A casa
«O elemento máis interesante de toda a
produción popular é, sen dúbida, a casa. Non enche soamente o papel
de refuxio contra os ataques do medio ambiente senón que é tamén o
aglutinante que une entre si ós membros dunha mesma familia.
O home
lígase directamente á casa do mesmo xeito que a casa se xungue á
terra, sendo así a vivenda un vencello que liga ó home coa xeografía
dun xeito íntimo.
Esta unión
faise polos dous elementos que a casa ten en si: o posto pola man do
home e o proporcionado pola xeografía.»
«Os elementos da
casa», en A Casa, p. 7. |
«Nalgunhas casas que se conservan dos
séculos XVI, XVII e XVIII, é corrente atopar lumieiras con
inscripcións, ben referentes á data de construción, ben
contendo algún saúdo —AVE MARÍA— ou algunha fórmula relixiosa
—IHS—VIVA MARÍA—. Atópanse tamén nelas as iniciais do dono,
algunha alusión ó oficio que na casa se desempeña, ou tamén
cruces e símbolos profilácticos.»
|
«Os elementos da
casa», en A casa, p. 18-19. |
«A casa cidadá ten un rol distinto da rural.
Xa non é unha dependencia fundamental, destinada a recibir en si
ós membros da familia. É, pola contra, o sitio destinado
exclusivamente a face-lo xantar.
A lareira desaparece e é substituída
por un fogón que soamente serve pra cociñar. Carece de tódolos
demais elementos da rural, non faltando nunca, en troques, a
cheminea.
Ás veces esta cociña corresponde a unha
casa de pequeno tamaño e entón úsase tamén de comedor; mais
neste caso a cociña pasa a ser un elemento secundario, tan
secundario que cómpre recorda-las vivendas urbanas en que a
cociña está na escaleira, sendo común a varios viciños que a
ocupan por rolda para face-los seus xantares.»
|
«Casa cidadá», en A
Casa, p. 131. |
«A fins do século XIX e comezos do XX, en que
tan intensa foi a emigración dos nosos campesiños ás Américas,
os que tornaban de alá atopábanse mal a xeito ó teren que
habitar en demasiada intimidade co resto da familia.
Procuraron unha solución e atopárona
facendo construir no extremo do corredor, por medio duns tabiques
de táboas, e por veces de ladrillo, unha dependencia que recibiu
o nome xeral de alcoba.»
|
«A casa actual», en A
Casa, pp. 102-103. |
«A casa grande é a vivenda rural
en todo o seu desenrolo e procede directamente da villa
romana. Coma ela, ten unha economía pechada, bastándose a si
mesma e contando con caseiros, traballadores e criados que
constitúen unha verdadeira clientela e forman algo así
coma unha prolongación da familia, xa que se senten ligados ós
da casa grande por unha serie de vencellos de gratitude e
de afecto.»
|
«A casa actual», en A
Casa, p. 131. |
«O pazo ten unha orixe xurisdiccional e
arrinca dos vellos señoríos, castelos, encomendas, etc.,
faltando nel o aspecto económico que presenta a casa grande,
polo menos como factor fundamental.
Por outra parte, o pazo é un
producto culto, anque aproveite os elementos populares,
indispensables dado o terreo en que se produce.
É unha vivenda na que o elemento
suntuario predomina, sobrepóndose ó utilitario, caíndo, por
tanto, no campo da arqueoloxía máis ca no da etnografía.
De todos
xeitos, convén advertir que, en
realidade, non presenta nada novo no aspecto etnográfico,
limitándose á ampliación dos elementos da casa grande.»
|
«A casa actual», en A
Casa, p. 112-113. |
«A arqueoloxía móstranos como tipo mais
vello de vivenda, quizais xa do neolítico, unhas cabanas
circulares, feitas cun entramado de vergas, recubertas
interiormente cunha capa de barro, e telladas con colmo.
Restos deste barro, no que se ven
claramente as improntas das ponlas que facían o tecido, foron
atopados en varios castros que se reparten pola área cultural do
N.O. e que demostran a xeneralidade que deberon acada-las
construccións deste tipo.»
|
«Antecedentes da
casa actual», en A
Casa, p. 59. |
«A mais simple habitación que hoxe atopamos
é a cabana, usada normalmente de xeito non permanente. Trátase
case sempre de refuxio prós pastores nas épocas en que levan o
gado á montaña e permanecen con el certa parte do ano.»
|
«A casa actual», en A
Casa, p. 66. |
«A gran vantaxe da pallaza está
no ben que cumpre os seus fins: o teito, de moita pendente, gran
amplitude e feito de palla, garda a calor interior e illa ós seus
moradores do frío de fóra; a isto contribúe tamén o feito de
aloxa-las cortes, o estrume das cales, ó fermentar, proporciona
un foco de calor. O mesmo obxecto, así coma o de opor menos
resistencia ó aire, teñen as súas paredes as súas paredes
baixas, case sempre sen ventás, xa que soamente ten algunha ó
xeito de troneira, presentando unicamente as portas, chamadas ástragos,
pró servicio.»
|
«A casa actual», en A
Casa, p. 73. |
«A cuberta máis xeral en casas de tipo medio
e pequeno é a disposta a dúas augas, aínda en moitas das de
plantaredonda. Non obstante, é preciso facer unha salvedade coas
cubertas das pallozas, que teñen unha disposición propia (...)
cando a vivenda acada unha certa
magnitude, encomenza a usarse o tellado a tres augas, dispoñendo
unha das vertentes cara os ventos dominantes.
En vivendas mais complicadas aparece o
tellado a catro augas e as disposicións en ángulo, seguindo o
desenrolo das dependencias que ten que cubrir.
A cuberta consta, en xeral, de dúas
partes: a armadura de madeira e a cuberta
propiamente dita. A primeira é
sensiblemente a mesma en tódolos casos, variando soamente no
grandor; a segunda ten varias modalidades segundo o material de
que se compoña.»
|
«Os elementos da
casa», en A
Casa, pp. 39-40. |
«Debido á forza dos ventos mariñáns, é
preciso asegurar ben as tellas das casas costeiras; nelas, en
troques das pedras empregadas no interior, péganse de cando en
cando cun pouco de barro ou cal. Non soamente quedan así as
tellas mais seguras senón que se saca partido para lle dar mais
variedade ó tellado, facendo que o cal ou o barro coincida en
liñas transversais, que nalgúns casos se completan con outras
lonxitudinais feitas con cla, formándose así un cuadriculado
branco sobre do fondo encarnado da cuberta.»
|
«Os elementos da
casa», en A
Casa, pp. 45. |
«As nosas vivendas campesiñas carecen case
todas de cheminea. O fume vai saíndo pouco a pouco polas
fendas da cuberta e polas portas e fiestras.
Algunhas hai, non obstante, que contan
con este aditamento, entre elas as casas grandes e os pazos.
Na vila e na cidade é, pola contra,
xeral.
A cheminea consta de tres partes: a campana,
a cheminea ou cheminé propiamente dita, e a capa,
que non todas levan. A campana ten forma de tronco de
pirámide e queda na súa totalidade por baixo do seu tellado. Na
casa labrega adoita ser de pallabarro ou de barrotes e cal,
quedando vencellada por dous lados á parede e sostida a outra
esquina polo cango que forma a aresta, que pende da armadura do
tellado. O borde inferior leva unha táboa que serve de estante
para pousar nel candía, botellas, louza, etc.»
|
«Os elementos da
casa», en A
Casa, pp. 47-49. |
«Na actualidade, as pezas de madeira que se
atopan na casa fíxanse por medio de cravos mercados nas tendas e
fabricados fóra, mais até non hai moito eran os propios
ferreiros aldeáns os que forxaban a man. Son aínda moitos os
cravos que se atopan nas casas do noso campo, de gran cabeza e
longos de abondo, que son produto da industria indíxena. Como é
lóxico, o tamaño dos cravos varía segundo o seu destino,
figurando entre os meirandes os de piso e, entre os
menores, os de barrote, non faltando os de pontón
de tamaño fórado corrente.»
|
«Os elementos da
casa», en A
Casa, p. 51. |
«Hoxe, por seren mais baratos, mercan os nosos
campesiños nas tendas tódolos obxectos de fero que precisan,
desde os cravos astra os barandais de ferro fundido, perdéndose
así unha interesante manifestación da nosa industria popular,
coa que se vaitamén algo da alma que informou a nosa cultura ó
longo de moitos séculos de depuración.»
|
«Os elementos da
casa», en A
Casa, p. 57. |
«Os tempos novos, ó plantexar outros
problemas e proporcionar outros medios, traen unha chea de
modificacións ós xeitos de vivir campesiños, xa que os
productos etnográficos, como verdadeiros seres vivos que son,
sofren un proceso de adaptación para cumpri-los seus fins nos
tempos novos.
(...)
A estrada trouxo ó noso campo os modos
do vivir da cidade, a través da vila, e marcou nas casas un sinal
característico que lles deu un aspecto híbrido, mistura do campo
e da cidade.»
|
«A casa actual», en A
Casa, p. 113. |
«A pesares desta onda de modernismo que pesa
sobre das nosas vilas, atópanse aínda nelas exemplares
interesantes de vivenda que sinalan un sincero desexo de lóxica
adaptación da casa campesiña a un novo medio.
Hai vivendas con corredor dianteiro que
dan, non a un patio, senón á rúa, tendo o acceso por unha
escaleira interior. Os baixos adícanse a algún negocio ou a
cortes pró gado e a fachada posterior vai provista de ventás,
pequenas ou rachadas, que correntemente dan a un curral ou pequena
chousa.»
|
«A casa actual», en A
Casa, p. 115. |
«Na cidade atópanse lonxe os centros de
produción agrícola, polo que o primeiro elemento que desaparece
nela é o relacionado coas ferramentas e co gado, así coma con
aqueles produtos que na cidade non se traballan, como o liño, ou
non se consomen, como o millo.
En troques, moitas familias da cidade
tiñan posesións no campo e del traían moitos productos pró
consumo do ano, dispoñendo nas súas casas urbanas das
dependencias para os gardar.
Por isto era corrente que as casas
tivesen no baixo algunha adega, con portas que permitisen a
ventilación, e na que se gardaba, non soamenteo viño, senón as
patacas, carnes salgadas, etc., contando tamén algunhas cunha
corte prós cabalos de viaxe.»
|
«A casa actual», en A
Casa, p. 118. |
«A dependencia esencial nas nosas vivendas
campesiñas é a cociña. Ela fai xirar ó seu redor todo o vivir
dos moradores, que dependen dela e na que fan a case totalidade da
súa estancia mentres permanecen dentro da casa.
A cociña non é soamente a peza
destinada a prepara-lo xantar; nela xúntase a familia para comer,
recíbense as visitas, fanse as tertulias, rézase o rosario,
gárdanse as provisións, procúrase o seu quentor nas noites do
inverno e, en moitas delas, dórmese pola noite.»
|
«As dependencias da
casa», en A
Casa, p. 123. |
|