaron coa dúbida de se ás doce escoitaran trece badaladas ou non...
     Seguramente foi por iso que para o outro día, ningún dos dous comentou nada de primeiras, anque estiveron xuntos, como agardando que algunha outra persoa fixese algún comentario que os confirmara na sospeita. Pero ou todos actuaban da mesma maneira que o estaban a facer eles, ou ninguén escoitara nada raro. Por Eiranova adiante cada un andaba ó seu e ninguén dicía nada.

     Non ocurría igual na escola, onde Cristina, á hora do recreo foi na procura de Elisa, que, anque teñen as dúas a mesma idade, doce anos, non están no mesmo curso: Cristina vai en sétimo e Elisa en sexto. Non tardou en atopala e comentarlle o fenómeno das trece badaladas.

     Pois eu non escoitei nada —comentou Elisa—, claro que a esa hora xa estaba a durmir. ¿Non lle preguntaches a ninguén da túa clase?

     —Non. Pero agora que o dis, ímosllo preguntar a Pedro.

     Pedro ten trece anos e está na mesma clase que Cristina. Foron as dúas amigas para ver de atopalo no campo de baloncesto e alí estaba, anque non xogando, senón falando con outros compañeiros. Chamárono e el achegóuselles, mentres algúns dos outros rapaces dábanse cos cóbados uns ós outros ollando para eles. Dicíase que a Pedro gostáballe Cristina.
     Tampouco Pedro escoitara a badalada décimo terceira. El tamén durmía a aquela hora.
     —Pero isto vaise saber de seguidiña, porque o recreo remata ás doce menos cinco, así que cando esteamos entrando na clase, xa saberemos se dá doce oú se dá trece badaladas.
     Aínda ben non acabara de dicir isto Pedro, cando se escoitou o timbre que marcaba o final do recreo, e cada un foise camiño da súa aula respectiva.
     O Xes, naquel mesmo intre, estaba diante do campanario da igrexa cos ollos fixos na esfera do reloxio, agardando que as dúas agullas estiveran perfectamente aparelladas marcando as doce.
     Na botica, don Anxo estaba a atender a uns clientes; ollou o seu reloxio...
     —
Calen un poquiño, fagan o favor —díxolles ós clientes.
     O reloxio escomenzou a dá-las badaladas das doce do mediodía, e deu, xusta e cabalmente, as doce que tiña que dar. Nin máis nin menos.
     Na escola, Pedro procurou coa ollada a Cristina e esta fíxolle un aceno coas mans de que non foran máis que doce as badaladas que se escoitaran.
     Aquela noite xa foron moitos os que tiñan presa por se deitar. Pola tarde foran caendo pequenos comentarios e xa había moitos que sentían certa curiosidade polo que faría o reloxio ás doce.
     Cada vez que se achegaba unha hora xusta, nas casas íase facendo o silencio e todos contaban mentalmente as badaladas: unha, dúas, tres,... Desa maneira cando o reloxio escomenzou a toca-las doce, o Xes contaba con moito coidado: Unha, dúas, tres,... catro, cinco,..., o boticario deixara novamente a lectura para se concentrar no número de badaladas que se escoitaban. Cristina na cama contaba en alto para non se equivocar: seis, sete,... Pedro para mellor se asegurar de que non habería erro, facía riscos coa unlla no cal da parede do seu cuarto: oito nove,... Dez, dicía Elisa ó tempo que estricaba o único dedo das mans que lle quedaba por poñer dereito. E o Xes: once. E Cristina: doce. E todos: ¡ ¡TRECE! !
     Agora xa non había dúbida, o reloxio dera a badalada número trece. Anque lles pareceu que non era exactamente igual cás outras, xa que estaban seguros de que non eran nin figuracións nin sonos: dera trece badaladas. Aquel reloxio fallaba, e o Xes pensou que o primeiro que faría pola mañá sería chamar ó reloxeiro para que o viñera amañar.

     O reloxeiro non quería cre-lo que lle dicía Xes por teléfono. Non podía ser que o reloxio funcionara correctamente vintetrés horas e media tódolos días e non tivera máis fallo có das doce da noite.
    
Eso non pode ser, don Xes. Podería ocorrer que o reloxio se descontrolase e dese tódalas badaladas á tola, pero para facer iso que vostede me di, tiña que facelo adrede, o reloxio élle unha máquina que non sabe se o que está dando son as doce da noite ou as da mañá. As máquinas non lle teñen intencións, nin boas nin malas.
    
Pois o caso é que o reloxio deu dúas veces as doce da noite desde que vostedes o deixaron instalado, e nas dúas deu trece badaladas no canto das doce que debía dar. E iso non só o comprobei eu, senón que hai outros veciños que tamén o escoitaron.
     Por fin accedeu o reloxeiro a que iría para o día seguinte a comproba-lo funcionamento do reloxio.
     Detrás da casa de Cristina estaba esta con Elisa comentando que na noite anterior o reloxio tamén dera unha badalada a maiores, cando chegou Pedro, que vira acompañado de Delio, rapaz de doce anos, compañeiro inseparable de Pedro, e, loxicamente, tamén das nenas. Viñan tamén comentando o suceso.
     —Non sexas parvo, Delio —viña dicindo Pedro—, non ten sentido que funcione ben todo o día e só falle ás doce da noite.
     —Pois xa me dirás ti que outra explicación lle atopas —teimaba Delio.
     —¿Tamén vós vides falando do reloxio? —preguntouIles Elisa.
     —É que Pedro di que non está avariado e eu digo que si.
     —Tamén eu penso da mesma maneira —afirmou Cristina—. E se non é avaría, ten que ser que alguén o fai tocar adrede.
     Quedaron todos en silencio despois de escoita-lo que a rapaza acababa de dicir. E así estaban cando apareceu Miguel, que eran o irmán máis pequeno de Cristina, tiña oito anos, e sempre se lles unía cando osmaba que estaban a artellar algún paseo ou xogo. A algúns non lles chista moito que ande con eles porque din que ten fama de lareto e conta as cousas.
     —¿De que falabades? —preguntou.
     —Cristina pensa que a badalada número trece non é o reloxio o que a dá, senón que alguén o fai tocar —respondeulle Elisa.
     —¿Si? ¿E como? —volveu a preguntar Miguel.
     —Iso si que xa non o podo dicir. Pero eu penso desa maneira, anque podo estar equivocada, o reloxio anda ben sempre, toca ben tódalas horas, ¿por que ía dar máis badaladas ás doce da noite?
     —A min xa me escomenza a gostar —dixo Miguel con entusiasmo— ¡O misterio da badalada número trece!
     —Pois se pensas dese xeito, habería que falar con Xes e dicirllo para que vaia vixiar pola noite —falou Delio.
     —Vou correndo a contarllo —ergueuse Miguel de súpeto.
     —¡Ei! Alto aí, tí aquí quediño connosco —cortouno Cristina pillándoo por un brazo—. Non contemos aínda nada, que non sabemos se estamos no certo ou non.
     Este enano, sempre disposto a lle ir laretar algo a alguén —reafirmou Pedro pillando ó pequeno polo outro brazo e obrigándoo a se sentar novamente no sitio onde estaba.
     —Oes ti, langrán, a min chámasme polo meu nome e se non che gosta dicirme Miguel, pódesme dicir ¡oes ti!, pero o de enano gárdalo para ti por se reves.
     —Ten xenio o rapaz... —riu Pedro— ¿E por que non queres que llo digamos a Xes?
     —Por dúas cousas. A primeira porque se estamos equivocados, non é cousa de lle dar pistas que non teñen razón; e a segunda porque se estamos no certo, isto ten que quedar entre nós ata que saibamos quen é.
     —¿Non estarás pensando que é Xes o que toca a campá? —preguntoulle Elisa con abraio.
     —Eu non desconfío de ninguén, porque isto acábaseme de ocorrer agora mesmo, e aínda non tiven tempo en pensar en persoa ningunha. Pero o mellor será pensar que non é ninguén en particular, pero que alguén ten que ser.
     —¿E de que maneira vas acadar que este non vaia contar por aí todo canto estamos a falar? —preguntou Delio ollando a Miguel.
     Miguel quixo protestar desta desconfianza, pero a súa irmá fíxoo calar cun aceno.
     —Disto non vai contar nada, porque el ben sabe que se alguén sabe do que estamos a falar aquí, e non hai tal, pódese montar un follón de desconfianzas que non hai quen o pare. Por outra parte se estamos no certo é mellor que non saia de aquí, para poder tentar de averiguar algo.
     —Pois a única maneira de saír de dúbidas é indo alí pola noite, ás doce, e vixiando a ver se alguén toca a campá —falou Pedro, dando a entender co seu tono de resolución que estaba disposto a ir el.
     A idea foi ben acollida polos outros catro e decidiron, despois de varias discusións, que serían Pedro e Delio os que pola noite irían á adro para ve-lo que ocorría. Eles eran os máis indicados para face-lo porque os cuartos nos que durmían estaban situados na planta baixa das súas casas, e esto facilitáballe-lo poder saír pola fiestra sen ser vistos por ninguén. No caso de que visen algunha cousa rara, por exemplo alguén que andaba polo lousado da igrexa, ou que despois de dá-lo reloxio a décimo terceira badalada, saía da igrexa, eles tratarían de se fixar ben nel para ver de recoñecelo. Pola mañá comunicaríanllelo a todos e xa decidirían o que había que facer.
     Ó mesmo tempo que se escoitaban os toques das once da noite, saía pola fiestra do seu cuarto Delio, a quen xa lle estaba agardando agachado Pedro. Xuntos, e tendo moito coidado de que ninguén os vise, encamiñáronse ó adro da igrexa. Ó pasar por diante das fiestras iluminadas dos vertedeiros das casas, anicrábanse para que ninguén descubrira a súa presencia.
     Non tardaron en chegar ó camiño que levaba á igrexa, e, como nel non había xa casas, non eran precisas tantas precaucións. De tódolos xeitos andaban con tino, porque podía pasar alguén, moi especialmente se as teorías de Cristina sobre a orixe da badalada número trece eran atinadas.
     Procuraron un bo lugar para se esconder, e non tardaron en dar con el. Tratábase dunha casa abandonada que era coñecida como a Casa do Sacristán, porque nela vivira un home que por moitos anos exercera tal oficio. Estaba situada nun altiño que había detrás e por un lado da igrexa. Metéronse os rapaces na planta baixa e desde alí puxéronse a observa-lo que pasaba ó redor da igrexa. Non pensaron nin por un intre en subir ó sobrado porque estaban moi avisados do perigo que esto podía supoñer, as táboas do piso foron podrecendo co tempo e xa non termaría nin co peso dun neno.
     Ben escondidos, dispuxéronse a agardar que desen as doce, cos ollos e cos ouvidos atentos a canto movemento vivera do adro ou da igrexa. Anque non vían directamente a porta, ninguén podería saír ou entrar sen que eles se decatasen da súa presencia.
     Cada unha no seu leito, Cristina e Elisa, permanecían despertas e escoitando tódolos toques do reloxio que as ía avisando da distancia que as arredaba das doce da noite. Ningunha das dúas podía deixar de pensar en Delio e en Pedro, polos que temían. Especialmente inqueda estaba Cristina, que se sentía responsable de que puidesen estar pasando algún perigo; cada pouco prendía a luz para comprobar no reloxio da súa mesiña canto faltaba para que fosen as doce. Miguel, anque fixo o esforzo de permanecer desperto, non foi quen de termar cas pálpebras abertas, e acadou vencido polo sono.
     E como, máis tarde ou máis cedo, todo chega, tamén chegaron as doce (e non tarde nin cedo, senón ás doce en punto). Escomenzaron a soa-las badaladas do reloxio. Unha, dúas,... todos estaban a contar: Cristina, Elisa, Xes, don Anxo e, (¿como non?) Delio e Pedro. Dez, once, doce e ... ¡¡TRECE!!
     Un ruxe-ruxe de sopresa recorreu Eiranova de punta a punta.
     No seu acobillo, Pedro e máis Delio, olláronse na escuridade case sen se ver, pero seguiron alí sen facer movemento ningún. Pedro tiña os ollos postos no lousado da igrexa, mentres Delio vixiaba o adro de cabo a rabo.
     "Agora téñeno que ver Pedro e Delio, e mañá xa saberemos quen é... pensaba Cristina na súa cama cos ollos moi abertos na escuridade.
     —Pedro, aquí non se ve nin se oe a ninguén.
     —Nada. Será mellor ir botar unha ollada dentro da igrexa. Podemos entrar pola fiestra da sacristía, que non pecha ben e pódese abrir por fóra.
     —Pero ti estás tolo... Se entramos dentro da igrexa, e está dentro o que toca a campá, ¿pensas que nos vai deixar irnos despois de que o vexamos?
     —Non teñas medo, ho, que non vai pasar nada. Se está dentro, en canto nos vexa, fuxe.
     —Amais Cristina díxonos que olláramos desde fóra.
     —Déixate de lerias e agora faime caso a min. Veña, imos aló.
     Ó tempo que dicía estas últimas palabras, Pedro botouse fóra da Casa do Sacristán. Delio, moi de mala gana, saíu tras del. Atravesaron a correr o anaco de adro que había entre a casa e a sacristía.
     Apoiándose Pedro nas mans cruzadas que Delio Ile ofreceu, abriu a fiestra e por ela pasaron dentro.
     Dentro da sacristía non se vía nada, estaba moito máis escuro que fóra. Pedro andou uns pasos con moito tino de non tropezar con nada, e para iso avanzaba a modiño, arrastrando os pés polo chan. Desa maneira foi tropezar coa cómoda da roupa de se revesti-lo crego, así púidose orientar, porque coñecía a sacristía, e saber onde estaba a porta que conducía ó interior da igrexa. Delio seguíao o máis preto del que lle era posible.
     En canto estiveron no presbiterio xa tiñan, polo menos, unha referencia: a lámpada do sagrario. Así que, guiados por aquela luciña, escomezaron a se adentrar na igrexa para revisala. Ollaban en tódolos recantos: por entre os bancos, debaixo do altar, nos ángulos que as columnas formaban coas paredes... E sempre ás apalpadas, porque non tiñan outra maneira de facelo.
     Delio foi apalpar detrás dunhas andas de saca-los santos o día da festa, que estaban preto da porta da sacristía, pola que entraran había poucos minutos.
     Alí tampouco había nada nin ninguén. Escomezou a recuar na procura de Pedro, aínda non dera unha pasada enteira, cando topou con algo; botou unha man atrás para apalpa-lo obstáculo que lle privaba de continua-lo camiño... Era unha persoa... Ficou parado e teso coma unha estaca. Estivo así uns segundos e, de seguido, botou a correr topando cos bancos e tirando reclinatorios polo chan, ó tempo que berraba:
     —¡Pedro, ven, ímonos que está aí...!
     —Delio, non corras que son eu  —faloulle Pedro en voz baixa—. E non berres.
     Procuráronse na escuridade e non tardaron en dar un co outro. Colléronse pola man.
     —Non teñas medo, ho —calmou Pedro ó seu amigo—, que a min tamén me deches un bo susto. E non volvas a berrar.
     —Pois ímonos, que aquí non hai ninguén. E se o houbese, a estas alturas xa lle sobra de saber que estamos aquí.
     —Anque saiba que estamos, non se pode mover, porque se descubriría. Así que imos ver nos confesionarios e mais na escaleira do campanario.
     —Eu ó campanario non subo; nin que mo mandes ti, nin que mo mande Cristina nin que o mande quen o mande —a voz de Delio case non se escoitaba, pero podíase adiviñar moi resolta na súa negativa.
     —Está ben —consentiu Pedro—. Eu irei ó campanario e ti bota unha ollada nos dous confesionarios, e despois xa nos imos.
     Non agardou Pedro resposta do compañeiro, arrincou cara á escaleira do campanario.
     Delio viu desaparece-la súa figura na escuridade e anicrouse no chan. Non se atrevía a ollar nos confesionarios. Anque quixese non era quen de dar unha pasada cara ó que tiña máis preto de si. Pareceulle que escoitara un ruidiño e contivo a respiración. "Seguro que é Pedro pola escaleira do campanario", pensou. Estivo moi quediño agardando a ver se se repetía, pero xa non escoitaba nada que non fora a súa propia respiración que lle parecia soar coma o fol dun ferreiro. "Moito tarda ese en vir". "E cando veña e me pregunte se atopei algo no confesionario, ¿que lle digo?"
     —iDelio!  —chamou por el Pedro en voz baixiña.
     —Veña, ímonos, que aquí non hai ninguén  —foi a resposta de Delio encamiñándose xa cara á sacristía guiado pola lámpada do Santísimo.
     —Non, na escaleira e no campanario non hai ninguén ¿e nos confesionarios?
     —Tampouco  —respondeu Delio—. Ímonos que nos van botar a faltar na casa.
Saíron novamente pola fiestra da sacristía, tendo coidado de deixar todo tal e como estaba. Emprenderon o camiño de volta tomando as precaucións para non ser vistos. Un pouco despois, cada un na súa cama, durmían.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega