Poemas na emigración

Páxina Anterior

Bisbarra de Montes

Páxina Seguinte

v3mdiz042.html

¡Terra de Montes! Cómo me dois e me sobresais
en ti e sen ti - por próxima e ás vezes distante.
Como te sinto e sufro aquí, porque me faltas
nos meus soños, realidades e necesidades.

Aquel aire musical, cristalino e ás vezes ferino,
aquel sol de raios máxicos entre os carballos,
a Lúa dourada da media noite sorríndome,
o canto matinal dos paxaros encantándome.

Aqueles montes e baixos vales encaracolados,
aquel subir e baixar perpetuamente, sen chegar,
onde os camiños e as pedras choran en silencio
a ausencia de miñas pisadas firmes de antano.

Aquelas corredoiras, por vereas e planicies dán
unha soidade inmensa estendendose máis alá
de si mesma, con afán de dominio e reencontro.
Así, voume sentindo coma unha alma en vilo.

Sobre tanta extensión de recordatorios, é tan
intensa a luz que me alumea ó camiñar sen
unha nube polo ceo da Terra de Montes,
onde a maxia, fai o ocre da terra brillar.

Algunha cousa ficou oculta entre as suaves colinas
e o verdor sereno dos campos, onde a a natureza
e o home aparecen eternamente unidos polos
húmidos, sedosos e tranquilos vales.

Terra atravesada por nubes, ventos, corredoiras e ríos
que multiplican os reflexos sumerxidos e rasantes,
onte sobre os millerais, hoxe sobre prados verdes.
Terra alegre e xuvenil; anterga e feminina.

Os teus ríos con seus pequenos afluentes deseñan
á flor do chau seus delicados meandros e o seu
val coma unha manta feita de retallos, definen
a corredoira do hórreo desta terra galega.

Camiños e carreiros que pasei de día e de noite,
alumeando meus ollos nas trebas nocturnas
que falaban comigo ó camiñar enamorado,
polo orballo da rubra auréola matinal.

¡Xirarga da Terra de Montes, como te amo!
O teu pobo enxendraba bens e ledicias,
arando e peinando as súas terras, nas
que seus devanceiros deixaron súa fe.

Agora, estou de mans atadas e pernas cansadas
polo camiñar en círculos para te encontrar,
vivindo sen teu agarimo co corazón partido,
pasei a mor parte da vida sempre a soñar.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega