O país
«[…] Un país ao que se lle poñen trabas políticas e burocráticas
para que o seu idioma sexa o médio normal de comunicación en todos os
seus estamentos e órganos de funcionamento, é un país que está a ser
sobnormalizado, que está a sofrer un dos embates máis escuros en
contra da sua persoalidade e do seu desenvolvemento, e que lle priva de
alcanzar dediante do mundo o pleno florecemento do seu saber. Nunca
seremos nós mesmos se nos temos de expresar nunha língua emprestada.
Nunca o verdadeiro fondo dos nosos pensamentos sairá á luz se o temos
que facer por un intermediário. […]»
«Constitución da
Mesa pola Normalización»,
Riveira, 23-10-1986 |
«[…] Xa o noso povo, e o noso espírito, zarandeados dabondo de por séculos
con zarandainas que deturpan a verdadeira eséncia do seu ser —sen
deixar de ter que receber ou doar todo o que é normal na ósmose das
culturas— tén a mente feble e averiada que serve con gran facilidade
para imbuir-se de calquera cousa que o faga anómalo. […]»
«[…] Eis o noso país, o grande circo. Os pequenos sátrapas defenden o
império con dentes e gadoupas, mentras artellan o seu império
particular. Os libertos, esa xentiña nosa, liberal e de esquerdas asegun
eles, son os palanganeiros do prostíbulo. Están por lavar-lle as partes
ao fodedor do povo. Son a desgrácia do mundo desde sempre. […]»
«Romanos,
Gladiadores e Libertos»,
Barbanza nº 9,
2ª-06-1988 |
«Cando se dá esa condición de país desarticulado mental e fisicamente
o normal é que ninguén se sinta identificado consigo mesmo e que caia
nun exílio interior e íntimo, e chege mesmo a odiar a sua orixe por ser
quen é e polas circunstáncias que atravesa. Dai vén, o disfraz e o
aparentar e o viver nun escenário permanente onde se representa e se vive
outra história e se renega ao fin de todo aquelo que leva consigo un
sinal ou un símbolo da pátria perdida ou da que se quere perder. Hai un
deterioro e unha perda que remata en pobreza espiritual e os froitos son
sempre cativos e as colleitas fóra de tempo e de razón. Labran mellor na
leira allea, na língua allea, na história allea, e presumen do seu
galardón ou do aprauso que lle dan os de fóra por saber andar polo camiño
que lle trazaron de antemán.
Só o povo llano como sempre, e cada vez mais desvalido, segue a gardar a
eséncia e o fermento de algo que é tan seu que nen os temporais da história
os abanea. […]»
«Galicia no Diván»,
Exilio interior |
«[…] O noso pulo universal ten que vir co imprimatur das idades.
Calquera aición, calquera fazaña técnica ou literária que incida na
cultura universal da nosa parte, ha de levar ese sinal de identidade. Senón
non somos nada.
Todo ese cúmulo de caretas que nos andan a por. Toda esa farsa de
trabucar-nos o destino de povo e de nazón, non é máis que a intención
de destruir-nos. […] Mais hai un alento fondo, indestructível […] E o
sedimento da Pátria, que xorde mainamente, como unha fonte cantareira nas
canles máis segredas do sangue que nos move.»
«O sedimento da pátria»,
Barbanza nº 11,
2ª-07-1988 |
«[…] a Carballeira é a eséncia da pátria. A Carballeira é o símbolo
da Galiza por redimir e temos que erguer outra vez a fouce e o espírito
para conquerir o que nos pertence. […]»
«A Carballeira de
San Xusto»,
10-11-1990 |
«En poucas ocasións tivo Galiza voz própria no coro das voces do mundo.
Tivo, acaso, a voz individual dos que clamaron no deserto: A voz de
Xelmirez na Compostela meioeval que se escoitaba até o Império Xermánico,
a voz de Pero Pardo de Cela que retombaba nas lindes de Castela; a voz de
Cristobo Colón que retombou nas lindes do Oceano, a de Roi Xordo que fixo
tremer os anaqueis, a voz de Rosalia que desfollou a sua rosa universal
diante do mundo; a voz de Castelao que ainda soa no corazón dos povos
decapitados como é o noso.
Por Galiza falou Castela, por Galiza falou Zamora, por Galiza falou España.
Agora queren falar tamén outras xentes, outras nazóns, outras voces
alleas. Nós seguimos mudos de cara a fóra e tatexos de cara a dentro.
Andan ca andrómena de querer facer-nos europeus dunha Europa comprimida e
recortada e teñen que falar de nós os bascos, os cataláns, os andaluces
ou os segovianos. Malpocada pátria miña que che queren tapar a boca para
eles dicer o que ti sentes! Non saben que as raíces de Europa naceron do
teu próprio ser; que a pedra labrada de Compostela ou a palabra florida
da Cantiga de Amigo son o berce e o niño dunha Europa milenária que eles
tratan de descobrir e reinventar. Non saben que Galiza é o camiño onde
confluian os povos para se civilizar. As estrelas románicas brillan ainda
no ceo e o camiño non está perdido: Do Ural a Fisterra hai un sustrato
de povos sen voz que nos van acompañar no hino do futuro. Sérvios,
croatas, búlgaros, ucrainos, fineses, lituanos, bretóns, sardos,
occitanos e cen povos máis coa sua gorxa ceifada están rompendo as
portas do coro para acomodar-se no lugar que lles corresponde. Polo de
agora está-se a interpretar unha Opera Bufa.
Temos que ir a Europa, a unha Europa grande de povos redimidos, hoxe ou mañán
por direito próprio. Sendo quen somos como nazón e como povo libre e
soberano. O demáis é estar de pita cega, mentres nos bourean a paus e a
zancadillas os xefes do concerto.
Menos mal que como dicia Castelao, mentres o pau vai e ven descansa o
lombo.
Pero xa nos están doendo os cadris de andar abaixados. Desperta e morde.
Despertade!
Non se oe nada. Realmente somos xordomudos.
Ainda nos han de tirar os ollos.»
«Ter voz en Europa»,
Barbanza nº 32,
1ª-06-1989 |
|