Os ríos pasan cheos de Deus

Páxina Anterior

Introdución

 

INTRODUCIÓN

 


"Sin poesía la vida sería intolerable".
   Santa Teresa de Jesús

"Nadie fue ayer,
ni va hoy,
ni irá mañana
hacia Dios
por este mismo camino
que yo voy".
   León Felipe, Versos de un caminante

"No principio existía a Poesía
e a Poesía estaba onda Deus
e a Poesía era Deus".
   X.A. Miguélez, Profecía dun Capitán Trono



Poesía e fe relixiosa

"Tódolos ríos pasan pola miña
alma, cheos de Deus, música e lapas.
Tódalas pombas fan o meu amor.
A beleza feriume para sempre".

     Estes versos de Xosé María Díaz Castro, do seu poema "Como unha espada", son os versos en galego que máis teñen calado no meu corazón; por iso fun de seguida a eles para atoparlle título a este libro. Non sei se son os mellores versos da poesía galega, nin os máis fermosos ou perfectos escritos na nosa lingua1, aínda que o mesmo Manuel María dixo da exigua obra do seu autor que "é, sen dúbida, un cumio da poesía galega, da Poesía" 2; o que si sei é que que son os que máis fondamente quedaron grabados na miña memoria desde a primeira vez que os lin. Non dubido en afirmar que considero a Díaz Castro o poeta que acadou a máis alta expresión poética da fe relixiosa en galego, cun nivel poético e relixioso que recorda aos poetas místicos casteláns. Estes versos son fermosos e místicos a un tempo; a experiencia da beleza, que "feriu para sempre" ao poeta, é á vez estética, espiritual e relixiosa. Porque el foi quen de descubrir a presencia de Deus no río da vida, que atopa cheo de música, lapas e... amor, a pesar de tantos desamores e de tanta morte. Tamén resultan ben expresivas as verbas de Teresa de Jesús, que soubo unir poesía e experiencia relixiosa.
     A unión entre poesía e fe relixiosa é tan vella como a humanidade, porque sentimento relixioso e poesía teñen a mesma raíz, como recoñece un laureado poeta castelán.

"El sentimiento religioso es una reacción ante la vida. Nace del asombro... En el fondo del corazón humano late un ansia insaciable de comprender y de amar... De pareja inquietud surge también la poesía; se impregna de un sentimiento afín. Ello permitió que se dijese por un gran poeta que toda la poesía es religiosa, lo que vale decir que el sentimiento religioso y la actitud poética reconocen una raíz común en el corazón de los hombres...
A través del sentimiento religioso, la poesía une de alguna manera al ser humano con su principio y su fin o, si se quiere, con su destino" 3.

     En efecto, fe relixiosa e poesía, poesía e experiencia de Deus ou sentimento da súa ausencia, son dúas realidades intimamente unidas en tódalas literaturas do mundo desde o amencer da humanidade "Los primeros poetas del mundo si no cantaban las hazañas de sus héroes, ensalzaban a sus dioses o componían himnos litúrgicos... el amor y el temor hacia lo absoluto se expresaba sin trabas en su obras" 4. Os primeiros versos que se fixeron na historia seguramente foron de tipo relixioso; é o caso dos poemas asirios Gilgamesh e Enuma Elis, ou os libros sagrados do hinduísmo, as Upanisahds, o Ramayana e o Mahabharata (co fermoso e coñecido Bhagavad Gita). É o caso, tamén, de unha parte importante dos libros da Biblia xudeocristiá, non só os magníficos versos de O Cantar dos Cantares e os Salmos, xoias da poesía universal, senón tamén os libros de profetas como Isaías, Xeremías, Oseas... textos cheos de ritmo e magníficas imaxes, sempre ao servicio da palabra revelada.
     Hai unha longa nómina de poetas que escribiron influenciados polos Salmos bíblicos; desde o Renacemento e o Barroco, até o século XX. Nas letras hispanas van desde Frei Luis de León e os vates cataláns Ramón Llull e Jacint Verdaguer ao noso Manuel María. Pero tamén en gran parte das linguas e culturas, sobre todo no mundo occidental, se fixo notar o influxo desta magnífica poesía relixiosa.
     O divorcio e enfrontamento entre poesía e fe relixiosa na modernidade só puido ser causado pola mutua incomprensión. Pero, a experiencia relixiosa segue moi presente na literatura moderna e contemporánea, como afirmación ou como busca; por iso escribe E. de Champurcin:

"La inquietud está ahí, palpable o latente... La prueba de que no se trata de algo ligero, trivial, sin trascendencia, reside en que muchos líricos, incluso algunos no creyentes, escépticos o ateos, dejan asomar de vez en cuando en sus obras... la idea de eternidad, de permanencia del espíritu, de esencia divina" 5.

     Cómpre indicar, tamén, aquí que o sentimento ou fe relixiosa está unido ou non a relixións concretas. Porque hai relixiosidade sen dogmas, como pode haber dogmas sen relixiosidade, pura cuestión de leis... As normas, os dogmas e o mesmo sistema de creencias das relixións resúltanlle, ás veces, asfixiantes para o poeta, persoa libre por excelencia.
     A unión entre poesía e fe relixiosa non é, pois, estraña, pero resulta ambivalente, como ambivalentes son a experiencia relixiosa e a poética. Ao pe de tanta relixiosidade alienante e mesmo opresora do ser humano, existiu sempre, onte e hoxe, unha relixiosidade liberadora, que constrúe e fai avanzar ás persoas e aos pobos. En particular, o profeta bíblico é o que sabe enfrontar ao pobo coa súa verdade máis fonda e co verdadeiro rostro de Deus, máis aló dos ídolos esclavizadores que o pobo da Biblia e o resto dos pobos e individuos adoitamos crearnos habitualmente, segundo as propias comenencias. Por outra banda, a carón de poetas que son coma o "coro dos grilos que cantan á lúa" -que din criticamente os versos de Antonio Machado- sempre existiu unha poesía como "arma cargada de futuro", que dicía, a súa vez, Gabriel Celaya; arma pacífica para construír un futuro digno da creación e do ser humano; unha poesía capaz de expresar a realidade máis fonda do ser humano, que os cristiáns dicimos é imaxe de Deus.
     Deus mesmo é o Poeta por excelencia, o poietes ("creador"). Lonxe de ser unha linguaxe alienada, allea á realidade, a poesía é a forma máis sublime da linguaxe, a palabra que máis se achega á verdade fonda do ser humano, do mundo e de Deus. Por iso, non é casual que a relixión use habitualmente a linguaxe poética para expresar o inexpresable. Máis aínda, o verdadeiro poeta adoita moitas veces ser tamén profeta, porque busca a verdade; e nesa busca atópase con Deus, xa chamándoo por ese nome ou non, atópase co Misterio. "... Y su nombre sin letras/ escrito a cada instante por la espuma, se borra a cada instante...", escribiu Leopoldo Panero6.
     Falar de poesía relixiosa, logo, non é falar, necesariamente, de "poesía pía" e moito menos "devota". É, certo, falar de poesía de amor divino, da fermosura do divino, pero tamén de poesía moi humana que lle berra a Deus no drama da existencia, ou que o busca desesperadamente, coma o "guitarrista lunático, borracho melancólico/ siempre buscando a Dios entre la niebla", de Antonio Machado.
     En definitiva ¿A que nos referimos cando falamos de experiencia de Deus? ¿Cal é a experiencia que fai que unha poesía se poida chamar relixiosa, aínda nun senso amplo?. O fenomenólogo da relixión Martín Velasco di que tódolos intentos para comprender o fenómeno relixioso apuntan cara un centro "que cada vez se perfila máis nítidamente como unha Presencia, tan invisible como inconfundible, da que o suxeto relixioso... trata de tomar conciencia, trata de tomar contacto". O teólogo recoñece que é posible que a experiencia de Deus se dea fóra dos límites das relixións tradicionalmente recoñecidas como tales e que a vida de todo home e de toda muller poida ser interpretada como "o intento por facerse cargo dunha Presencia constituínte da que xurde toda existencia humana" 7. Eu engadiría que non só é posible, senón moi real; desta maneira, a experiencia relixiosa é lexítimamente moi plural e leva sempre unha carga de subxectividade que se manifesta particularmente na creación do poeta. De todos xeitos, sempre nos resulta máis atraínte unha poesía relixiosa que nos fale dun Deus no que mereza a pena crer, porque non oprime, senón que libera e pacifica.

