1933.-
Un enigmático alemán en lobeira
as relacións de xoaquín lorenzo co instituto de línguas
románicas de hamburgo |
En Agosto de
1933 tivo lugar un feito de importáncia capital na cultura galega. Un
investigador alemán, Hans-Karl Schneider, escribiu un pormenorizado
estudo sociolingüístico en Lobeira. Parou en Facós, na casa de
Xoaquín Lorenzo, e cunha tenacidade e profesionalidade sorprendentes,
redixiu a sua tese de doutoramento sobre a variante do idioma
galego-português falado no Val do Límia. Este documento, recuperado
agora con moitas dificultades, é un auténtico tesouro da nosa cultura,
e documenta de modo maxestuoso o feito diferencial da nosa zona, tanto
lingüístico como xeográfico, antropolóxico ou mesmo espiritual.
Antes de continuar, quero expresar os meus
profundos respeitos á Sra. bibliotecária da Universidade de Hamburgo,
dona Gisele Hubert (ex-aluna de Hans-Karl Schneider) e ao Sr. Director e
empregadas do Museo do Pobo Galego e da Facultade de Letras de Coimbra,
pola desinteresada axuda que me prestaron para poder escribir este
artigo.
OS PRECURSORES
Lobeira está xeograficamente inserida nunha
área cuxos límites podian ser o Alto do Vieiro, a Serra do Soajo, o
Santuário da Peneda e o Val do Salas. Non é segredo ningún que reúne
unhas características próprias moi orixinais e irrepetíbeis, que a
singularizan dun xeito notábel.
Xa en 1797, dous biólogos alemáns, Heinrich
Link e o seu axudante, o conde Hoffmansegg, percorren a periferia de
Lobeira. De início, tentaban facer unha descrición biolóxica da zona,
mais fican sorprendidos de contado polos costumes e as peculiaridades da
zona. A fauna e a flora da serra do Xurés e Castro Laboreiro houberon
de pasar a ocupar un lugar secundário no seu libro de viaxes, perante
un "modus vivendi" en que os alemáns detectan faíscas dunha
civilización en estado culturalmente virxe.
En 1902, José Leite de Vasconcellos,
pai da antropoloxia portuguesa moderna, dedícase a facer o mapa
lingüístico do estado português. Cando percorre a raia ourensá,
entrevista persoas dun e doutro lado da fronteira, e repara nun
fenómeno sorprendente. O egréxio antropólogo descobre nas falas da
beira administrativamente portuguesa (Castro Laboreiro, Parada do Monte
[non confundir coa freguesia homónima de Lobeira] e Melgaço)
características máis "galegas" do que propriamente lusas.
Paradoxalmente, nos seus artigos sobre Ferreiros de Entrimo e Lóbios,
afirma que estamos no caso contrário; considera nun princípio que ten
descuberto unha illa lingüística portuguesa. Logo a seguir reflicte
sobre o tema; analisa as peculiaridades dos falares fronteirizos, e ao
se decatar da extraordinária vitalidade dun sistema fonético con seis
sibilantes e da invulgar sonoridade do idioma (xa perdidos no
galego-português contemporáneo) chega á conclusión de que o que lle
pareceran influéncias recíprocas pola proximidade xeográfica non eran
máis que a pervivéncia arcaica dun idioma galego-português
baixo-medieval, conformado antes do nacemento do Condado Portucalense, e
que se mantivo sen grandes alteracións, talvez polo illamento
xeográfico do Val do Límia.
En 1927, o investigador aleman Fritz Krüger, catedrático de
Línguas Románicas da Universidade de Hamburgo, publica na Alemaña o
libro "Die Nordwestspanische Volkskultur". Considerado como o
máis insigne hispanista na história da cultura xermánica, e profundo
coñecedor da obra de Leite de Vasconcellos, sabia das particularidades
do galego da zona. Cando examinei o libro, fiquei sorprendido das moitas
veces en que aparece o nome de Lobeira, xunto con Lóbios, Bande, Güin,
A Forxa, Ferreiros… Krüger confirmou as sospeitas de Vasconcellos; a
unidade dialectal (e o arcaísmo) do sur da Galiza e do norte de
Portugal son evidentes, sen máis matices que a aculturación imposada
por duas administracións políticas diferentes. Asi pois, Krüger
encomenda un estudo máis profundo e pormenorizado a un dos seus
discípulos predilectos no laboratório lingüístico de Hamburgo, Hans-Karl
Schneider.
¿QUEN ERA REALMENTE SCHNEIDER?
Hans-Karl Schneider nace en Hamburgo en 1912.
Estuda filoloxia hispánica e francesa nas universidades de Kiel e
Hamburgo. Fai parte logo do Seminário de Línguas Románicas da
Universidade de Hamburgo, dirixido polo catedrático Fritz Krüger.
Licénciase con apenas vinte anos nas duas carreiras, e cun expediente
académico notábel, é destinado á Universidade de Múrcia como Leitor
de Alemán. En Agosto de 1933, cunha bolsa de estudos do Seminário, é
enviado por Krüger ao Val do Límia, para realizar un estudo en
profundidade do idioma galego daquela zona. En Santiago de Compostela
foi recibido con todos os honores por Xesus Carro Garcia e Florentino
Cuevillas, membros do Seminário de Estudos Galegos, que recibiran a
pertinente notificación da visita. Vicente Risco, profundo admirador do
universo indo-xermánico, mantiña habia tempo fortes vínculos
intelectuais coa Escola de Hamburgo e moi especialmente con Fritz
Krüger. Aproveitan as férias da família de Xoaquín Lorenzo en Facós
(Lobeira) para solventar o difícil tema da hospedaxe, e temos entón os
Lorenzo a receber Schneider na sua fermosa e fidalga casa. Comeza de
contado a elaborar o seu magno traballo de investigación
sociolingüística (futura tese de doutoramento), axudado en todo
momento por Xocas e por José Guzman, daquela párroco de Entrimo, home
con inquedanzas e erudición invulgares. Schneider nunca esquecerá o
maternal trato recibido de dona Joaquina Fernández, a nai de Xocas; no
exemplar que consultamos entre os obxectos persoais de Xoaquín Lorenzo
consta una dedicatória de puño e letra para esta extraordinária
señora. Dorme en casa de Ernesto Lorenzo, extravagante e culto
personaxe, tío carnal e veciño a frente de Xocas; ainda hai en Facós
quen recorda aos irmáns Lorenzo, daquela mozos de 23 e 26 anos, a
cantar baixo a xanela de Schneider, cando este non se daba levantado nas
preguizosas mañás de Agosto… Acompaña a Xocas e a Florentino
Cuevillas nas suas expedicións científicas á Serra do Laboreiro. Aos
poucos, Schneider vai sucumbindo ao fascínio da vida campesiña. Pasea
cumpridamente pola comarca. Xoga ténis na pista dos Lorenzo. Fala en
todo o momento e de todo o tipo de temas cos paisanos. O feitizo das
terras de Lobeira, cunha cultura arcaizante e antropoloxicamente
"incontaminada" obriga a Schneider, que achaba posíbel
terminar o seu traballo nun mes, a formularse unha segunda visita.
Regresa a Múrcia para continuar no posto de leitor de alemán e en
Decembro de 1933 volta a Lobeira. Anton Fráguas Fráguas relata os
pormenores da cea de Natal dese ano. É famoso o simpático episódio
que aconteceu cando os mozos de Facós, ao iren cantar os Reis aos
Lorenzo e convidados, ficaron mudos cando o "señorito
alemán" lles respondeu cunha estrofa improvisada in situ,
demostrando o domínio dunha língua que mal levaba a estudar seis
meses. Os mozos cantaron isto:
Nos dias da miña vida
Xa vin un cacho de pan
Que por moitos anos viva
O señorito alemán! |
Eis a resposta de
Schneider entre a admiración dos presentes:
Nos dias da miña vida
Xa pasei por unha feira
Que por moitos anos viva
A xentiña de Lobeira! |
En 1935 publica en
"A Nosa Terra" o artigo "O galego ¿idioma agonizante e
próisimo a desaparecer?", que reflicte, á parte do cada vez maior
compromiso do alemán co galeguismo, os anceios do autor pola
normalización da língua. Explica polo miúdo o método seguido na sua
investigación lingüística en Lobeira, baseado nun cuestionário de
preguntas aos habitantes da zona, en que o tema fulcral non é apenas a
forma das palabras ou a sua transcripción fonética, senón un facto
determinante, a "invasión" de castelanismos; mesmo mostra unha
estatística percentual deste fenómeno. Sorpréndelle a vitalidade do
idioma, sen parangón nas línguas e dialectos do resto do estado, e mesmo
compara a lamentábel situación social e xurídica do galego co apoio
institucional que recebe o seu dialecto materno, o
"plattdeustch" (baixo-alemán), nas suas terras de Hamburgo.
En 1937 doutórase na universidade de Hamburgo co
estudo feito en Lobeira en 1933. O título definitivo será "Studien
zum Galizischen des Limiabeckens (Orense-Spanien): Lautlehre, Formenlehre,
Vokabular". A versión oficial e definitiva será publicada en
1938 na revista científica de Hamburgo "Volkstum und Kultur der
Romanen". Nese ano, e por causa do seu (cada vez maior) interese polo
português, obtén na Universidade de Coimbra o título de profesor
facultado para o ensino do português no estranxeiro. Publica en Hamburgo
o traballo de Xocas sobre o carro de vacas "Die Brense und
Galizischen Wagen".
Co diploma de doutor no peto, comeza a
traxectória profisional de Schneider no campo do ensino. Consegue o posto
de Leitor de Español e Português na universidade de Kiel. Mais logo
comeza a Segunda Guerra Mundial. De início, foi destinado á sección de
intérpretes do exército, onde foi profesor de español e português. E
mesmo en plena guerra, volta a traducir e publicar en Hamburgo, en 1943,
outro traballo de Xoaquín Lorenzo, nesta vez sobre a casa aldeá do Val
do Límia "Das bauernhaus in unterem limiabecken" tamén
inédito en Galiza, con marabillosas fotografias da comarca, algunhas
delas tiradas cando el estivo en Lobeira.
Mais os terríbeis acontecimentos que envolveron
a Alemaña obrigan Schneider a ser mobilizado. O sentimento de absurdo que
verifica na guerra non abandonará nunca o profesor, configurando nel un
sentimento humanista, antimilitarista e profundamente solidário que o
acompañará no resto da sua vida. O bombardeamento aliado de Hamburgo, en
que a universidade ficou case totalmente destruída, resultou nunha
auténtica desfeita humana e cultural. O Seminário de Línguas Románicas
foi disolto. O decano e xefe do departamento, Fritz Krüger, na mira das
autoridades británicas de ocupación, e baixo sospeita de simpatia co
rexime nacionalsocialista, tivo de exiliarse na Arxentina, onde morrerá
en 1974. Porén, Schneider consegue o posto de profesor de español en
Hamburgo. Comeza unha real travesia no deserto para os hispanistas
alemáns, cunhas relacións nulas coas universidades estranxeiras, rota
parcialmente pola visita de Ortega y Gasset en 1949. Schneider, en 1951,
é porfin nomeado catedrático adxunto de língua e literatura hispánicas
do Instituto Iberoamericano de Investigacións Científicas de Hamburgo.
Funda a revista do Seminário de Románicas,
"Romanistisches Jahrbuch", da cal será durante moitos anos
redactor-xefe, e estreitamente vencellada con aquela, "Viento del
Sur" coa mítica tertúlia literária "El butacón", que
virará en punto de referéncia do hispanismo alemán. Schneider é
recordado ainda hoxe como o profesor que tanto axudou os estudantes
estranxeiros, nomeadamente hispánicos, a resolveren os múltiples
problemas administrativos e de homologación de títulos que a implacábel
policia xermana de estranxeria, a "Biber Haus" ocasionaba coa
sua rectilínea interpretación da lei. En 1960 é condecorado polo
goberno español coa Orden del Mérito Civil, co rango de Comendador. En
ese mesmo ano, Joseph Piël, o inesquecíbel lexicógrafo alemán, nun
congreso mundial de especialistas en línguas románicas, afirma que o
estudo de Schneider é na altura a mellor recensión coñecida sobre unha
forma dialectal da língua galega. En 1965, o goberno da Bolívia nómbrao
Presidente da Sociedade Bolivariana na Alemaña. En 1971, despois de
moitos anos sen outra relacion fóra da epistolar con Xocas, volta á
Galiza, onde se produce un emotivo reencontro entre ambos os eruditos,
após trinta anos de separación. A "vella garda" da Xeracion
Nós comprimenta Schneider, xa virado mito do hispanismo entre a
intelectualidade alemá. Ricardo Carvalho Calero, Fermin Bouza Brey, Anton
