O traxe do país
«Por outra parte, somentes até certo punto lle convén o tal
calificativo, xa que se trata do traxe empregado durante un determiñado tempo, recente
polo demáis, e que nin se usóu denantes nin despóis. Con tal valor empregamos eiquí o nome de
"traxe galego", do que non queda máis sobrevivencia que as bastas e teatrás imitacións que dil se
fan.»
«O traxe», en Os oficios, p. 273. |
«Até fai pouco, as mulleres usaban camisa
de manga curta, con escote cadrado; polo xeral, era de dúas pezas: a superior ou cós,
cinguida, e a aba, longa, con vó, de lenzo máis ruin. Os bordes das mangas,
o escote e o rodo da aba podían levar encaixe. Sobor da camisa
ía o xustillo cinguido o peito, pechado atrás cunha amarralla pasada polos olleiros feitos
nas beiras do xustillo. Sobor dil puñan, ás veces, o corpiño, mais no caso contrario, a
camisa tiña as mangas longas, que pechaban onda a man, rematando nun puño de encaixe máis ou menos
adornado, e desaparecía o escote pra vir pechala camisa no arrinque do pescozo, adornándose
de xeito semellante ós puños.»
|
«O traxe», en Os oficios, pp. 274-275. |
«O traxe dos homes, desaparecido xa totalmente, era sinxelo, tendo unha
chea de variantes asegún os tempos e os lugares. En xeral, compúñase dunha
camisa de liño con botóns feitos de fío, pespunteada, máis ou menos luxosa consonte a ocasión en que se
puña. A camisa era de tira e cos puños abotoados. Sobor da camisa,
o chileque, de pano roxo, branco ou verde, e coa parte traseira de lenzo, case sempre de estopa.
A chaqueta, de pano verde, castaño ou azul, moi pouco aberta de
solapas, ía case sempre sobor dun hombreiro. O calzón é tamén de
pano, de cór escura, provisto nalgúns sitios de mandil, peza situada na parte outa da dianteira
e que se pode desabotoar por riba cando fai falla.»
|
«O traxe», en Os oficios, pp. 279-281. |
«Os nenos, namentres son pequenos, embrúllanse en panos
e mantas cobríndolles a cabeza con cufetes, xeito de gorriñas feitas de
lenzo. Logo, ó medraren, comenzan a se vestir coma a xente
adulta, especialmente as nenas, que, dende que chegan ós seis ou sete anos, levan a súa
saia, manto e pano da cabeza coma as mulleres. Os nenos usan pantalón curto, polos
xoenllos ou algo máis abaixo, sendo curioso o emprego de mandil, que eiquí é unha
peza pequena de lenzo que vai suxeta á cintura, pola parte traseira, coma se fose unha
cortina, e que tapa o que ó pantalón lle falta por detrás; diste xeito, os rapaces non
precisan axuda ningunha, bastándolles agacharse e voltar a se erguer.»
|
«O traxe», en Os Oficios, p. 285. |
|