Unha longa ringleira de poetas galegos que fixeron poesía relixiosa

     Non é unha novidade falar da presenza constante do tema relixioso na poesía galega, de maneira explícita e directa, ou de maneira máis ou menos solapada8. Por unha banda, como se ten repetido múltiples veces, o galego é unha lingua particularmente dotada para a poesía. Incluso, nos tempos de inverno da literatura galega, algúns cursis reaccionarios, que non podían negar o valor literario da poesía galega -sobre todo os versos de Rosalía, que fixera uns poemas "moi bonitos e moi enxebres"- chegaron a dicir que esta lingua só valía para facer poesía; para eles, o galego era incapaz para a novela e moito máis para o ensaio. Por outra, o galego é un ser humano fondamente relixioso. Eu mesmo me teño ocupado do tema, recollendo a vivencia e a creación de gran parte dos poetas da Galiza de onte e de hoxe, que fixeron profesión de fe relixiosa sen deixar de amar o galego, de expresarse en galego e, en moitos casos, incluso ser tamén galeguistas9.
     Alén das cantigas relixiosas medievais galego-portuguesas (sobre todo as Cantigas de Santa Maria), dos vilancicos e dos versos da piedade popular que sobrancean no cancioneiro popular galego, os nomes dos poetas que fixeron en galego poesía relixiosa fan unha longa ringleira de leigos e clérigos, bastantes homes e algunhas mulleres: o pioneiro Cura de Fruime (1676-1774), o crego compostelán Martín Torrado (+1653), Antón Mª Castro y Neira (1771-1826) e outros clérigos do XVIII e o XIX. Precursores como A. Aguirre, X. M. Pintos,Vicente Turnes, Alberto Camino, Francisco M0 de la Iglesia, Marcial Valladares, Francisco Mirás, Xosé Pérez Ballesteros. Moito máis significativos son os poemas que abordan a temática relixiosa do "trío de ases" Rosalía, Pondal e Curros. A eles habería que engadir outro grupo grande de clérigos, desde Saco y Arce, o bispo Lago González, Crecente Vega... a outros curas poetas como Xosé M0 Chao Ledo, Daniel Pernas Nieto, Antonio Rey Soto, Faustino Rey Romero, Samuel Eixán, Cortiña Toural, Cabada Vázquez ... Están en fin, tantos e tan bos poemas dos grandes poetas galegos do século XX que expresaron en verso a súa fe: Ramón Cabanillas, coa meirande producción poética relixiosa, Noriega Varela e Aquilino Iglesia Alvariño, Eladio Rodriguez, Francisca Herrera Garrido, Amado Carballo, Luis Pimentel, Bouza Brey, Alvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro, Ricardo Carbalho Calero, Manuel María, Pura Vázquez, Luz Pozo Garza... ademais de Xosé María Díaz Castro, que salienta sobre todos eles. Sen esquecer outros menores, pero tamén salientables como Avelino Gómez Ledo, Manuel Luís Acuña, Lence Santar, Xosé Rubinos, Xosé Díaz Xácome, Mariano Piñeiro, Manuel Cereijo Muíños... De gran parte deles recollemos poemas neste libro, aínda que non de todos.
     Finalmente, non podemos esquecer a outros poetas máis "novos": Helena Villar Janeiro e Marica Campo, Xosé Antón Miguélez e Manolo Regal, que teñen publicado poemarios exclusivamente relixiosos10; ademais, os poemas musicados de Bernardo García Cendán, Xesús Portas Ferro e outros que non teñen obra publicada, pero foron amplamente utilizados na liturxia galega... Así mesmo, cómpre ter en conta poemarios de Xosé Lois García, Arcadio López-Casanova... e outros vates inxustamente pouco coñecidos como Lois Vázquez, Xoaquín Agulla Pizcueta, X.C. Gómez Alfaro...
     Unha referencia exhaustiva da poesía galega de tipo relixioso daría lugar a máis dun groso volume. Unha boa parte del ocuparíano os vilancicos ou Cantos de Nadal. Tense comentado que este fenómeno, que resulta extraordinario polo desprestixio do galego nos tempos escuros, pode explicarse como unha mestura de reminiscencias medievais e identificación sociolóxica entre a pobreza de Cristo e a miseria galega. Os pioneiros desta literatura de Nadal foron os poetas mindonienses do s. XVIII-XIX. Entre estes "Cantores do Nadal" salientan Antón M. Castro y Neira ("O Cura de Argomoso" ), iniciador da chamada "Escola lírica do Nadal de Mondoñedo", Lois Corral Rodríguez (1784-1830) e Xacinto Romualdo López (1808-1895). Tampouco podemos esquecer a Escola compostelá. A Escola poética do Seminario de Mondoñedo deu lugar a moitos máis poetas. Algúns nomes tan coñecidos como: Nicomedes Pastor Díaz, Manuel Leiras Pulpeiro, Antón Noriega Varela, Xosé Crente Vega, Aquilino Iglesia Alvariño ou Xosé María Díaz Castro. E outros non tanto, como Xosé María Chao Ledo, Celestino Cabarcos, Ricardo Bodenlle, Daniel Pernas Nieto, etc.11


O Diurnal Galego, a meirande colección de poesía relixiosa en galego

O Diurnal é o volume correspondente ás horas diúrnas da oración litúrxica da Igrexa, o Oficio Divino tamén chamado Liturxia das Horas12; engloba os himnos, os salmos, as lecturas bíblicas e as oracións correspondentes a Laudes, Hora intermedia,Vésperas e Completas; estas son as horas de oración máis comúns dos curas, relixiosos e relixiosas. Cando apareceu no ano 2000, o Diurnal Galego era unha publicación longamente agardada desde había moitos anos por algúns curas, frades, monxas e leigos cristiáns galegos; un grupo que arelaba expectante un instrumento axeitado para poder rezar en galego en privado e en público.
     Na presentación que fan os bispos galegos do Diurnal falan de "un soño acariñado" para a oración do pobo galego. Soñan con que esta non sexa só a oración exclusiva dos clérigos, senón de toda a Igrexa: "É ao conxunto dos fieis a quen corresponde ser Igrexa en oración", porque a Liturxia das Horas pertence a todo o corpo da Igrexa" 13.
Os bispos afirman tamén:

"Esta Igrexa orante, nunha Galicia bilingüe... non pode seguir sendo predominantemente castelá, senón que debe encontrar tamén a súa canle de expresión na lingua materna de tantos galegos e lingua oficial -tamén- de todos. O Diurnal... pode contribuir a que a oración teña no galego un modo de expresión espontáneo e natural" 14.

     O Diurnal supuña unha empresa editorial difícil, particularmente porque obrigou a crear novos himnos en galego. Foi definitivamente aprobado pola Congregación para o Culto Divino e a Disciplina dos Sacramentos en outubro de 1997. Pero, a pesar das expectativas, cando saíu, finalmente, a finais de 1999, pasou sen pena nin gloria. Con todo, foi un acontecemento fundamental no proceso normalizador da oración litúrxica en galego15.
     Sen dúbida, a meirande riqueza e contribución á oración galega que nos trouxo o Diurnal Galego foron os seus máis de 200 himnos. Algúns tomáronse dos nosos clásicos ou de cantigas litúrxicas galegas xa coñecidas, uns poucos foron traducidos de himnos casteláns ou de outras linguas, pero a meirande parte foron textos creados directamente para esta obra. Cómpre salientar a calidade de gran parte deles nos tres campos sinalados. Pero cómprenos deplorar tamén que o afán rixidamente normativizador-oficialista dos seus correctores cambiara palabras e expresións de textos clásicos e esnaquizara rimas e métricas dalgúns poemas novos, para desolación dos seus autores, tal como lle consta ao que isto escribe. De calquera xeito, cos himnos do Diurnal Galego, víronse moi multiplicados os exiguos recursos oracionais en lingua galega.
     Nunca se fixera un esforzo tan grande de agrupar e crear nova poesía relixiosa en galego, coma o que supuxo a edición do Diurnal Galego. Desde un punto de vista cuantitativo, viron a luz no Diurnal case tantos novos poemas específicamente relixiosos en galego como todos os que se tiñan publicado antes. Desde o punto de vista da calidade literaria, o balanzo é máis discutible, pero non moi inferior ao publicado anteriormente. Pero, desde o punto de vista da expresión relixiosa e, sobre todo, da teoloxía, eu non dubidaría en afirmar que o balanzo é claramente superior; excepción feita dos poemas de Díaz Castro, que alcanzan unha verdadeira altura mística e que, sen embargo, curiosamente, non foron recollidos ningún deles no Diurnal.

A nosa Antoloxía: versos para gozar, meditar e orar

     Este traballo é particularmente debedor da aportación xenerosa de Xesús Portas Ferro, poeta e compositor de cantigas relixiosas ben coñecidas na Igrexa galega, que leva anos na teima da poesía de tema relixioso en galego. Tamén é debedor da valiosa antoloxía Galiza reza, que José Martinho Montero Santalha foi publicando na folla pastoral Boa Nova, editada en Ferrol, ao longo dos últimos números (1980-82); especialmente polo que se refire á literatura portuguesa, que el coñece ben. A literatura feita en Portugal foi e segue a ser desgraciadamente pouco coñecida polos lectores de Galiza, que se privaron así da inmensa riqueza da literatura portuguesa, brasileira e mesmo da lusófona africana16. Ademais, debemos agradecer as suxerencias de bos amigos e amigas coñecedores e gozadores da poesía, especialmente Xosé Antón Miguélez, poeta e teólogo, autor de abundante poesía relñixiosa en galego, da que quedou na nosa antoloxía unha ampla representación; e, asimesmo, de Armando Requeixo, traballador e xeneroso crítico literario.
     Aínda que esta nosa é a primeira antoloxía da poesía relixiosa en galego, coñecemos varias da poesía relixiosa portuguesa e brasileira: A. C. Pires de Lima, A poesia religiosa na literatura portuguesa (1942); G. de Faria, Antologia de Poesias Religiosas (1947); José Régio-A. de Serpa Na Mão de Deus. Antologia de Poesia Religiosa Portuguesa (1958) e A. Jamil Haddad, O livro de ouro da poesia religiosa brasileira (1966).
     Coñecemos tamén antoloxías da poesía relixiosa en castelán e noutras linguas de España: P. Schneider, Cien de las mejores poesías religiosas de la lengua castellana (1946); Poesía religiosa española. Antología (1960); L. de Luis, Poesia religiosa española contemporánea. Antología 1939-1964 (1969); E. de Champourcin Dios en la poesía española actual (19722), que ademais de poemas en castelán, tenos en galego, vasco e catalán; Mª E. Soriano, P. Maicas e Mª D. de Asís, Hombre y Dios (3 tom. sobre poesía española, latinoamericana e europea, 1995-2001). Temos referencia de outras antoloxías: Poesía religiosa valenciana (1949), Breu antologia poesia religiosa catalana (1982), Poesía religiosa vasca (1983)...

     Dividimos a nosa antoloxía (200 poemas) en dous grandes apartados que titulamos:
I. "Os clásicos galego-portugueses" (60 autores, 130 poemas).
II. "As e os poetas galegos contemporáneos" (30 autores, 70 poemas).
     A diferenza entre ambos non vén da menor ou maior calidade dos versos, ou a forza relixiosa que manifestan, senón da lonxanía ou proximidade a nós no tempo, e, particularmente, no feito de teren finado xa. A orde que ocupan no noso traballo é, aproximadamente, segundo a data de nacemento.
     Iniciamos a antoloxía coa riquísima poesía medieval galego-portuguesa; están á cabeza algunhas das Cantigas de Santa María de Afonso X, e logo outras catro máis dos nosos trobadores. Unha representación seguramente exigua a xuizo de algún lector, pero nós coidamos que suficiente polo tema explícito e polo amplo espectro histórico que cubre esta antoloxía. Respectamos a súa grafía, aínda que poida representar unha pequena dificultade para o lector.
     En segundo lugar, e considerando que pode ser unha grata novidade para o lector galego, escollemos unha representación da poesía feita en Portugal entre os séculos XV-XIX (máis de unha ducia de autores), anos escuros da lingua en Galiza. Pareceunos particularmente importante a inserción destes textos na nosa antoloxía, porque cobren o longuísimo espazo histórico entre a poesía medieval galego-portuguesa e o século XIX, co Rexurdimento; cinco longos séculos nos que en Galiza semellaron calar as musas da nosa lingua. Coa excepción de José Régio -magnífico e recoñecido poeta relixioso cunha ampla obra publicada- deixamos fóra a poesía portuguesa do século XX, así como a brasileira e angolana; sobre todo no caso destas últimas por non pretender adentrarnos nun mundo amplo que non coñecemos en profundidade e, tamén, porque neste século xa temos bastante poesía boa feita en Galiza. E unha ultima observación a este respecto, aínda que a representación dos clásicos portugueses non está feita con intención filolóxica, consideramos que era imprescindible respectar a terminoloxía, sintaxe e grafía na que foron escritos, agardando que non represente unha gran dificultade para o lector galego, alén de algunhas cuestións ortográficas e sintácticas doadas17. Superadas estas pequenas dificultades, o lector ha agradecer a cualidade dos textos escollidos. Debemos dar as gracias, de novo, á colaboración de José Martinho Montero Santalha, tanto na corrección linguística dos textos medievais coma os portugueses.
     En terceiro lugar, van os poemas dos escritores galegos, algúns ben coñecidos, gloria das nosas Letras, e outros menos.
     Finalmente, na segunda parte, temos os poemas de escritores e escritoras que aínda viven (salvo Fiz Vergara Vilariño). Algúns son xa verdadeiros clásicos en vida, como Luz Pozo, a única académica da R.Academia Galega. Incluimos aquí poemas publicados e poemas inéditos (suministrados persoalmente polos mesmos autores), poemas de autores con obra publicada ou non.
     Prácticamente, tódolos poemas antologados van completos. En algúns casos non; facémolo por razóns do interese relixioso desta antoloxía. Nese caso, poñemos no lugar da omisión puntos suspensivos entre paréntese (...). É o caso do primeiro poema de Rosalía, o ben coñecido "Campanas de Bastabales", ou do longo poema de Curros "A Virxe do Cristal", no que omitimos a longa lenda, para deixar só os versos que son unha creación máis personal do poeta de Celanova. É tamén o caso do longo poema de Cabanillas "Do abrente ao serán" e algún outro poema máis.
     Os poemas van precedidos dunha pequena entrada, na que situamos brevemente unha referencia xeográfica e biográfica, vida e obra do autor, así como o poemario do que sacamos o/os poemas antologados. Coidamos que pode axudar a contextualizar, comprender e gozar más da súa lectura.
     E unha necesaria consideración final. Sen dúbida, unha antoloxía é sempre algo subxectivo, pero na nosa tentamos conxugar varios elementos que consideramos imprescindibles para unha boa antoloxía da poesía relixiosa:
     - En primeiro lugar, tivemos presente a calidade literaria. Non necesariamente excelente, nin moi creativa ou moi orixinal, pero cunha calidade poética digna. Isto parécenos fundamental, porque uns versos malos non poden dar un poema relixioso bo. Pensamos que esta é tamén unha razón pola que mesmo un lector pouco interesado polo tema relixioso, pero si pola literatura galega, pode achegarse con interese e gozo a este traballo.
     - En segundo lugar, tivemos presente a calidade relixiosa. Tanto pola súa unción relixiosa crente, como pola busca de Deus. De autores situados na ortodoxia da Igrexa, ou na heterodoxia; na fe cristiá ou en calquera outra. Desde unha actitude de pacífica posesión da fe, ou desde unha fe crítica e mesmo atormentada. Neste aspecto, cómprenos salientar que non coincidimos necesariamente en todo ou en parte coa teoloxía e a espiritualidade que reflicten bastantes bos poemas que trouxemos aquí, inevitablemente fillos de outras épocas e otros pensares; cousa que si nos ocorre con outros moitos. É o lector o que ten que escoller e xulgar, seguramente desde distintos criterios.
     - E, en terceiro lugar, na nosa escolla tivemos, tamén, presente o carácter de oración, explícita ou pola calidade de reflexión profunda sobre cuestións humanas transcendentais, sobre o divino e o humano. Algúns dos mellores poemas que incluímos seguramente non se poidan considerar oracións en sentido clásico, pero outros moitos, ademais de levar específicamente o título de tales, si que lle serán moi útiles ao lector, tanto para a oración persoal como para a oración comunitaria.

Ferrol , Primavera do 2006


¿É relixiosa toda poesía?
(...)
Nas adegas do espírito latente
o Creador está como Poeta".


Lois Vázquez (O meu presente infindo na palabra pluriforme)




NOTAS
1. X. Alonso Montero preferiu outro poema de Díaz Castro ("Penélope") para incluir en Os cen mellores poemas da lingua galega, Ed. Celta, Lugo 1975.
2. Manuel María, "Poemas de Xosé Maria Díaz Castro non recollidos en libro", en Homenaxe a X.M. Díaz Castro, Lugo 1987.
3. Leopoldo de Luis, Poesía religiosa española contemporánea. Antología (1939-1964), Alfaguara, Madrid 1969. O poeta ao que fai alusión aquí é Dámaso Alonso, na súa obra Poetas españoles contemporáneos.
4. E. de Champourcin, Dios en la poesía española actual, BAC, Madrid 1972, 4-5.
5. E. de Champourcin, op. cit.5.
6. L. Panero, Escrito a cada instante, Bullón, Madrid 1963.
7. J. Martín Velasco, La experiencia cristiana de Dios, Trotta, Madrid 1995, 13.
8. Cf. entre os numerosos traballos a este respecto, salientan os aparecidos en Encrucillada: X. M. Montero Santalla, "Panorama da Literatura Relixiosa galega", 4 (1977) e "No segundo centenario do cura de Fruime", 5 (1977); X. Filgueira Valverde, "A relixiosidade de Amado Carballo", 27 (1982); A. Torres Queiruga, "Catro perspectivas sobre a actitude relixiosa de Rosalía", 43 (1985) e "Alvaro Cunqueiro, o envés da realidade", 72 (1991); M. Regal Ledo, "Aquilino Iglesia Alvariño, un anaco da terra cha luguesa", 47 (1986); X. García Vilariño, "O feito relixioso na poesía de Celso Emilio Ferreiro", 47 (1986)...
     Tamén apareceron interesantes traballos noutras publicacións: a valiosa antoloxía Galiza reza, que X. M. Montero Santalla publicou nos últimos números da folla Boa Nova, editada en Ferrol (1980-82); o seu traballo máis científico "Sacerdotes da diocese de Mondonhedo que foron escritores en lingua portuguesa", Estudios Mindonienses 2 (1986); os estudios publicados por X. Filgueira Valverde en distintos vols. do seu Adral (III, sobre Amado Carballo e Casado Nieto; IV, sobre Saco e Arce;V, Sobre Rosalía e Pondal; VII: Sobre Cunqueiro...); X. A. Miguélez, "Deus nos poemas de Nimbos de X. M. Díaz Castro", en Homenaxe a X. M. Díaz Castro, Vigo 1987; A. Requeixo, "Xosé María Díaz Castro, poeta de preguerra", Madrygal 2001,4; "Literatura religiosa actual"; El Correo Gallego; V. Pérez Prieto, "Manuel María, poeta relixioso", en Manuel María, Lugo 2001...
9. Cf. V. Pérez Prieto, Galegos e Cristiáns, SEPT, Vigo 1995. Tamén A xeración Nós. Galeguismo e relixión, Galaxia, Vigo 1988 e A Romaxe de Crentes Galegos Irimia, Santiago 1998. Igualmente X. Ferro Ruibal A Igrexa e a lingua galega, Santiago1987, cunha rica achega documental.
10. Cf. V. Pérez Prieto, Galegos e cristiáns.
11. Cf. F. Villares Mouteira, Os poetas do Seminario de Mondoñedo, Lugo 1997, con prólogo de X. Alonso Montero; A. Requeixo, Escritores Mindonienses, Mondoñedo 1998. Verbo da poesía desta escola de Nadal, ten publicado numerosos traballos José-Martinho Montero Santalha: "Texto de seis vilancicos de Natal cantados na catedral de Mondonhedo no primeiro quartel do século XIX", Nós, 13-18 (1989); "Quatro vilancicos mindonienses da terceira década do século XIX", Agalia, 20 (1989), etc. Cf. tamén V. Pérez Prieto "Os Himnos de Nadal do Diurnal Galego", Lucensia 23 (2001). Entre as últimas publicacións que coñecemos de poesía de Nadal, están os libros de Manuel María Panxoliñas, Lugo 1992 e de L. Vázquez Fernández, Nadal da nosa nada, Madrid 1998.
12. A Liturxia das Horas é a oración oficial da Igrexa, que pon a cargo das comunidades de monxes e monxas, frades e relixiosas; sobre todo das co-munidades contemplativas, que adoitan facelo con máis solemnidade. A Igrexa encomenda tamén esta obriga aos curas, como unha das máis Agraves@do ministerio ordenado, tal como prometen no ritual da súa ordenación.
13. Liturxia das horas. Diurnal, Presentación, Provincia Eclesiástica de Santiago-Editorial Regina, Barcelona 1999, p. 6.
14. Ibid. p. 7.
15. Até entón só se dispuña a tal efecto, aparte do Salterio e a Biblia Galega, dun libro ad usum privatum que levou os títulos de A Liturxia das Horas, e A oración da Comunidade Cristiá. Cf. V. Pérez Prieto "Os himnos do Diurnal Galego: a mellor colección de poesía relixiosa galega", Encrucillada 142 (2005), pp. 61-83; particularmente o longo apartado "Os autores dos himnos".
16. Cf. Os libros de X. L. García Fernández, Poemas a la madre Africa. Antología de poesía angolana del s. XX, Ed. do Castro, Sada, 1992; Floriram cravos vermellos. Antología poética de expressão portuguesa em África e Ásia, Espiral Maior, A Coruña, 1993; Antologia da poesia femenina dos Paises Africanos de Lingua Oficial Portuguesa, Ed.Laiovento, Santiago 1998.
17. Fundamentalmente:ç=z, ge, gi=xe,xi,j=x, lh=ll,-m=-n, nh=ñ, ss=s, ze,zi=ce,ci... algunhas cuestións de acentuación, etc.

 

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega