Letras Galegas 2003 Voltar atrás |
EU SON ISE HOME ACANTOADO A A. Avilés de Taramancos Eu son ise home acantoado ao que non se lle pode dirixir a palabra, que non entrou no xogo para non empeñar a inocencia dos outros. O home que afastouse da circulación e inda ten unha roda no cor ca vertixen da dor e dos días. Emporeso eu son o meniño que rexurde nos ollos do abó, e o abó que agora entende que a vida non acaba ca vida. Adroleiro eu son a rede e mai-la onda azur, milleiros de dudas e fíos e nudos entretecen meu ser onde o mar sarilleiro é un ceo, Mais nunca nun peixe a trocarme atinei. Eu son ise azur que se afonda en sí mesmo no ventano e no fondo do espello, no trigo, Son o remo e o brazo e a onda que medra nos ollos, a roca e a lá co seu fío tan longo que se perde no tempo e o gato que xoga co seu enguedello ao pé dunha vella de lume e o lume no que tudo rexurde. E cecais son o selo da carta cabeira. O barazo ao estremo da corda e o aforcado que camiña como si tal cousa. Mais nunca nun peixe a trocarme acadei.
|
© 2003 Biblioteca Virtual Galega |