XAquín
lorenzo e o seminario de estudos galegos |
O 12 de outubro de 1923 uns mozos universitarios fan unha excursión a
pé ao lugar do Castro de Ortoño (Ames), á casa onde Rosalía de
Castro pasara boa parte da súa nenez. Eses mesmos mozos, o día 21 do
mes devandito, farán posíbel que se constitúa, na vivenda do profesor
Armando Cotarelo Valledor, un organismo adscrito á universidade
compostelá que de aí en adiante ha de levar o nome de Seminario de
Estudos Galegos.
En primeiro lugar, cómpre subliñarmos que o
Seminario naceu pola necesidade de dispor dun centro universitario de
investigación e divulgación da nosa cultura que, estreitamente
relacionado coa Facultade de Filosofía e Letras, chegou a aglutinar e
presidir o labor dos escritores de preguerra. E é que o obxecto
primordial do Seminario foi, sen dúbida, a formación de investigadores
que levasen a cabo o estudo científico de Galiza en todas as súas
manifestacións de cultura, se ben organizou tamén, con notábel
éxito, exposicións, ciclos de conferencias e sesións públicas que
pretendían dar a coñecer ao maior público posíbel todo o labor que
os seus membros ían desenvolvendo. Algúns exemplos destas actuacións
témolas na celebración, durante o curso académico 1924-1925, da
"Festa da lingua galega"; ao ano seguinte, seguindo unha liña
parecida, organizarase a "Festa da prosa galega"e, en xeral,
podemos afirmar que se realizaron importantes campañas de estudo por
equipos a nivel práctico, percorrendo o país. Neste sentido, tampouco
podemos esquecer o importante esforzo editorial que tiveron que afrontar
os homes do Seminario, publicando até o sexto tomo dos seus Arquivos,
ademais de levar á imprensa traballos de conxunto xa clásicos como
Terra de Melide ou Vila de Calvos de Randín. Esta última obra ten como
autor a Xaquín Lorenzo, quen a levou a cabo coa colaboración do seu
mestre e mentor, Florentino López Cuevillas.
Moi posibelmente Xaquín Lorenzo estivese entre
os mozos que impulsaron a creación do Seminario, pois naquela altura el
xa estaba matriculado como alumno non oficial na universidade. Desde os
primeiros momentos os fundadores chegarían a conseguir a incorporación
á incipiente institución duns cantos persoeiros que, de seguro,
aceptaron a invitación sen dubidar. Entre eles, os máis coñecidos
habían de ser tres en concreto, que se farían cargo cada un deles
dunha sección: Vicente Martínez Risco (sección de etnografía);
Florentino López Cuevillas (sección de prehistoria) e mais Ramón
Otero Pedrayo (sección de xeografía).
Sería o segundo, Florentino López Cuevillas,
quen apoiaría a Xaquín Lorenzo para este ingresar no Seminario como
colaborador oficial. O feito de aquel ver como o de Lobeira elaboraba
unha maqueta dun carro do país cuns apuntamentos que tiñan a ver
fundamentalmente coas partes do mesmo e os seus nomes correspondentes,
moveu ao xa por aquel entón celebrado estudoso da prehistoria a
impoñer ao xoven Lorenzo un traballo pormenorizado sobre o carro
galego.
E é que para ingresar no Seminario de Estudos
Galegos era requisito imprescindíbel a elaboración dun estudo sobre un
tema determinado que fose da especialidade do aspirante. O que
apresentou Xaquín Lorenzo levaría o título de "O carro
galego", e foi lido por Lois Tobío Fernández o 1 de Maio de 1926.
Este mesmo día, o secretario xeral, Sebastián González García-Paz,
fíxolle entrega do carné que o acreditaba como "socio
aitivo".
Xurxo Lorenzo, irmán de Xaquín, tamén estivo
moi vencellado ao Seminario de Estudos Galegos, e mesmo compartía con
"Xocas" a vontade galeguista, que demostrou ata a súa
prematura morte no ano 1934. Cando ambos van estudar a Santiago de
Compostela matriculándose como alumnos oficiais na Facultade de
Filosofía e Letras (curso 1931-32) xa poden, ademais de traballar na
sé do Seminario, desempeñar cargos dentro del. Deste xeito, e a modo
de exemplo, nunha sesión que se celebrou o 15 de Outubro de 1932 co
obxecto de elixir unha "comisión directora" figuran os nomes
de ambos os irmáns, Xurxo como secretario de actas e Xaquín, pola súa
parte, desempeñando o papel de contador. Nesa mesma xuntanza, ademais,
este último pasou a formar parte da comisión de publicacións xunto
con Iglesias Iglesias, Carro García e Bouza Brey, ao mesmo tempo que
foi nomeado director do museo.
Xaquín Lorenzo, por outra parte, xogou un
papel salientábel na vontade de creación dunha colección de manuais
dirixidos fundamentalmente ao ensino primario. Outros seminaristas que
se preocuparon tamén de levar a cabo esta empresa foron Filgueira
Valverde, Vázquez Martínez, Parga Pondal e Fraguas Fraguas. Mais, por
falta de editor esta iniciativa quedou tan só nun bo propósito que
nunca veu a luz.
Nos anos 1933 e 1934 Xaquín Lorenzo apresenta
dous textos que hoxe consideramos fundamentais no conxunto da súa
produción: por un lado, "Notas etnográficas de Lobeira: o liño e
a lá", que se publicou no sexto tomo dos Arquivos do Seminario de
Estudos Galegos e, polo outro, "Notas para un cuestionario de
etnografía: embarcacións". Neste tempo (curso académico
1933-1934) desempeña o labor de "conselleiro", se ben xa non
como alumno da universidade de Santiago de Compostela, senón da de
Zaragoza.
Remata a carreira en 1934. Regresa á cidade do
Apóstolo e é nomeado "conselleiro permanente", cargo que
ostentará ata o momento da disolución do Seminario en 1936. Nesta
época tomará parte en multitude de actos de carácter cultural como
conferenciante, como é o caso da Semana Cultural Galega que se celebrou
na cidade de Porto entre os días 31 de Marzo e 6 de Abril de 1935.
Pronunciaron conferencias, á parte de Xaquín Lorenzo, homes como
Ramón Otero Pedrayo (que leu o seu discurso inaugural), Vicente Risco,
Francisco Fernández del Riego, Isidro Parga Pondal, Alfonso Rodríguez
Castelao, Xosé Filgueira Valverde... Ao seguinte ano, en 1936,
haberíase de celebrar a Semana Portuguesa en Galiza, mais as
circunstancias derivadas do comezo da guerra civil impedirían dar cabo
a este propósito.
E é que a partir do 18 de Xullo de 1936
empezan a se dispersar os fondos bibliográficos e museísticos do
Seminario de Estudos Galegos, dos que en boa parte se incautará a
universidade compostelana. O que desde o ano 1923 fora o centro de
cultura máis importante do país tornarase, do día á noite, nun
simple recordo: o Seminario de Estudos Galegos contaba coa biblioteca
máis importante da súa época no tocante a obras de Antropoloxía,
Etnografía e Prehistoria, disciplinas polas que se interesou vivamente,
alén doutros, Xaquín Lorenzo.
Xaquín Lorenzo, xunto con Fermín Bouza Brey,
Xosé Filgueira Valverde, Antonio Fraguas Fraguas, Ricardo Carvalho
Calero ou Isidro Parga Pondal, entre outros moitos, pertence ao grupo do
Seminario de Estudos Galegos. Hai quen non dubida en cualificalo de
xeración, con mestres pertencentes fundamentalmente ao grupo Nós:
Antonio Losada Diéguez, Florentino López Cuevillas, Vicente Martínez
Risco, Ramón Otero Pedrayo, Alfonso Rodríguez Castelao, etc.
Cando estala a guerra civil algúns dos membros
do Seminario de Estudos Galegos estaban a traballar nas terras do Deza,
sorprendéndoos aquí o inicio da contenda. Nese momento, Xaquín
Lorenzo estaba a traballar nunha obra semellante ás xa publicadas sobre
Calvos de Randín, Velle e Melide, mais finalmente non puido rematala,
ficando tan só das investigacións do ourensán unhas cantas
anotacións, algúns esbozos e un pequeno feixe de debuxos.
|