Un neno da aldea

Páxina Anterior

Parte I

Páxina Seguinte

v2rosavidalcurvaturachemineas.html

 

Incógnitas de algunhas cuestións metafísicas




     —...Isaías, tódalas veces que ves a visitar Galicia, principalmente nosa terra de nacemento, a Terra de Montes, véxote preocupado co futuro incerto destes pobos, hoxe, a pesar de todo, case que abandonados. Por iso, eu, como tamén un ex emigrante, pregúntoche:
¿Quen somos os actuais emigrantes —visitantes ou retornados— e nosos descendentes nestas terras?
¿Será que somos os mesmos de antes ou quen pensamos que somos?
¿Que esperan e que fan aquí, os poucos remanentes da diáspora emigratoria?
¿Que camiño debemos seguir, uns e outros, para ser ou parecer ser os Seres de antes da diáspora nestas terras?
¿Cando foi a última vez, que a maior parte dos pequenos poboados galegos, incluso os de A Terra de Montes/Tabeirós, tiveron vida propia auto sustentable xerada polo conxunto de seus habitantes residentes...?
     —Mira, Theóphilo, estas son cuestións relativas e metafóricas que, soamente noso Ser consciente e integral poderá responder plenamente. Nas preocupacións, de miña parte, que creo que sexan as preocupacións de tódolos emigrantes e seus descendentes, son tantas as cuestións espaciais e temporais que poboan miña inquieta e devastadora ansiedade, que, o papel e tinta serían insuficientes para rexistralas.
     Cuestións metafísicas como estas —se non se ecuacionan en tódalas variables posibles— poden ser máis difíciles para noso verdadeiro estado e desenrolo interior ou de calquera outro Ser humano. É o ápice do momento adecuado para unha infinidade de divagacións de nosa necesidade e ansiedade ó recordar noso pasado, sen alongarnos totalmente do presente momento a camiño do futuro, tanto aquí como na nosa camiñada pola emigración.
     Olla, xa fai máis de corenta anos que volvín pola primeira vez, para visitar ós meus parentes e a Patria nativa e non me recordo de encontrar a ningún viaxeiro por estas paraxes, naquel intre, sen que tivese un determinado obxectivo con relación a si mesmo e a estas terras.
     A min, algunhas veces, me parece que todos me ven e que ninguén me coñece. En algúns lugares por onde ando, tal vez pola espontaneidade, humildade, simplicidade ou polo acento, chámanme de brasileiro, e, nestes arredores, de un neno de aldea. Este último alcuño, quizais sexa porque, ás veces, fago comentarios sobre cando eu era un neno e vivía nestas aldeas. Pero, cada quen é o que é e non o que pode parecer ós ollos dos máis ousados seres humanos, mesmo que moitas veces o poida ser sen decatarse.
     Así mesmo, eu, como un dos milleiros de "expatriados" galegos, e tamén con moitas dúbidas, sigo o meu camiño. Por iso, cando me podo encontrar nesta terra que me veu nacer, nas miñas camiñadas bucólicas, case que sempre busco un eslavón perdido por estas paraxes de campos floridos e ceos azuis da Terra de Montes. Todos estes atributos que me envolven na sombra de súas nubes de nácara, para captar novas ideas e intentar interpretar as cuestións metafísicas que me rodean.
     Moitas veces, vou pola beira dos ríos, no medio das carballeiras ou subo ao alto dos montes para que, desde alí, poida vislumbrar todo o que algún día eu xa consideraba, comunitariamente tamén meu. Só así, poderei encontrar algunhas respostas que anubían a nosa memoria, meu benquerido amigo.
     —Sí, Isaías, estou de acordo, porén, eu mesmo e moitos dos que retornamos, case que en definitivo, en canto temos forzas suficientes, estamos intentando encontrar algunha maneira que fora posible investir, algunhas de nosas economías, en algo rentabel e sustentábel, para poder fixar a nosos descendentes nesta comarca histórica —A Terra de Montes —. Moitas veces, me parece un paradoxo a existencia de tantos bancos en algúns Concellos desta rexión, porén, que ningún deles xera postos de traballo para esta comarca, e, ¡mira ben! O diñeiro que están captando eses bancos, a maior parte é dos emigrantes e tal vez estea sendo invertido en outras rexións de España ou noutros países.
¿Que che parece de todo iso, meu caro amigo?
     —Ben, Theóphilo, con relación a iso que ti dis, creo eu que, as actividades: Social, política, cultural e económica, deben ser direccionadas e entendidas coma o centro da propia vida humana, na construción de unha sociedade xusta, harmónica e estábel". No terreo persoal, dar máis importancia á familia e ao respecto filial, que antes tiña a súa máxima expresión no culto ós ancestrais. Os gobernantes deben actuar con rectitude e benevolencia en relación ós seus gobernados dando exemplo de moral para inspiralos en seu comportamento de tódolos días.
     —Por iso, o que ti dis, é un asunto para que as Autoridades da Xunta de Galicia e as locais, xunto cos emigrantes e seus descendentes, o pensen un pouco mellor. Nada de tamaña magnitude, pode aparecer pronto de un día para o outro. Quen tiver bastante sensibilidade e interese, é só ollar o toque divino con que, moitas veces, a propia natureza nos regala, entre outros exemplos, como ocorre coa enigmática metamorfoses das bolboretas.
     "Elas pasan polas fases de: Ovo, lagarta e crisálida, antes de gañar as súas asas exuberantes de unha linda bolboreta azul para poder voar sobre os verdes vales da nosa Terra de Montes".
     —¿O que ten a ver, a bolboreta con un proxecto de desenrolo ben feito para unha vida auto sustentable desta rexión, Isaías?
     —Nós temos que nos mirar no espello do verdadeiro milagre da vida, meu caro amigo, todo se realiza cando hai posibilidade e vontade dos interesados de se envolver nese proxecto. Dependendo das ideas ou sopro de vida, poden ser varias fases ou etapas a ser seguidas para que todo iso se torne unha realidade.
     Canto ó que dis de investir algunhas economías, sería unha das hipóteses das respostas a túas propias preguntas que me fixeches anteriormente. Como ves, moitas veces, as respostas a nosas dúbidas nin sempre están tan lonxe de noso alcance, están aquí mesmo, é só mirar as necesidades de sobre vivencia destes nosos poboados, dentro da súa propia natureza, dos pequenos bosques, ríos e vales que temos diante de nós. É a propia vida en si e o que queda destes nosos poboados que ten resistido a todas as intemperies, naturais e artificiais.


     "Pobos estes, case que abandonados"


     —Claro que si, Isaías, iso, de certa maneira é verdade. Porén, despois que falamos das cousas que nos poden levar a algunhas decisións, todo me parece obvio e indicador dalgúns camiños posibles para un novo porvir sustentable. Ademais de algunhas inversións ben estudadas, sería necesario fixar, nesta rexión, tódalas políticas que envolven as mínimas necesidades: Económicas, culturais, sociais e educacionais de un modo xeral. Claro, que nesas decisións, débese envolver, principalmente, ó Goberno da Autonomía Galega.
     —Theóphilo, se cada un fixera a súa parte, non pensando soamente no obvio, pero, tamén, nas comunidades e non ficar difamando uns ós outros de maneira pouco intelixente e respectuosa, todo sería máis fácil. Eu, xeralmente, para fuxir de algunhas conversas pouco construtivas, que non nos levan a nada e, ó mesmo tempo para avivar a miña memoria sobre as cousas boas, nas miñas camiñadas bucólicas —fago como un errante viaxeiro— vou pola estrada veciñal e paso por diante da Capela de Santo Domingo de San salvador de Xirazga, para facerlle algúns rogos, antes de subir por entre a maleza que rodea o camiño que me leva para instalarme no Pico d´Abeleira ou no Ceo do monte do lugar d´Alén.
     Alá enriba, ollando os verdes Vales da Terra de Montes, pídolle para que alumee ás nosas autoridades e axude a estas aldeas. Alí, en pé ou sentado, moi cerca do Pozo, onde se abastecían da sede tódolos seres da fauna nativa destes montes: O cabalo e o nobre Xefe Keltoy, (soterrados diante da capela de Santo Domingo), os cabalos romanos e "a besta dun soldado mouro" —incluso os Seres humanos cando cansados descansaban—.
     Por algúns minutos, ollo todo o que está en meu redor, deica onde meus cansados catro "luceiros" poden ver, incluso, os camiños que nos días de antano recorría para divertirme e traballar alá polos pobos de Pontevedra (os municipios de Cerdedo e Forcarei) con unha máquina de mallar o centeo, xunto cos meus compañeiros de Soutelo de Montes.
     Despois dun intre, miro na dirección oposta, como o fixo o viaxante errante, tal vez para poder "ver o futuro da Terra de Montes", Porén, vexo un espazo inmenso e escuro, onde a luz do sol, para iluminar un novo futuro, nestas terras, aínda non chegou ou quizais non chegue a tempo para moitos de nós.
     ¿Quen sabe? Tal vez un día.
     Segundo (Nietzsche). Todo é posible dentro da metafísica e as necesidades dos seres humanos para alcanzar os seus obxectivos e poder sobre vivir.
     Quizais, por iso, os galegos, ben como outros españois, en determinada época de súas vidas —pola diáspora— foi necesario navegar por mares e terras descoñecidas, deixando para tras as terras e os portos de nosos pais e avós. Nosos barcos tiveron que buscar unha nova terra.
     A terra que a nosa Patria non nos tiña dado. Buscar as terras de nosos fillos e netos aínda non vistas, descoñecidas, porén soñadas por todos nós.


 


As terras soñadas


Eran esas terras mil veces faladas/
por navegantes, nobres e bravíos/
que as coñecían en visións soñadas/
porque as soñaban en noites de estíos.

Eran ríos moi grandes/ asustadores lagos,
vales floridos, altivas montañas e vereas.
Pobos que esperaban esperanzados
por deuses que baixarían das estrelas.

Eles viñeron de moi lonxe, decididos/
coas velas ondulantes e coloradas/
romperon as ondas/ abriron camiños
deixando marcas fértiles de súas vidas.

¿Que pensou a area, ó sentir os peregrinos
que pisaron vigorosos en novo camiño?
¿Que sentiu na súa alma o pobo escollido/
cando viu os deuses barbudos e dignos?

¿Quen dou á valente Raíña aquel sopro divino/
para dar as súas xoias, perlas e zafiros?
¿Quen dou o crucifixo que encantou os xentíos?
¿Quen mesturou o sangue do branco e indio?

O barbudo era branco e os outros xentíos /
era sangue novo dun pobo escondido/
e novos seres saídos dos mares bravíos/
era sangue antigo dun pobo escollido.

Eran dúas correntes de dous grandes ríos/
xuntos nas veas debaixo do mesmo signo.
Poboaron un novo mundo con novos bríos /
O barbudo era branco e o escondido xentío.

Dirán outros pobos, usando a hipocrisía/
que houbo sacrificios de brancos e xentíos/
pero, tal vez houbese incomprensión un día/
está mesturado, o sangue dos brancos e indios.

Que abran os homes tódalas fronteiras/
para que poidan surxir novas cidadelas/
alumeando tanto como as estrelas/
criando novas culturas e bandeiras.

 

 


     Así mesmo, amigo Theóphilo, despois das terras soñadas neste percorrido poético (Nietzscheriano), para alimentar os meus soños e miña saudade, miro, tamén, para onde existían uns carreiros nos montes de Framea e da Correa; que nos levaban ás Minas de Estaño: Porto de Antas ou Portodantas, do Sobreiro, do Campanario e da Costa da Correa.
     As alegrías e tristezas do traballo de explotación desas minas de estaño, case comunitaria e artesanal, entre algúns amigos e veciños; poboaron e aínda continúan sendo uns mananciais de suxerencias sobre os episodios vividos nas mesmas para a sobre vivencia daquel momento. Alén diso, tamén poden indicarnos, algunhas actitudes para encontrar os camiños que nos leven a un novo futuro provisor destas terras.
     —Sí, Isaías, todo iso que estas a falar, tanto en prosa como en poesía, alén do espírito aventureiro dos galegos, foi unha real necesidade nun determinado intre e en determinadas circunstancias para poder sobrevivir os habitantes de todos estes arredores. Pero, ademais das minas que ti mencionaches, había outras que tamén foron moi importantes naquela época: Principalmente as de Presqueiras, Magros e Rubillón que, estas dúas últimas, me parece que tiñan como patróns xente desta rexión: Alfredo de Magros e Avelino Iglesias nas de Rubillón, que si non me engano, creo que era o pai do noso amigo Doutor Jaime Iglesias Cendón. Claro, que mesmo con algunha dificultade, foron tempos de unha plena felicidade, dentro do posible e seguindo os costumes que herdamos de nosos antepasados.
     Porén, non podemos esquecer algúns desabores causados a moitos moradores destas aldeas, polos enxeñeiros licenciados que viñan de fóra, para a explotación do estaño. Como, en algunhas minas, a explotación era feita por extensas galerías ramificadas por debaixo do monte, outeiros ou pequenas colinas, había que lle poñer postes e trabes de madeira para poder cavar deica onde tivese a casiterita e, ao mesmo tempo, dar máis seguranza ós obreiros. Claro que iso nin sempre era o suficiente para evitar algúns accidentes ou ata mortes dos traballadores destas aldeas.
     Alén diso, algunhas compañías que viñan de fóra, non lle pagaban o debido salario ós traballadores que, en determinadas circunstancias, deixaban esa responsabilidade ó cargo do enxeñeiro ou do capataz, que na realidade, nin sempre tiñan con que pagar ou a responsabilidade con esa tarefa. Con todo, moitas veces, o capataz era o testa de ferro e, en algúns casos, tan vítima coma os propios obreiros que facían os duros traballos: Fóra e dentro das galerías que tiñan que traballar debaixo das pingueiras de auga ou cos perigos de un esbarroncamento.
     ¿Cantos veciños non ficaron sen recibir os cartos pola madeira vendida e os traballadores sen recibir os seus salarios pola "agudeza" dos responsables da explotación das minas?
     —Tes razón, Theóphilo, a corda sempre rompe polo lado máis fraco e, eu mesmo tamén fun vítima de unha desas compañías que viñan de fóra Aínda adolescente, pouco antes de emigrar, deixaron de me pagar o meu traballo e nin me rexistraron coma obreiro por unha boa tempada. Coma resultado, deixei de recibir o que tiña dereito a unha xubilación proporcional ao tempo traballado.
     Pero, agora, centrados neste noso paseo e aínda pensando nas túas preguntas, ás veces, por un instante, pecho os ollos e fago unha regresión circular, para mellor poder contemplar a metafísica de meus recordatorios, sentimentos, pensamentos e en tódolos soños e desenganos que vivín en toda a miña camiñada polo mundo a fóra.
     Nesa contemplación, sigo "mirando" en tódalas direccións posibles destes pequenos pobos, que os vexo coa mor parte das casas xa abandonadas, soas e desfiguradas por falta de coidados ou pola ausencia de seus antigos moradores. As veigas e as moradas antigas, tamén están esperando por unha alma que lles poida dar un pouco de vida e alento en canto sexa posible. Quizais, implementando algunhas políticas honestas e ben direccionadas para unha parcelaria, cun sentido comunitario onde a produción puidese ser compartida por unha verdadeira comunidade. Acredito que iso fose unha posíbel solución para que estas nosas aldeas non desaparezan por completo.
     —Por un intre, meu querido amigo Isaías, imaxino que eses pensamentos poden che ter surxido pola forza impulsora de uns vasos de viño do Ribeiro, que bebemos á merenda e polo perfume da maleza florida —carrascos, carqueixas e xestas...— que embelezan e alfombran estes carreiros sinuosos, cheos de misterios, que nos levan a un estado de terapia hilarante.
     —¡Non! Non o creo, Theóphilo.
     Tal vez pola maleza florida e encantadora, sí, porén, a nosa imaxinación, mesmo que, ás veces sexa un pouco hilarante, nin sempre precisa de impulsos enólogos para poder discernir a realidade e necesidade destes poboados que están por diante de nós. Como din os poetas e filósofos, só non sente ou ve quen non quere ver.
     Por iso, como ves, aquí estou mirando dende este pequeno altiplano, a través dos tenues raios solares e de aires arruladores, así, parece que teño máis posibilidade de falar con Deus, con o Xefe Keltoy, con meu protector Santo Domingo da Parroquia de San salvador de Xirazga..., con os pastores de antano que pastoreaban seus rabaños e, comigo mesmo, para pensar en algunhas posibles respostas a túas indagacións.
     Mira, ó camiñar por entre estas carqueixas, toxos e carrascos, en dirección a onde existían unhas "estivadas" comunais, de centeo, moi cerca dos Prados do Portiño, vexo todo con moita claridade sen necesidade dos impulsos enólogos.
     ¿Aínda te recordas de todo isto, amigo Theóphilo? ¡Cantas recordacións de un adolescente daquela época!
     —Como non vou a recordarme, mesmo sendo un pouco máis xove ca ti, Isaías.
     A pesar de algunhas rifas dos veciños ó facer a división e o sorteo das estivadas no monte comunal, dos traballos moi duros para cavalas, amontear os terróns despois de secos para queimalos e espallar a borralla, a terra queimada, (tella) por toda a parcela para sementar o centeo.
     ¡Que serenidade, que soños e que alegrías abastecían as mentes das persoas para ser tan naturais en súas expresións culturais e sociais!
     O que daba máis harmonía, entre os veciños, neses traballos, era que, normalmente, xuntábanse para comer case que todos ó mesmo tempo, inicialmente, cada un na súa parcela, porén, despois aproximábanse e acababan de comer todos xuntos. Era aí que empezaban os contos entre os maiores e ata o galanteo entre os xoves máis próximos, que, case sempre eran moi interesantes e prenuncio para un posible namoro.
     Despois de cavar, espallar a borralla, labrar a terra e sementar o centeo, cada un tiña que pechar a cabeceira de súa parcela con un muro de pedra, desa maneira quedaban resgardadas de invasións do gando que quedaba solto polo monte comunal.
     —Porén non tan solto como fan hoxe os "propietarios anónimos" de moitas vacas e cabalos, que invaden as hortas que aínda quedan nestas aldeas dos poucos anciáns que as necesitan ou teiman en conservalas como lembranzas de seus ancestrais—.
     Outra cousa moi interesante, era que a maior parte das estivadas, no monte comunal destinadas a centeo, eran nas estremas entre dúas aldeas e, ás veces, ata entre provincias.
     ¿Por que se facía así, Isaías?
     —Ben, a pesar da aparente harmonía existente entre os habitantes dos poboados, moitas veces, había dúbidas ou accións con algunhas malas intencións ou erro de interpretacións dos lindes entre os veciños. A vida non tería sentido si, dentro de determinados parámetros inherentes ó ser humano, non houbera (berras) e algunhas querelas polas discordancias naturais entre os pobres mortais.
     ¿Cómo así, Isaías? ¿Podes darme algún exemplo para que o poida entendelo mellor?
     —Claro que sí, home.
     "Se unha moza de un determinado lugar se casaba en outro pobo veciño que facía estrema, moitas veces ela se consideraba con o dereito de continuar buscando cousas que se producían no monte comunal, que antes de casarse tamén era seu, porén, non despois que había saído daquel lugar. Entón, por iso, para evitar líos, moitas veces facíanse esas parcelas de terra, para o centeo, nas estremas dos montes comunais".
     Bo, para dar máis algúns exemplos desa harmonía ou discordancia, na convivencia que, supóñense ter vido de factores histórico relixiosos, na antiga "Comarca da Terra de Montes/Tabeirós", nas próximas liñas citarei varios lugares xuntamente coas nosas aldeas de nacemento, onde tamén existían algúns problemas de discordancias ou malas intencións dalgúns veciños:
     Entre outros pobos dos arredores, con eses problemas, tamén había os lugares de Doade, A Correa, Abeleira, Framia e o de Alén, que, por suposto, este último era o nome dado a unha parte daquel pequeno Val que quedaba do outro lado do altiplano de Santo Domingo, ou sexa —alén dos dominios, daquela época, da Torre do Castro de Presqueiras e do Mosteiro de Aciveiro—.
     —Isaías, cando falas de Aciveiro, me parece que ese manancial de cultura e tamén de algunhas querelas entre os propios relixiosos cistercienses... e agricultores que habitaban esas terras, está situado no Municipio de Forcarei, Partido Xudicial de A Estrada, provincia de Pontevedra, claro, que, hoxe, con outras finalidades sociais e comerciais polas circunstancias do momento.
     —Sí, iso é verdade, porén, eu, continuando co asunto que che estou explicando, naquela época, a pesar de aínda ser un adolescente e tal vez, prematuro por circunstancias de aquel momento histórico de toda España, acórdome dos coidados que había que ter con os lindes entre as aldeas. Así mesmo, como o lugar de Alén, o mesmo que todas as aldeas que fan parte da parroquia de San Salvador de Xirazga, lindaban con varias aldeas do Municipio de A Lama, Forcarei... e mesmo da parroquia de Beariz, o coidado e unha das opcións para manter a todos en harmonía, era facer unhas parcelas para sementar o centeo entre uns e outros.
     O propio lugar da Cavada —onde hoxe existe a Feira Medieval moi importante, co nome de Doade, que, por causa da emigración, xuntáronse o lugar de Doade grande co da Cavada para súa sobre vivencia. A Cavada surxiu polos motivos de cavar unhas estivadas entre a Parroquia de Beariz e a de Xirazga. Na época, a aldea de Doade grande, que non era onde hoxe é o lugar da feira de Doade, era da Parroquia de Beariz. Estes son máis algúns exemplos de como os nosos devanceiros procuraban manter a harmonía entre si por medios simples, útiles e bastante prácticos.
     O lugar de Abeleira, tiña por lindantes a Pardesoa, Penalba, Pousada, Presqueiras, da provincia de Pontevedra e a Framia e o propio lugar de Alén, da provincia de Ourense. Por outro lado, Alén tiña por lindantes: Pardesoa, a Bouza e Beariz polo enclave (moi antigo, que non se sabe ben o por qué) da Chousa de Balboa entre Pardesoa, a Bouza e "a Cavada". Hoxe, A Cabada ou cavada, con o nome de Doade, coma xa comentamos en liñas anteriores, que incorporou á aldea da antiga Doade por forza das construcións dos emigrantes e da importancia da Feira Medieval que aínda existe ata hoxe con ese nome.
     Como podemos ver, Theóphilo, a pesar de todos eses intricados problemas entre os veciños, sobresaía a amizade, o respecto e a harmonía que, xeralmente, reinaban en case que tódolos poboados de Galicia.
     —Isaías, agora eu xa estou empezando a entender un pouco máis da complicada, porén non difícil, convivencia pacífica e harmoniosa administrada pola sabedoría de nosos devanceiros destas aldeas galegas.
     —Si, Theóphilo, pero, segundo os nosos antecesores, moitos séculos antes de nós aparecer por aquí, nestas terras, as cousas eran moi diferentes e existía máis humanismo entre os seus habitantes...
     Segundo eles:
"Ditosa idade e épocas aquelas a quen eses antigos moradores puxeron o nome de tempos dourados, non por causa do ouro, que nesta nosa Idade do Ferro, tanto se estima, senón, porque os que nela vivían interpretaban dun modo diferente ou ignoraban unha boa parte do sentido destas dúas palabras de: Teu e meu. Eran, naquela saudosa época, a mor parte das cousas comúns: A moi poucos lle era necesario alcanzar o seu ordinario sustento tomando outro traballo, a non ser para alzar a man e alcanzar das robustas árbores frutíferas, que as estaban convidando, a coller as doces froitas.
     As límpidas fontes e a corrente dos ríos con magnífica abundancia de saborosas e transparentes augas que eles lles ofrecían. Nas rachaduras das laxes e nos buratos das árbores, as discretas e elaboradoras abellas formaban unha selecta comunidade, ofrecendo a calquera man, sen interese algún, a fértil colleita de seu dulcísimo traballo. As fortes Sobreiras (corticeiras) soltaban, sen outro artificio que o de súa cortesía, as anchas e leves cortizas con que se facían os cortizos e, entre outras cousas se cubrían algunhas casas levantadas sobre rústicas estacas, sustentadas, unicamente, para se defender da humidade da terra e das inclemencias do ceo.
     Toda amizade, toda a concordia e toda esa paz de entón, era necesaria para administrar as intemperies ou a bonanza da "terra-nai", pois, ata aquel intre, aínda moi poucos se tiñan atrevido ou podían usar a pesada reixa do curvo arado para abrir as entrañas piadosas da terra virxe. Esa amada Terra-nai que, mesmo sen ser forcexada, ofrecía por tódalas partes de seu fértil e espazoso seo, o que fose necesario para fartar, sustentar e deleitar ós fillos que naquel intre ela posuía.
     Era un tempo en que andaban as simples e fermosas ninfas, "zagalesas", polos carreiros, de Val en Val e de outeiro en outeiro e de carreiro en carreiro con seu cabelo en trenzas ou solto para poder voar co vento e brillar cos dourados e tenues raios solares, buscando novas aventuras amorosas por esta Terra de Montes.
     Era unha Idade de Ouro dentro da Idade de Ferro en que se consideraban e declaraban os conceptos amorosos da alma, simple e sinceros, do mesmo modo e maneira que ela os concibía sen buscar artificios, rodeo de palabras para encarceralos. Había menos fraude, engano e malicia, mesturándose a boa fe coa verdade e franqueza.
     A xustiza estaba e actuaba dentro de seus propios contornos, sen que ninguén ousase perturbar ou ofender, mesmo aqueles que acostumaban menoscabar usando a amizade para obter favores"...
     —Que marabilla de época e que mundo debía ser aquel, Isaías, porén, agora, nestes incógnitos e perturbados séculos, ninguén esta moi seguro para pensar libremente e poder seguir o seu destino, mesmo que se agache percorrendo por dentro de un novo labirinto coma o do rei Minos, o de Creta...
     —Infelizmente, hoxe, para ollar o que non é seguro, harmónico, comunitario, estético, ecolóxico o mesmo útil, para o desempeño da mínima infraestrutura para o desenrolo auto sustentable destas comarcas, non son necesarios catro ollos, bastan a penas dous, mesmo que non estean moi atentos ao noso redor.
     Onde antes se vían os prados produtivos, o monte comunal verde e florido, hoxe vemos o abandono, os malfeitores pirómanos, unhas "escaleiras metálicas e uns muíños de vento" que non moen o centeo das estivadas nin o millo das veigas, porén, se nos descoidamos, parece que, en vez de levarnos ao ceo, poden nos levar ó inferno.
     Pero, a pesar de todos eses problemas causados e inherentes á diáspora, á incomprensión, ó suposto "desenrolo", á nosa loucura inconsciente e soños hilarantes, nin todo está perdido.
     ¡Adiante, amigos da Terra de Montes/Tabeirós!


 

Páxina Anterior

Ir ao índice de Páxinas

Páxina Seguinte


logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega