«O carro consta de dúas partes: o chedeiro e o rodado. Forman
o primeiro a mesa do carro coa lanza e os artellamentos do eixe, e o segundo o eixe coas rodas.
O chedeiro consiste nunha grade formada por dous langueiros, as chedas,
vergadas por un extremo no que empatan noutro largueiro que avanza por diante, o cabezallo, e chega, anque non
sempre, até a traseira. Estes tres elementos consolídanse por medio dunhas travesas, cadeas, tamén de madeira.
As chedas e o anaco de cabezallo que queda entre elas, coas cadeas
correspondentes, fan a grade, que vai cuberta
con táboas, formando un piso, sollo ou sellao. O cabezallo ten unha ou dúas furas no
extremo dianteiro e alí métese un pau atravesado, a chavella, vertical nuns sitios e horizontal noutros, que
serve para o xunguir. Algúns carros levan unha entalladura en troques da chavella; esta entalladura chámase
mosa. As chedas levan cada unha catro ou cinco furas nas que entran outros tantos estadullos
ou fumeiros, estacas de madeira que rematan en punta. Por entre os estadullos pódense pór dúas táboas,
ladrais, ou dúas armadillas tecidas de vergas, canizos para que a carga non se caia. Algúns canizos
son dunha soa peza, domeándose por diante para da-la volta ó chedeiro; detrás pode levar unha comporta,
recadén, que pecha totalmente o chedeiro convertíndoo nunha caixa.»
|