Poemas na emigración

Páxina Anterior

A casiña de pedra

Páxina Seguinte

v3mdiz011.html

Ollo neste curral, onde pasaron os carros de toxos,
onde tiña unha mimosa verde-amarela e garbosa coas
súas flores caíando de vagariño, bicando o chan, vexo
relucindo os "brazos" do Sol querendo abrazá-la.

Levanto e lavo o rostro na pía do cano do rego, vexo
nesta mañá cediño a xeada nas pedras do camiño,
este nectar branco e frío do meu tempo de rapaciño,
que facía rachar orellas e mans ó pasar no porteiriño.

Este curral por onde o pai de meu avó pisou no estrado
de toxos molares, cos zocos untados co unto derretido,
zocos feitos coa aixola e xubia na beira da larereira
alumeando co lume feito debaixo do pote do caldo.

Mirando estes recantos á sombra, un pouco agachados,
por onde en tempos antergos un misionario camiñou
descalzo catequizando e orientando as crenzas desta
xente, que adorava e traballava cantando á natureza.

Péchome dentro desta miña alma rompida en anacos,
pensando nos días que por qui pasei andei e soñei ás
tardiñas de sombra e de mañá esperando o sol raiar,
neste lugar, onde nacin, dormin, chorei e soñei.

Por enriba das cortes das vacas, onde comían a erba e
demadrugada oía o capón cantar no poleiro, miro na
lacena feita de pedra nun buraco da parede, na outra
esquina, e do lado esquerdo, vexo o forniño de pan.

No teito, o canizo cheo de sarro pra carne defumar,
na lareira, vexo parromeira e pote para poder colgar
na gamalleira de ferro que é costume case milenar.
No outro canto, un escanil para poder á noite sentar.

Son moitos recordos deste lugar d'Alén, das noites
ó redor do lume contando contos ou xogando brisca,
que deixan meu corazón petrificado e en anacos.
Non suporto máis tanta soidade no fin da camiñada.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega