Poemas na emigración

Páxina Anterior

Nas portelas

Páxina Seguinte

v3mdiz012.html

Estou aquí por enriba das portelas, entre os toxos que
a "lingua"do lume non chegou e non poide lamber.
Onde as vacas charnecas pastaron un día de primavera,
e á noite os ventos salvaxes ouvean pavor e terror cun
sonido que parece relucir coa lúa chea e dourada,
que por entre as nubes atravesa a noite pecha e temible.

Aquí, onde outrora gardei as ovellas do lugar d'Alén
que comían os toxos, carrascos e carqueixas floridas,
daquí, axexava o Sol montado no outeiro desta chaira
deslumbrante, este outeiro esburacado polo vento que
asoprava a chaqueta de un meu avó cando subía o Val
do Forno e baixava a Costa da Lamela polos carreiros.

Aquí, nestas fontíñas, entre as laxes puntudas e de
augas cristalinas onde bebe o Sol e bebeu a besta de un
soldado mouro, séntome, de novo, pechandome nos
recordos destas fontíñas que fuxían co cantar dos
gandeiros costa abaixo, polos carreiros, deica o regeiro,
levando xunto con elas o lamento da melodía.

Aquí de pé, nesta chaira entre as laxes puntudas e
cheas de musgos verdes e de lendas antergas que,
parecen querer bicar as nubes brancas, neste lugar,
de onde o gandeiro axexava as ovellas, miro ben
a paisaxe, cecais pola derradeira vez, ollo a puza do
ceo esbarrancada onde eu cansado descansava.

Aquí neste coto alto do Ceo, os outeiros querendo
algunha cousa contar, cecais as lendas e cantos oídos
dos paxariños e gabián, cando cantan as tristezas das
soidades dos tempos en que os rapaces andavan coas
ovellas e vacas a gardar, do carro de bois co eixo de
vido e dentoiras de salgueiro polas carrilleiras a cantar.

Aquí nesta tardiña, escudriñando mil cousas antergas,
onde as mozas collian a leña co fouciño para engavelar,
oio os ventos do porciño do sol "andar"e asubiar
as cántigas bonitas e melodiosas das mozas a cantar,
cando alegres cantavan pro novio poder escoitar, o seu
corazón cheo de amor e vida nun eterno palpitar.

Axexando dende o pico do monte da Abeleira, onde vexo
as augas das fontes o sol reflexar os picos irmans desta
Terra de Montes: o Pico de Costoia, Bernalda e Monte
Candán, por onde moitos homes valentes e aguerridos
subiron bebendo as augas que aínda corren chorando
as bágoas das nais que perderon seus fillos loitando.

¡Oh Terra de montes! chea de meiguice e encantos mil:
de mosteiros, igrexas, torres, pontes e castros; de
canteiros, artistas guerreiros e labregos; de mámoas,
ermitas, romerías e chozas; de feiras para pasear,
mercar, vender e pescudar, alumea a todos os teus
gobernantes para que a nosa Galiza poida mellorar.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega