Noia
«[…] O certo é que Noia no futuro será o corazón do seu mundo.
Ainda conservará o seu encanto dentro da friaxe do mundo exterior.
Xentes desasosegadas virán percurar eiqui o seu acougo. Haberá un ar
leve e festeiro e ainda o derradeiro mohicano, descendente de Carlos
Campanilla, riscará nun instrumento parecido á guitarra, coa mesma
estridéncia que el lle dá agora, un ecoar de músicas de resoáncias célticas
que deixará abraiados aos viandantes vidos doutros planetas. […]
O futuro non é máis que ese tremor xiado que sentimos de non poder vivé-lo.
Pero brillará o noso pó nas névoas, nas pedras dos camiños. Na
eternidade.»
«Memória dos anos
2000»,
Barbanza nº 13,
2ª-08-1988 |
«Cando se está lonxe, cando os camiños da vida arrincan de raíz a alma
do seu soño, e a transportan a descoñecidos horizontes, queda prendida
dun fio feble e vital —como é o cordón umbilical— a derradeira imaxe
do entorno no que se respirou sen agóbio, no que se amou con ternura, e
no que se adeprendeu a simples teoria das cousas sinxelas, o voo dos
paxaros ou a calma dominical dunha mañá de feira, e leva-se como nunha
cinta gravada os rostos da xente e o perfil das casas e dos montes. Coñece-se
ainda árvore a árvore e pedra a pedra de cada camiño. Esa imaxe
permanente aflora no corazón cando un se sinte perdido, cando está
sulagado de saudade, e cando perdeu a esperanza de volver.
A visión máis nídia é sempre o mundo da nenez —a pátria e a nenez,
dicia Rilke— os xogos, os amigos, os sabores que se perderon para
sempre. Desde lonxe ve-se Noia desde ese ámeto e desde a impresión final
da despedida. Logo reflexos constantes de momentos vividos en diferentes
épocas que abrollan na memória e fan-nos sorrir ou entristecer segundo a
mensaxe que nos emitan ou o estado de ánimo que nos acompañe. […]»
«Memória de Noia»,
Barbanza nº 36,
2ª-08-1989 |
|