Letras Galegas 2004 Voltar atrás |
Florentino Cuevillas Cuevillas, que era un caso un tanto inaudito de farmacéutico, empregado de facenda e dedicado á prehistória, tres cousas que ver nengunha coa outra, pero así era Cuevillas, dedicou-se a traballar na prehistória, a sistematizá-la. É o gran historiador de Galiza. [...] Eles querian sacar de min todo o que pudesen no terreno científico e desde o primeiro instante elevaron-me á mesma categoria que eles. Esto pasou-me moito con Risco e con Otero. Lembro cando ingresei na Universidade. Un dia cheguei a casa de Cuevillas e este me dixo: «Home, Xocas, chega vostede a tempo. Teño aqui un artigo para unha revista e quero que o vexa vostede; a ver que lle parece?» Vostede comprenderá o que me ía parecer a min. Un alumno que se preparaba para ingresar na Universidade! Que podia pensar eu sobre un artigo científico escrito por Cuevillas? Pero eu daba-me conta de por que o facian. Era para obrigar-me a opinar, e para opinar tiña que traballar e preparar-me. Esto pasaba-me tamén con Risco e con Otero.
|
© 2004 Biblioteca Virtual Galega |