Rancores do pasado

Páxina Anterior

Parte III

Páxina Seguinte

v9dizramosrancoresdopasado005
     Abel tiña ficado orfo de rapaciño, cando o seu pai morreu na frente de batalla do Ebro, na guerra civil española e  a nai enfermou morrendo pouco tempo despois, quizais de desgusto pola perda do esposo. Por iso, el tivo que morar cos avós paternos, eles gostaban moito do neto porque ademais de ser moi educado era estudioso e constantemente o comparaban con un dos fillos que estudiara teoloxía, é dicir, estudara para sacerdote.
     Así, logo que el terminou os estudios na escola de súa aldea, foi completar os estudios pré-universitarios nun poboado próximo onde tamén tiña aulas particulares de linguas.  Nunha visita que o fillo cura e un seu compañeiro de sacerdocio fixeran á casa dos avós de Abel, o compañeiro do fillo ficou maravillado coa desenvoltura do rapaz con relación ao coñecemento de linguas e, de unha certa maneira, de coñecementos xerais.
     El animou aos pais do amigo para que o incentivasen a continuar os estudios, dicíndolles que o ideal sería que o mandasen para un Seminario ou unha Facultade de Letras. Antes de marcharse, os dous sacerdotes, o tío preguntoulle ó sobriño se lle gustaría de estudiar nun Seminario ou Facultade, pois, eles poderíanlle indicar as mellores escolas de cursos superiores: tanto en Seminarios como Facultades.
     —A ti gustaríache de estudiar en Santiago de Compostela, Abel?
    —Si, tío!. Pero debe custar moitos cartos e, nen eu nen os avós  poderemos pagar. A idea é moi boa se eu puidese conseguir unha bolsa de estudios a través dalgunha persoa coñecida da Facultade. E para morar teño uns familiares de miña nai que viven en Santiago, o tío Antón e súa esposa.
    —Olla, Abel, para morar, xeralmente na propia Facultade ou Seminario costuma ter acomodacións para os alumnos que ten poucos recursos monetarios, dentro ou próximo ás Escolas, por iso, a moradía non sería grande problema.
     Dentro de pouco tempo, Abel xa estaba de maletas prontas para enfrentar o curso superior de letras. Os parentes de Abel moravan nunha casiña humilde nos arredores de Santiago e fórono esperar na estación do tren cando souberon da noticia polos avós do rapaz.
     —Hola, Abel. Como foi a túa viaxe? Chegou sen problemas?
     —Foi moi ben, tío. Sen nenhun obstáculo na viaxe, a penas un pouco cansado polos zig–zags do tren nas curvas da ferrovía. 
     —E o señor e a tía, como están de saúde?
     —De certa maneira, pola nosa idade, creo que todo está ben. É claro que ás veces teño algúns problemas na columna vertebral, pero, como xa dixen, é todo consecuencia da idade.
     O seu tío-avó foi lle mostrar o vestíbulo onde ficaría ata a súa ida para a Facultade, dentro de uns días. No día seguinte, na hora de almorzar, o Abel coñeceu a outra parenta, a Mariluz. Ela ó darlle as boas-vindas a Santiago, el respondeulle con un sorriso de satisfación, dicíndolle:
     —Moitas grazas, tía Mariluz. Como vai a señora?
     —Levando a vida sen grades cambios, a non ser que, a cada ano que pasa fico un pouco máis vella.
     —Olla Abel, ti podes te lavar aí ó lado do corredor no pequeno lavabo, despois ven almorzar.
     Abel era un rapaz atlético de un sorriso fácil, con un semblante agradabel de cabelos castaños e ondulados. De noite, ó deitarse, ficaba lembrándose dos días do colexio no seu poboado e, principalmente, dos colegas de aula, entre outros, o Valerio, o Bernardo e, é claro, a namorada. A Facultade agradoulle dende o comezo. Era un edificio moi antigo, tal vez fose construído na época de Xelmirez. Os nomes de algunhas salas de aula daban testimuño dos seus fundadores oriundos do clero que servía á Catedral de Santiago.
     A cidade de Santiago de Compostela, a pesar de ser fundada entre os anos de 812 e 814, polo rei Alfonso, o casto, aínda hoxe conserva un carácter medieval, onde o tempo, na parte anterga, parece que adormeceu xunto con o sepulcro do Apóstolo. Tódalas pedras de Santiago de Compostela evocan historia e feitos singulares. A vida universitaria dalle un carácter festivo e cordial, a través dos tempos. A cidade non pode ser concebida sen a grandeza e o encanto dos Soportales e a presencia case contínua e lenta da chuvia fina que parece personalizarse no toque meigo e silencioso, ao bicar as pedras milenares das rúas compostelanas
     Quizais por iso, a nova escola de Abel tivese as normas ben ríxidas, dando a impresión de aínda estar a seguir os costumes un pouco máis antigos con unha disciplina moi severa, ás veces un pouco autoritaria demais. Moitas veces, el ía visitar os lugares históricos ou de ocio para non ficar entediado ou incomodar os parentes que xa tiñan unha certa idade e necesitaban un pouco máis de liberdade persoal.   Nun deses paseos, encontrou cun dos antigos coñecidos da escola do seu poboado, era o Bernardo  e foi logo saudándoo e preguntándolle:
     —Hola, Bernardo! Como estás e o que ti estás a facer aquí en Santiago?
     —Eu estou ben, grazas a Deus. E ti como estás de saúde e como tes  pasado o teu tempo de ocio?
     —Olla, Bernardo, como ti estás a ver, neste intre, eu gozo de perfecta saúde e estou aquí na casa de meus tíos, ata conseguir unha habitación para durmir na Facultade onde estou a estudiar.
     Os pais de Bernardo eran propietarios de unha pequena frutería no poboado de Abel. Eles tiñan vindo de unha outra cidade moi próxima para instalarse alí co pequeno comercio de frutas e outras especialidades de alimentos que se consumían naqueles pequenos poboados do interior de Galicia.
     —Abel, polo que estou ouvindo parece que vamos ser colegas de novo nos estúdios, soamente que desta vez na Facultade, claro, se fixermos o mesmo curso.
     —Eu pretendo cursar Letras que o que máis gosto. E ti, que curso vas a facer?
     —Eu vou facer o curso de Dereito, meus pais queren que sexa abogado para defender os inxustizados. Ó menos é o que eles sempre me falan.
     —Ben, así mesmo, estaremos sempre un preto do outro, cando menos na hora de entrar e sair das Facultades. Ti na de dereito e eu na de Letras.
     Pouco tempo despois eles xa estaban acomodados, nun edificio ben antigo, cada cal na súa respectiva habitación interna da Universidade de Santiago de Compostela. Normalmente cada habitación contiña de dúas a catro camas con un pequeno cuarto de baño e un garda-roupas en comun. Claro, toda a Universidade de Santiago, xunto coa cidade ten unha historia invexabel.
     A Universidade, sen dúbida, dende a súa fundación, na Cidade de Santiago de Compostela, polarizou todo o saber cultural do Santo Patrón de España, desenrolando unha extraordinaria vida cultural. A Universidade propiamente dita foi fundada polo arcebispo Alonso de Fonseca, e unha bula do Papa Clemente VIII, en 1525, autoriza o estudo de Farmacia, Artes, Teoloxía e Dereito. As obras da actual Universidade foron iniciadas aproximadamente no ano de 1582, activadas en 1769 e concluídas en 1805. Hoxe, esta grande e famosa Universidade, abriga tamén as facultades de Letras e Filosofía...
     Porén, a habitación de Abel era unha das poucas que aínda non estaba completamente ocupada, Tal vez porque tiña sido un dos últimos alumnos a facer a reserva, ela era opcional e paga en separado do Curso de Letras.
     Uns días despois, cando el saía da habitación para dar un paseo nas proximidades da Facultade, decatouse que un xoven de boa apresentación estaba chegando e ollando para el. Puxo a maleta no chan e apoiándose no lado da porta cun xeito de superioridade;  preguntoulle:   
     —Ti es o alumno Abel?
     —Sí. Son eu mesmo.
     —Eu son Pepe. Novato. Tamén vou usar esta habitación.
     Inmediatamente empuxou a maleta para dentro da habitación e ficou ollando para Abel e o seu único compañeiro que tamén tiña chegado no día anterior. Era un xoven alto e arrogante e o seu rostro non escondía a dureza de carácter.
     —De onde ti estás a vir? Preguntoulle Abel.
     —De un Seminário preto de Ourense. Ti coñécelo?
     —Non. Pero xa escoitei algunha cousa sobre ese educandario relixioso.  Din que alá a disciplina é moi severa. É verdade iso que contan?
     —Se aquí fora a mesma cousa que é alá, eu doume por satisfeito. Non teño nada a reclamar do tempo en que estiven alí a non ser por pequenos contratempos. Pero, eu tamén escoitei que as normas desta Facultade son moi ríxidas.
     —Por agora aínda non podemos reclamar nada, máis adiante veremos como é. Segundo me falaron, aquí eles baten primeiro e preguntan despois.
     —De que provincia es ti, Abel?
     —De Pontevedra. Dun lugar moi preto daqui de Santiago —da Terra de Montes/Tabeirós—. Respondeulle el todo orgulloso. Son un dos proletarios que a clase dominante aceptou nesta Facultade.
     Pepe puxo unha cara parecendo que non lle gustou a metáfora, pois, na verdade, el era fillo da clase tida como dominante de unha familia tradicionalmente ben sucedida, é dicir, non eran labradores como era a maioría daquela rexión galega.
     Respondeulle el:
     —Quizais ti tiveses máis facilidade de entrar no Curso de Letras do que eu tiven, Abel.
     —Poderías me explicar mellor o que consideras fácil ou difícil, Pepe?
     —Ben, é que conforme din os profesores dos lugares a onde eu xa estudiei, ás veces creo algúns ploblemas disciplinares e, eles fican rexistrados no meu currículo, por iso, nin sempre son “persona moi grata” nas escolas ou facultades.
     O recén chegado quitou o paquete de cigarros, puxo un na boca e ofrecendo ó mesmo tempo aos novos compañeiros da habitación, se eles tamén querían fumar. Abel ollou imediatamente para unha pequena placa colgada na parede, por cima da porta onde estaba escrito: “É prohibido fumar en calquera unha das dependencias da Facultade”. Pepe logo entendeu, porén non se deu por convencido e foi logo dicindo que era soamente pechar a porta en canto fumaba.
     Volveu a invitalos se non querían experimentar un petillo. Abel sorriu e díxolle:
     —Cando o encargado da disciplina ve a un alumno   fumar aquí dentro, dalle un castigo que nunca máis se esquecerá. Creo eu que non vale a pena desafialos.
     —Quizais teñas razón. É mellor eu non fumar. Non quero enfrentar eses canallas falanxistas.
     —Carallo! Será que ti es un roxo?
     —¿Queres dicir que son un socialista ou comunista...? É iso que ti pensas, Abel? Ou será que é porque nacín en Cataluña? É bon que saibas que nen tódolos cataláns son roxos, anarquistas ou separatistas.
     —Non! Pepe, Quizais sexa de tanto ouvir de que durante a guerra civil española, os da zona republicana eran denominados de (rojos) roxos, por ser influenciados e, de certa maneira, comandados, principalmente en Madrid, polos militares comunistas rusos.
     O novato deu de hombros e, como quen di, “aquí me las dean todas”.
     Abel un certo día recibiu un comunicado de que un de seus profesores quería falar con el. Era um antigo Coronel lexionario, hoxe, o profesor Ramiro, que era coñecido de un seu tío, o que era sacerdote. O profesor Ramiro sería o disciplinador da area de Letras naquel ano –a Facultade, a cada ano lectivo, escollía un profesor disciplinador responsable por aquel Curso-. O profesor despois de ser escollido polos colegas, como disciplinador, xeralmente, tamén procuraba pedir a un alumno de súa confianza para auxilialo nese traballo un pouco  delicado e, ás veces ingrato, pois, tería que facer un “traballo sucio de espión”.
     Abel foi chamado ao gabinete do disciplinador que, nun ton moi cordial, foi recibido con unha pregunta sobre como estaban os seus tíos. Respondeulle Abel:
     —Eles están moi ben de saúde, señor.
     O profesor e o seu parente que vivía en Santiago, tiñan moi boas relacións de respecto e amistade de longa data; eles fixeron o servizo militar en Ceuta, no mesmo lugar.
     —Como ti sabes, Abel, este ano lectivo serás meu alumno, polo tanto vas a ficar na miña sala de clase. Teño excelentes informacións sobre o teu desempeño, persoal e escolar, espero que continues así.
     —Agradecido por súas palabras, señor. Estou ás súas ordes dentro da miña competencia para o que poida ser útil, ó señor e á Facultade.  
     —Gustaríame de falarche sobre as normas da Universidade de Santiago de Compostela, de un modo xeral, en tódolos sectores da mesma baixo a súa xurisdicción. Propositadamente puxemos a Pepe, que tamén vai estudiar Letras, na túa habitación para poder ter un pouco máis de control sobre o mesmo.
El é un xoven un pouco rebelde, poriso, os seus pais pedíronme unha atención toda especial sobre o seu comportamento —aquí na Facultade e, se posible, fóra dela—. Claro, todo iso sen privalo de súa libertade de ir e vir dende que non  prexudique a ninguén.
     —Ti xa te encontraches con el?
     —Ben, foi un encontro informal e rápido, por agora non podo avaliar a súa personalidade, pero, pareceume un pouco presumido querendo ser o dono do mundo.
     —Por acaso xa sabes algunha cousa sobre os pais del, non che comentou nada a respecto da convivencia con eles?
     —Profesor, el só comentou algunha cousa sobre a súa dificultade de entendemento coa família...
     —Abel, isto aquí é confidencial. Para comezar, quero  que fiques atento aos movementos de Pepe. Móstralle a túa boa intención de axudalo cando fora posibel e necesario.
Abel a pesar da amizade entre o Coronel-profesor e seus tíos, tiña unha certa reserva das palabras que el lle tiña dito. Tratábase de un pedido un pouco bizarro e contrario ós seus principios persoais de non se entremeter na vida dos outros, principalmente na vida de un colega da sala de aula e de cuarto.
     Os pais de Pepe a pesar de ter nacido na Galiza, tiñan vivido moitos anos en Cataluña, Barcelona. A nai era nutricionista e tiña prestado servizos na coziña de unha fábrica de tecidos e, el, na mesma fábrica prestaba servizos como encargado na manutención de un modo xeral. Dos tres fillos —dous homes e unha Muller– Pepe e a irmá naceron en Barcelona antes da guerra civil española e, o máis cativo,  na Galiza, logo despois de terminar a guerra.
     Con relación ás novas funcións de Abel, principalmente no que se refería ós coidados dos movementos de Pepe, el procura unha oportunidade para obter máis informacións sobre os pais de seu compañeiro de cuarto. Así, nunha visita que lle fixeron ó fillo, tivo a oportunidade que estaba procurando. Despois de presentarse na propia habitación e nun intre da ausencia de Pepe, os propios pais toman a iniciatiba de conversar con Abel e pregúntanlle:
     —Abel, si fora posibel, queríamos saber como é a convivencia do noso fillo con os colegas aquí na Facultade?
     —Ben, señor Benito, deica este intre, eu non podería darlle unha idea estricta do comportamento de Pepe en relación á Facultade ou os seus colegas. Porén, se vostede non se incomoda, eu precisaba saber do que o están a preservar e, se vostedes me poderían dar algunhas informacións para que poida axudalo naquilo que sexa necesario e posibel.
     —Nos pensamos que o profesor Ramiro lle tivese falado do que a nós non nos gustaría que Pepe se envolvese. Na verdade, como nós vivimos moitos anos en Barcelona, principalmente durante a contenda de 36/39 entre os dous bandos político-militares e, de certa forma, como estivemos envolvidos polos acontecementos daquel intre, Pepe non ten boas lembranzas de cando os nacionalistas tomaron Barcelona e o esposo da irmá tivo que se agachar e fuxiu para Madrid. A pesar de aínda ser moi xoven naquel intre, el tamén foi un combatente das milicias de Cataluña. Por ese motivo é que nós agradeceríamos se vostede pudese axudalo en calquera desvio de conducta política ou social.
     —Señor Benito, Pepe debería ser moi xoven cando os nacionalistas tomaron Barcelona, el tamén estivo envolvido persoalmente coas milicias cataláns ou é por causa do envolvemento dos pais e do cuñado que ten reservas ós nacionalistas?
     —Abel, quizais teña sido polos dous motivos que el se sente inseguro e desconfiado, principalmente cos falanxistas. Tes que comprender que a mor parte de súa vida viviuna en Cataluña, el é como un verdadeiro catalán e levará un bo tempo para que descubra que nen tódolos políticos son iguais aos falanxistas e, que nen tódolos falanxistas son malos.
     —O señor, como obreiro da fábrica,  chegou a facer parte de algunha milicia catalán?
     —Meu caro xoven, naquelas circunstancias político-militares, ninguén tiña opción ou o dereito de escoller o que quería facer ou quería ser. Eu vin a centos de obreiros ser fusilados polos propios compañeiros de traballo e, eu, como non era catalán, non era moi ben visto polos nativos, calquera un poderíame denunciar ós Comités que, no día seguinte aparecía morto na cuneta de unha estrada como aconteceu con moitos coñecidos meus, alén diso, a miña esposa preservou o empleo durante toda a contenda. Como pode ver, Abel, era unha cuestión de sobrevivencia e non de escolla.
     —Señor Benito, ó que parece, a República mostrouse impotente para frenar a furia antipatronal e anticlerical de súas milicias, principalmente os anarquistas e comunistas. Esa irresponsabel contemplación dos gobernantes republicanos, custoulle a vida a máis de doce obispos e unhas 6.000 monxas e sacerdotes que foron asesinados sumariamente; en Cataluña, Valencia e parte de Aragon, polas milicias da UGT, CNT e PCE.
     —Sí, iso foi unha brutalidade, Abel. Claro que en Cataluña e, principalmente en Barcelona, nos primeiros tempos da contenda, os anarquistas e separatistas, diferentemente do que acontecía en Madrid, controlaban e monopolizaban os Comités  das milicias antifascistas. Era un abuso do poder irracional. Tódalas grandes industrias de Barcelona pasaron  para as mans da CNT. A mesma cousa pasou cos servizos básicos de auga, gas e electricidade.
     —Señor Benito, polo que eu teño ouvido e lido, naquele intre, a “Generalitat” como autotitulado Goberno autónomo, tiña sido reducida a un Goberno sen autoridade. Quen mandaba na realidade era o PSUC (PartidoSocialista Unificat de Catalunya) aliado con comunistas, separatistas e socialistas de tendencia anarquista, que apoiou o goberno de Lluis Companys.
     —Iso que estás a dicirme, Abel, é un pouco complexo para moitos poder entender sin paixón política. Pero, polo que eu me teño decatado, vostede fala as cousas con coñecemento e moita convicción de tal maneira que procuras pasar unha serenidade  e paz para as persoas; a pesar de que tamén debe ter presente, na súa mente, o que aconteceu co seu pai. Quero che dicir que sinto moito. Eu fiquei sabendo por intermedio do profesor Ramiro, que o seu pai desapareceu nos combates encarnizados da batalla do Ebro  e que a súa nai morreu pouco tempo despois.
     Aquela batalla, polo que eu sei, Abel, foi idealizada por Negrín que ordenou ó xeneral Vicente Rojo Lluch, Xefe do Estado Maior naquela rexión, que organizase unha ofensiva en varios puntos e de sorpresa contra os nacionalistas. O obxectivo era intentar unir, de novo, as dúas zonas republicanas ó mesmo tempo en que evitarían que eles cercasen Valencia, pois, así, estarían entretidos na batalla do Ebro.
     Naquela ofensiva, de sorpresa, o exército republicano que era comandado por Enrique Líster, fixo máis de catro mil prisioneiros dos militares nacionais e, moitos deles, foron fusilados sumariamente soamente porque eran da zona nacionalista. Como podemos ver, era unha verdadeira barbárie, tanto de un bando como do outro.
     —Señor Benito, eu era un adolescente cando meu pai desapareceu na batalla do río Ebro e, os meus tíos intentaron descubrir como e onde realmente fora morto, pero, o máximo que souberon é que el tiña desaparecido xunto con milleiros de combatentes, de un bando e do outro. Tanto pode ter sido fusilado ó ser feito prisioneiro, afogado no río ou aínda  morto en combate.
     —Abel, eu que tamén fun reclutado para axudar a construir ou reconstruir pontes sobre o río Ebro, destruídas pola aviación nacionalista, puiden ver a carnificina que se facía polos dous bandos. Do bando do frente popular por Juan Modesto..., defendendo as “Sierras de Cavalls e Pandols”; que foron conquistadas despois polos exércitos nacionalistas de Juan Yagüe e de García Baliño. Dixeron que foron máis de 50.000 baixas de cada lado con aproximadamente 5.000 mortes dos nacionalistas e unhas 14.000 do lado republicano. Dicían que a batalla do Ebro tiña sido un preámbulo da sorte de Cataluña.
     —A súa filla e o xenro viven aquí en Galicia ou en Cataluña, señor Benito?
     —Polo que nos dixo o profesor Ramiro, creo que podemos e debemos confiar en vostede, neste intre moi triste para a miña familia.
     —A miña filla, logo despois que terminou a guerra, veu xunto con nós para Galiza ata que as cousas se puxesen un pouco máis calmas en Barcelona. As dificultades eran moitas; tanto políticas como económicas e nós xa nos tiñamos acostumado a outro tipo vida e de traballos que eran diferentes dos traballos do campo aquí na Galiza. Foi moito difícil, en principio, a nosa readaptación do retorno.
      —Entón, se a súa filla vive aquí na Galiza, non torna  máis difíceis os contactos que deben ser feitos na busca do marido?
     —Claro que sería máis difícil, pero, xa volveu e actualmente está traballando en Barcelona e morando cos pais do marido. Ela tamén xa ten unha nena pequena e precisa traballar para poder sobrevivir ata que o marido poida retornar ó lar.
     —Agora é que xa estou  a me decatar, de que, a persoa que o profesor Ramiro e o meu xefe me incumbiran de procurar, é a mesma persoa que o señor está a falar: o seu xenro. Cal é o verdadeiro nome dele, señor Benito?
     —Ele é máis coñecido como “Ferrer”, pero o verdadeiro nome é Joan P. Ferrer. Eu acredito que vostede xa teña en seu poder os datos completos fornecidos por seus superiores para a investigación de busca.
     —Espero que sí. Pero, agora que o señor está ao par de moitas cousas sixilosas de meu traballo; por intermédio do profesor Ramiro, espero que isto poida ficar soamente entre nós. Claro, entendéndose apenas como un humilde colaborador da investigación dos desaparecidos: durante e despois da guerra civil española.  Isto é de moita respensabilidade persoal  co Goberno, tanto súa como miña.
     Claro que Abel nunca podería revelar a súa verdadeira función de espionaxe dentro do Goberno Español. Xeralmente el era coñecido como un profesor de literatura hispano-galaica e a servizo das letras hispánicas.

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega