Un
recordo. Unha homenaxe |
Avilés, que espertas sonos cos teus soños:
Neste ano has ter unha chea de gabanzas. Hoxe só quero lembrar un
feito, na nosa mocidade, cando me agardabas á noitiña en Noia. Fixemos
un percorrido pola vila e achegámonos a un baile nunha sociedade.
Estiven a bailar cunha fermosa loura mentres ti falabas de contino e tiñas
sempre na man a mesma cunca, pero non o mesmo viño.
Ó que rematou a festa, tiramos cara a
Taramancos, alumeados polas estrelas, coa conversa de arelas que aínda
non agromaran na árbore do tempo. Durmín na casa dos teus pais. Á mañá
díxenche que voltaría axiña a Taramancos.
Non foi deste xeito. Volvín no teu pasamento.
A igrexa e mailo cemiterio atopábanse ateigados. Fúche-lo poeta do
pobo, o concelleiro de Cultura do Concello de Noia, e o pobo non te
esqueceu. Estabamos todos e botamos en falla ós de sempre.
De súpeto, vin o teu cadaleito coa bandeira
galega por riba. Amoseime tristeiro e dei en cismar: Os deuses tamén
morren mais fican a carón de nós.
|