Fráguas Fráguas, Xosé Filgueira Valverde, Ramon Martínez López… A
toma de conciéncia da magnitude do traballo de Schneider para o
galeguismo fai que sexa condecorado ese ano co Pergameo de Honra do
Pedrón de Ouro. Nos últimos anos da sua vida académica especialízase
en língua catalana. Divorciado, enche a sua soidade cunha actividade
académica cada vez máis intensa. No seu pequeno apartamento hamburgués,
rodeado de gatos e da sua colección de hipopótamos de porcelana, recebe
a visita de centos de persoas, tal e como fai en Ourense, na casa da rua
da Paz, o seu amigo Xocas. Axuda desinteresadamente alunos e mesmo
profesores e orienta vidas e carreiras. Retírase en 1974. Considerado o
máis insigne hispanista alemán da sua xeración, a Universidade de
Hamburgo réndelle a primeira das homenaxes e múltiples recoñecementos
que terá no final da sua vida. En 1975 é editado o libro "Homenaje
al profesor Hans-Karl Schneider", que reúne os traballos de 83
investigadores pertencentes a dez nacionalidades diferentes, que de algún
modo son deudos intelectuais do catedrático. En 1976, publica varias
recensións sobre a Gran Enciclopedia Galega, o Cuaderno de Estudios
Gallegos e as revistas Grial e Verba, no boletín informativo da
Asociación Alemana de Profesores de Español. Despois de publicar máis
de cen libros e após unha vida consagrada á investigación, falece en
1990. En 1991, a Universidade de Hamburgo réndelle unha homenaxe
multitudinária, convocada por José María Navarro, profesor de español
en Bremen e un dos amigos máis fieis de Schneider, que xa ocupa un lugar
prominente na história do hispanismo aleman, no galeguismo e na memória
colectiva das terras de Lobeira.
SIGNIFICADO DA VISITA DE SCHNEIDER
Non é fácil responder a pregunta sobre os
motivos da visita de Schneider a Lobeira. A intelectualidade alemá,
protexida polo estado, dedicouse desde tempos imemoriais a percorrer todo
o planeta para facer unha espécie de mapa-mundi cultural que abranguese
todas as facetas do saber humano. Basicamente interesado pola cultura
popular, o mundo xermánico sempre estivo fascinado polo
"unbekannte", conceito que ainda difícil de definir, aqui
podíamos traducir por "misterioso" ou "descoñecido".
No caso da Galiza, as zonas escolleitas pola escola de Hamburgo foron
Lobeira, Os Ancares e Fisterra. Ao mesmo tempo, expedicións alemás
procuraban as exactas raíces da cultura humana en zonas tan afastadas da
Alemaña como o Tíbet, Síria, Exipto, Índia, Cerdeña… No caso que
nos ocupa é evidente que Schneider foi o encarregado de estudar a
sorprendente pervivéncia dun idioma a partir do cal evoluiu con
posterioridade a língua galaico-portuguesa. Este dialecto permaneceu de
xeito incríbel case inalterado no Val do Límia, como unha auténtica
cápsula do espácio e do tempo, talvez polas suas características
xeográficas de zona montuosa e illada, lonxe das grandes vilas e mesmo
ata hai poucos anos moi mal comunicada. Schneider observa fascinado como,
sobre todo en Lóbios e Entrimo, o dialecto case se non ve alterado por
castelanismos. Estráñase polo esforzo dos campesiños en responder o seu
cuestionário en "castelán", ou da incomprensión para os seus
propósitos. Fala das dificultades ocasionadas polo mal estado dos
camiños, a falta de médios de transporte, ou mesmo a negativa dos
lobeirenses a lle alugar un cabalo para se desplazar. No Natal de
1933-1934, o durísimo inverno impediulle terminar o seu libro tal e como
el queria… Todo isto esixe unha tradución e reedición do seu traballo,
así como un estudo pormenorizado da sua preséncia entre nós. Esperamos
que a nosa cultura dea a importáncia que merece a figura de Schneider,
ata hoxe, inexplicabelmente un perfeito descoñecido.
|