POEMA
Descubrín a poesía de Avilés de Taramancos tardiamente. Sabia
do autor, mesmo compartín con el espazo poético nalgún
Festival de Poesía, pero tardei en lelo.
Cando lin
Última fuxida a Harar descubrín un deses libros
únicos, fundamentais e chaves, aos que é necesario volver unha
e outra vez, aínda que os versos se saiban de memoria, e a
lectura sexa un vo de recoñecemento.
Algún
dos seus textos forman parte, ao meu entender, da antoloxia
necesaria da nosa literatura nacional.
Naqueles
anos a miña homenaxe concretouse na escrita dun texto que, eu
sei, ten vinculacións ao magnífico "Anxo da noite,
cazador no escuro". Aquel texto, titulado Metáfora do
día, foi publicado en Dorna. Hoxe non o atopo sequera entre
os meus arquivos, pero sei que a súa escrita foi inducida pola
lectura de Avilés, pola lectura do magnífico Última fuxida
a Harar.
Deste
xeito é doado concluír que este autor chegou ser para min un
dos autores esenciais da nosa historia literaria.
Hónrame,
por tanto, que a Revista Casa da Gramática se dirixira a
min para colaborar na homenaxe a Avilés, e quero facelo como
mellor sei, cun poema, un poema nacido da desolación, da mesma
desolación que compartiría o noso poeta se hoxe, se a finais
do ano 2002, fose testemuña deste novo desprezo ao noso país.
|
Douche o mar
nesta tarde cansa
de horizontes perdidos,
fóra do seu frasco de cristal,
libre de caixas que engaiolan,
inmenso e triste,
violento e doce,
imparábel e azul.
Douche o mar
e esta terra vencida,
como che entrego a vida,
como che entrego a vida.
Marta
Dacosta, Casa da Gramática nº 17, marzo
2003, Noia.
|
|