Os ruíns

Páxina Anterior

O ladroeiro

 

m1carvalhocalerosobreteatro016.html

     I
O LADROEIRO XA


Era a unha da mañán e tornaban pra o casal os dous namorados. Casáranse faguia un mes, e góstaban de anduriñar os seus amores á brisa da noite i á lus do luar. Viñan xa cansos de percorrer os belidos arredores da anterga cibdade, e fóronse deitar, co sono nas pálpebras.
Non ben findaran de se mergullar no liño mesto, cando un témero e abraiante espirro sala de embaixo o leito.
—Antón—berrou a muller (Tiña na boca trinta e duas castañolas.)
—Serea, muller.
I-o home chimpóuse ao.chan.
—Saia de ehí, señor. Abula, pronto!

I-o outro surtíu:
—Peitoguéime antronte, sabe? Ten un tan pouca roupa...
—Quén é vostede?
—Un probe home, señor.
—E qué fai eiquí?
—Pois... vín roubar. Mais dimpois tomei medo. É a pirmeira vegada que o fago, sabe?, e non teño vezo: non sei coma hei comenzar.
—Por onde entrou?
—Deixeme gardal-o segredo. Coido que non ha ficar ben o ladroeiro que o conte todo.
—Boeno; pois agora, rua. Veña conmigo.
—Señor!
—Qué lle acontez?
—Teño tanta fame!
—Que lle imos faguer. Agora xa me non pode roubar.
—É certo.
—Rua!
—Antón —dixo a muller, que deica entón tivera a chola asolagada no liño. I-engadíu;
—Vai á despensa e dalle de comer.
—Deus llo premie!
I-o témero home saíu de alí a un chisco, rillando n-un toro de queixo, incrustado no meio de unha códia de pan.


***


Os dous namorados durmiron aquila noite encheitos de ledicia. Il por terlle amostrado ao ladroeiro a sua xurdia inteireza; ila por lle ter ensinado o seu feitío lanzal.




II
A FAME


De alí a dous días a escea recuncou:
—Perdóenme, señor. Eu non quería vir: estáballes de abondo gradescido pra tornar aos desacougar. Mais os tempos son tan ruíns; naide se deixa roubar xa. I-eu voltei porque eiqui sempre tiña o meu queixo afiuzado. Sei ben que non é de ladroeiro esgrevio ademitir esmola, mais a fame manda, señor!
E unha vegada mais o mal pocado chegou á rua, rillando cos dentes podres un anaco de queixo nunha códia de pan.


***


De alí pra diante a decotío tiñan os namorados a mesma escea. A forza do vezo tiráballes os azos pra apañar outro romate.
—Ao fin i-ao cabo —pensaban— isto é faguer caridade.
—Certo que eu non son un «barman» —matinaba Antón— mais os «sandwichs» de queixo non-os fago mal.
Pasou unha semán, e houbo que mercar mais queixo. De alí a uns días xa estaba a romatar.
O ladroeiro agardaba embaixo do leito. Cando os namorados chegaban, il ficaba alí; tíñanno que afoutar a deixar o chan. Gardaba, coma un tesouro, a sua esgrevidade de antrometido.
Sabíase de cor a topografía do xergón metáleco: tiña catro buratos; tres con faciana de home i-un con cara de can.


***



Xa diran as duas da mañán e ainda non chegaran os dous namorados. O ladroeiro agardábaos nervoaso, inquedo, fedellento. Estaba xa o cinto de coiro no derradeiro burato. Coma o home era tan longo, tiña as pernas engruñadas, cos xoellos entoñados no peito. Aquil esforzo tíñao mallado.
Contra a mañanciña ficou durmido e non espertou deica o sol-por. Cando tal fixo non era dono de sí; parescíalle sere un embrullo de carne e osos, sen finalidade fisiolóxica algunha. Ao isto Ile pasar pol-o miolo, tremeu arrepiado. As pernas ficáranlle tolleitas e custoulle unha hora longa podelas esticar.
Cando voltou á realidade, pensou n un arrepío:
—Hoxe é hoxe, ou será mañán?
I-a pergunta beiláballe na chola coma n un cabazo valdeiro.



***


De alí a un anaco diron as oito. As badeladas viñan de un relóx lonxano, mais o ladroeiro, no seu estafamento, coidaba que Ile caían nos ollos, dende o xergón: a cada badelada pechaba as pálpebras, con medo a morrer.
Co resol da primadeira ollaba as faces dos homes a lle faguer carantoñas de medo; o can agora somellaba un urco.



***


I-o ladroeiro agardou toda a noite, adivifiando no mais cativo bruido a sua liberazón.
Logo ollou en sonos coma da Habana viña un barco carregado de queixos...




III
A CONCENCIA DO LADROEIRO


Espertou co-a serán. As barbas madráranlle moito aquila noite; il sintía coma a vida lle fuxía por alí. Agora tiña o corpo feito de lán. Menos a chola: a chola era un cortizo, inzado de abellas.
De alí a un anaco sinteu barullo de cabacóns de muller. Ao intre entrou no ban a criada do casal; o noso borne non-a ollara endexamais, mais ila abondaba a se procramare tal.
I-o ladroeiro estivo n-un chisco de se erguer n-un pulo —tería azos?— e lle espetar sen mais:
—Señora, eu teño amizade con seus donos; unha fonda amizade de fai perto de un mes. Todal-as noites eu veño, e, dimpois de nos falar das nosas cousas, iles dánme un anaco de queixo-i-unha códia de pan. Vostede, agora, debía d-os somellar. Mais se non han demorar moito, agardarei; van duas noites que non veñen pe de min.
Mais logo cabilou:
—Non fagas tal. A criada non acreditará e chamará pol-a poliza. E se che agrilloaran?: comerías na cadea. Mais, non —engadiu—, che non agrilloarán: pra mais maliaxe non tes feito ningún mal!
I-o abraiante ladroeiro engruñouse ainda mais.
Namentres matinara, xa a criada se tiña posto catro traxes e dous chapeus da sua dona. Deixara o almario aceso, e tencioaba esprovar todol-o «stock». Cunha presa danada tiraba e puña os adobios.
I anque a ispida muller tiña as pernas algo tortas, o ladroeiro pensou pra si:
—Non está mal.
Mais dimpois xurdíronlle na chola os seus outos probremas, e xa non pensou ren mais na criada aquila.
A final a muller saín da peza co traxe mais rechamante i-o chapeu mais estraio. No ruín acaer, e co pouco xeito que lle donaba á roupa, a criada sornellaba un moneco das herbillas.
I-o noso home decatóuse eutón de que os namorados tiñan saído da cibdade. Se llo avisar!
Quixo berrar e calou; qnixo chorar i-o pranto non xurdíu; teimou erguerse en percura do queixo, mais o frebe corpo i-a limpa concencia non llo ademitiron.
—Asemade —pensou— cicais volten ista noite.




I V
ROMATE


Cando os namorados tornaron, de alí a uns días, un cheiro teimoso enchía o casal.
A criada, que tiña o bo costume de non barrer embaixo dos leitos, ceibárase do abrallo de atopar o cadavre do ladroeiro. E coidaba que o cheiro viña da rua.


* * *


A namorada arreitou bágoas a cotío, i-a criada fixo un prante con todal-as da lei. Namentres, o Antón chamou á Xustiza.
Os médecos que fixeron a autopsia ao labroeiro, coma non lla fixeron, non viron un bandullo ateigado de lan. E puxeron ao romate do parte: «Causa da morte: inanizón».
Namentres, os ratos rillaron o queixo na despensa.


* * *


Aquilo foi un grande embrullo xudizal...
 

 

 

 


     
     

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

 


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega