A Biblioteca Virtual Galega foi un fermoso soño acariñado
por nós durante moito tempo, e este soño comezou a tomar corpo cando
conseguimos o apoio do Vicerrectorado de Innovación Tecnolóxica da Universidade
da Coruña. Primeiro proxectamos unha pequena xanela coa que poderiamos mostrar ao
mundo un retallo da nosa produción literaria, e con esa intención comezamos a traballar.
Mais as nosas intencións ficaron cativas ante o entusiasmo
e a xenerosidade con que fomos recibidos polos escritores e escritoras. Cumpría
reconsiderarmos o proxecto inicial e transformarmos a nosa modesta fiestra nun
enorme peirao que permitise á dorna da nosa literatura navegar por mares virtuais. E
aquí estamos.
Porén, somos conscientes de que para que a nosa dorna chegue a
bo porto, non podemos navegar sós. A nosa historia demostrou moitas veces que
unicamente sumando esforzos se logrou alancar na normalización da cultura galega.
Aprendemos a lección, e por iso agardamos contar coa vosa colaboración.
Tanto ten que sexas escritor ou non, que sexas muller ou home, que sexas
novo/a ou vello/a... Tampouco nos importa que non sexas unha persoa, que sexas unha
Institución. ¡Benvindos sexades! O único importante é que teñamos os mesmos obxectivos:
- Difundirmos a Literatura Galega.
- Ofrecermos a escritores e escritoras unha nova canle de publicación.
- Facilitarmos a comunicación entre o público lector e os escritores e escritoras.
- Posibilitarmos que novos valores se dean a coñecer a través da Biblioteca Virtual Galega.
- Apoiarmos calquera forma de manifestación artística galega.
- Contribuírmos á normalización da nosa lingua e da nosa cultura.
Coa túa colaboración a Biblioteca Virtual Galega chegará a
ser o grande Portal Web da literatura e a cultura galegas.