Poemas na emigración

Páxina Anterior

Campos verdes

Páxina Seguinte

v3mdiz039.html

¡Oh campos verdes e floridos!
Verdes campiñas ensolaradas,
por onde a herba medra entre
salgueiros, regueiros e baixadas.

O paspallás corre saltando
ben rentiño do chan,
dando o seu grito de guerra
para espantar o gabián.

¡Oh eternos e floridos montes!
Onde a perdiz fai os niños,
para agarimar os seus ovos
criando así os seus pitiños.

Camiños, carreiros e carrilleiras
por onde o gando vai pro monte,
comendo carrascos e carqueixas
que nacen ben preto da fonte.

A laverca está ben no alto
repicando o seu cantar,
falando pro compañeiro
que son horas de aniñar.

Debaixo dos pinos verdes
hai toxos ben pequeniños,
cheos de flores douradas
entre os gallos e espiños.

A carriza saltariqueira
fai o seu niño nos muros,
por dentro coa lan de ovella
por fóra musgos verde-escuros.

Polo camiño do Casteliño
ó abrigo dos barrancos,
vou subindo cara o monte
para poder regar os campos.

Ese merlo moito asubiadeiro
é máis bravo cos lostregos,
vive de comer os froitos
nas hortas dos labregos.

O xílgaro fixo un niño
nas pólas das pereiras,
para poder comer as uvas
por debaixo das parreiras.

Para poder facer o lume
nas cociñas que tén lareiras,
hai que buscar no Valdoforno
un bo feixe de carqueixas.

As urces que ten na urceira
xa non teñen máis cañotas,
arrancáronllas os ferreiros
para queimar nas súas forxas.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega