Buenos
Aires.
A esperanza renacida
|
Lorenzo
viaxa cara a Arxentina en xuño de 1941. De camiño vai cumprir un
anceio que garda desde hai tempo: visitar Cuba, o país onde abriu os
ollos. Un sarxento mulato, Fulgencio Batista, que se autonomeara coronel
brincando por riba de todos os regulamentos, era daquela o presidente da
República caribeña. Fora elixido un ano antes, aínda que o seu peso
no réxime viña de atrás. Os aspectos demagóxicos do primeiro Batista
conseguiron encandear a moitos demócratas. "O napoleonciño
popular escribe Xosé Neira Vilas posibilita certas libertades,
botando contas arredor do seu futuro político. As contas saíronlle,
pero tras de matufias, aduanadas, exilio, cuartelazos, atafegos e
crimens, tería de liscar vinte anos dempois, empurrado polo volcán
revolucionario acendido por Fidel Castro" (1).
Cando Lorenzo chega a Cuba, o ex sarxento
xa amosaba a súa face máis moura. A corrupción campaba por todas as
esferas da Administración. A política tiña un inconfundible tufo
reaccionario. O movemento obreiro era duramente reprimido. Reforzábanse
os fíos neocoloniais, manexados desde Washington. A Lorenzo dóelle a
"súa" illa. Vinte anos máis tarde confesará: "Para
entender, sin ninguna otra explicación, la Revolución Cubana, basta
haber estado allí aquella época" (2). Pouco sabemos dos seus minutos e
dos seus contactos durante a estadía en La Habana, aparte dunha
entrevista co seu vello camarada Santiago Álvarez (3), talvez para perfilar
o traballo do militante Lorenzo Varela na Arxentina. Solicita tamén unha
certificación de nacemento. Axiña vai proseguir a súa viaxe.
No porto de Buenos Aires, en decembro de
1941, agárdano, entre outros, Rafael Dieste, Carmen Muñoz, Arturo
Cuadrado e Luís Seoane. Ao pé do barco atópase tamén o seu pai, José
Ramón Varela García, a quen non vía desde había máis de dez anos. Na
casa do pai, que segue instalado en Nueva Pompeya e ía camiño de
conseguir unha desafogada situación económica, recupera Lorenzo o fogar
da súa infancia. Activo e disque xeneroso membro das sociedades galegas
de Buenos Aires, José Ramón coñecera a Seoane en 1937, ao través dun
veciño de Monterroso, Andrés Vázquez. O mesmo Seoane fixo a semblanza
daquel home que, cando abraza de novo ao seu fillo, ten cincuenta anos:
El padre de Varela tenía entonces el
cabello rubio y unos ojos azules que se fijaban interrogantes en uno. Su
hijo se le parecía solamente en su contextura corpórea y en algunas
líneas que se producían en sus cabellos y en la forma de la nuca y del
cráneo. Durante años mantuvieron una relación tierna y aislada, como
creo debe ser la relación entre padre e hijo; yo no fui padre, pero fui
hijo, y conozco sólo, pues, una parte de esa relación, pero sé que debe
ser así (4). |
O café Tortoni
Non ben chega Lorenzo a Buenos Aires, os
seus amigos fanlle sitio na tertulia do café Tortoni (5). Despois do xantar,
xúntase no establecemento un monllo de emigrantes e exiliados, homes de
palabra e da palabra, do pincel e do pensamento, para conxurar arredor
dunha mesa soños e proxectos. A do Tortoni non é unha voz monolítica
nin monocorde. É a resultante dunha diversidade de tonos e acentos, unha
polifonía orquestada baixo a batuta da democracia e da xustiza.
Intelectuais que proveñen de diferentes culturas, que carretan
inquedanzas particulares, dramas específicos e persoais vivencias, pero
identificados na defensa da dignidade, no rexo compromiso cultural co ser
humano e na capacidade do home para mudar o rumbo da historia. O café
tiña xa daquela unha ben gañada tradición tertuliana, como indica
Alonso Montero:
Hai décadas que o café Tortoni de Buenos
Aires, sito na Avenida de Mayo, figura nas historias da literatura
arxentina porque nel falaron e debateron, entre copa e copa, ducias e
ducias de importantes escritores arxentinos e non arxentinos. Desde 1940,
coa chegada dos españois do exilio, vaise celebrar unha tertulia
pluricultural na que os galegos van ser algo así como o núcleo máis
constante e activo (6). |
No Tortoni crébanse, non só as lindes que
afastan as diversas capelas literarias ou artísticas, senón o vidro dos
anteollos que impiden ver o horizonte da cultura universal. A lingua e a
cultura de seu non é máis ca un xeito de ollar e de interpretar a
existencia. Xa que logo, a morte dunha lingua, a queima dun libro ou
calquera outro atentado cultural supón un irreparable empobrecemento da
humanidade. O uniformismo lingüístico e cultural, ao facer táboa rasa
da complexidade existencial, converte nun ermo e maquiniza deshumaniza a
vida dos homes e dos pobos. A contribución á cultura universal, cando
pretende ser fecunda, só pode facerse desde a instalación na propia
lingua, entrañándose na propia cultura, chámese galega ou chámese
española. Pero cómpre, ao mesmo tempo, superar a miopía que ergue
valados infranqueables entre o propio e o "alleo", que pon
atrancos á inserción dunha cultura no marco universal e esterca o campo
para o sectarismo e o racismo. No Tortoni chegaron á síntese desa
dialéctica. Expresouna como ninguén Lorenzo Varela, personificándoa nos
destinatarios da dedicatoria do seu libro Lonxe: "A Maruxa e Luís
Seoane: se se olla para fóra, o mundo; se para dentro, Galicia" (7).
Danse cita no Tortoni un escollido acio de
galegos, aínda que algúns o sexan de adopción: Luís Seoane, Rafael
Dieste e a súa muller Carmen Muñoz, Antonio Baltar, Colmeiro, Otero
Espasandín, Lorenzo Varela... Achéganse ás veces Federico Ribas, Xosé
Suárez ou Núñez Búa, que vivía na Plata. Acoden de vez en cando
Arturo Cuadrado e Gumersindo Sánchez Guisande. E onda eles, con máis ou
menos asiduidade, o compositor madrileño Julián Bautista, o pintor e
artista gráfico italiano Attilio Rossi, o sabio dominicano Henríquez
Ureña, os filólogos Guillermo de Torre e Ánxel Rosemblat, o escritor
brasileiro Newton Freitas, algúns escritores arxentinos como Nalé Roxlo,
o debuxante norteamericano Ton Fanning e o alemán que usaba o seudónimo
de Clement Moreau... (8)
Eramos escribe Luís Seoane, a quen lle
debemos esa nómina irmáns verdadeiros. Soñabamos traballos parellos
ós dos menonitas, a secta á que pertenceu Rembrandt, coa división do
traballo, intelectual e físico, non en canto ás ideas, ao pé dos Andes,
lonxe de todo. Soñamos con editoriais que nunca, a pesar da nosa
experiencia, poderíamos facer en calquera cidade de Galicia, imprimindo
en idiomas galego, castelán e portugués. Foron moitos anos de soños.
Lorenzo Varela era o máis mozo de nós e non era tampouco o máis asiduo
ao Tortoni por misteriosas razóns de xuntanzas políticas, mais formaba
parte deses proxectos que nunca chegaron a ter realidade (9). |
As "misteriosas razóns de xuntanzas
políticas" de Varela non son outras que as derivadas da súa
militancia comunista, nun contexto, o arxentino, que esixe discreción,
cando non clandestinidade. Lorenzo é quen saca adiante, con moi poucas
axudas e moita dedicación, os folletos propagandísticos e os boletíns
promovidos polo Partido Comunista de España en Arxentina. Participa en
publicacións clandestinas, ou toleradas, como España independiente,
Noticias de España e Unidad y Lucha, e chega a dirixir o que moitos
consideran o voceiro oficial do partido, Pueblo Español. Actividade
política que, sen dúbida, frustra boa parte da obra literaria que leva
dentro.
Castelao e Lorenzo Varela
Ese activismo de Lorenzo encaixa mellor e
atopa maior receptividade no Tortoni ca nos círculos galeguistas que, por
eses anos, manteñen certas reservas diante de todo aquilo que arrecenda a
comunismo. Convén repararmos que, entre 1940 e 1950, ano da súa morte,
reside en Buenos Aires o máximo e indiscutible guieiro do galeguismo:
Alfonso Rodríguez Castelao. Desde o Centro Ourensán, Castelao senta
cátedra e participa no deseño da política da Irmandade Galega, especie
de partido galeguista no exilio. Pero no Castelao desta última etapa,
rodeado acotío polos seus devotos Adolfo Prada, Manuel Puente, Xosé
Benito Abraira, Luís Seco... están a esmorecer as simpatías que nel
espertara o comunismo, tanto durante a guerra civil como logo da súa
viaxe á Unión Soviética. Xesús Alonso Montero fai unha documentada
proposta interpretativa dese perceptible e ás veces explícito cambio de
actitude do mestre (10).
Á marxe desa interpretación, o certo é
que non existe fluidez na relación entre a Irmandade e o Tortoni.
Apoiándose no testemuño de Maruxa Fernández, viúva de Seoane, Alonso
Montero escribe:
Seoane, Dieste, Colmeiro... (os do
Tortoni), non tomaban café cos da Irmandade e só unha vez foi Castelao
tomar café ó Tortoni, onde fixo as delicias dos asistentes contando
"cousas" da súa nenez na Pampa. Non se falou de política (11). |
O que non quita para que Seoane, o outro
gran facho da intelectualidade galega en Arxentina, sempre xeneroso e
rigoroso nas súas valoracións, fose un dos grandes propagandistas da
obra do rianxeiro. Das relacións de Castelao e Lorenzo Varela sabemos que
se inscriben nese ámbito e que, polo menos, diferencias de idade á
marxe, houbo respecto mutuo e mesmo admiración. E tamén algunha
discrepancia puntual.
Como primeira achega, se ben certamente
simbólica, podemos esgrimir unha fotografía: nela obsérvase un
conferenciante na sala de arte do Centro Gallego Lorenzo Varela, seguido
con atención, desde a primeira rea de cadeiras, por un home de anteollos,
coas pernas cruzadas e que descansa o sombreiro no seu xeonllo esquerdo
Alfonso Rodríguez Castelao (12). Se nos estamos trabucados, a disertación
de Varela versa sobre a exposición dun pintor, Manuel Colmeiro, ben
querido e admirado tanto polo rianxeiro como polo monterrosino.
A segunda é un texto de Lorenzo Varela
titulado "En torno a unas declaraciones de Castelao ¿contra el
pueblo?". O profesor Axeitos, que foi quen o deu a coñecer, sitúa o
escrito nunha data próxima a 1945, ano da fundación de Galeuzka, se ben
descoñece onde foi publicado (¿quizais en Pueblo Español?) (13). A Lorenzo
contrístano unhas supostas declaracións de Castelao á revista arxentina
Ahora, na que se lle atribúen frases deste tipo: "Lo principal no es
que haya en España República o Monarquía", "fueron los
monárquicos los que trajeron la República". Lorenzo non acaba de
dar creto ao que le, "queremos decir que no queremos entender esto y
pensamos que es otra la cosa que quiso decir Castelao y que dijo en
efecto, y en la crónica, por esa razón tan periodística de la prisa,
quedó envuelto en confusión". E cando o poeta se decide a
interpelar ao autor de Sempre en Galiza faino como o combatente
republicano doído defraudado pola actitude do mestre a quen recoñece
como guieiro:
¿Qué se hizo del Castelao combativo,
entrañado en el alma nacional del pueblo gallego, hombre representativo
del Frente Popular gallego? ¿Qué malentendido puede haber para que
Castelao renuncie a su vieja y espléndida bandera de todos los gallegos
dignos, e insignia respetada por cualquier español que mereciese el
nombre de leal?
¿A qué espera Castelao para ocupar el lugar que le corresponde, que
otras veces ocupó, en el movimiento gallego de unión nacional y en el
movimiento español de liberación?
¿A dónde va Castelao por ese camino, sin el pueblo? ¿Contra el pueblo? |
Pasado o tempo, para que non queden
dúbidas de que certas actitudes do último Castelao non minguan a
extraordinaria estatura moral do artista e do político, Lorenzo Varela
ofréndalle ao "irmán" dous dos seus vinte e seis poemas en
galego, prégalle á súa memoria forzas para a "loita xerminal de
cada día" e promételle que a Galicia libre tallará o seu nome
"nas outuras do Pórtico da Groria".
Nova, o nacemento dunha editorial
Cando Lorenzo chega a Buenos Aires leva na
maleta viaxeira un feixe de poemas. Algúns deles foran publicados en
España e outros, éditos ou inéditos, naceron en México. A serie vaise
completar axiña en chan arxentino. O poemario Torres de amor xa está
preparado para as linotipias. Cómpre arestora buscar editora. No Tortoni
non hai dúbida: a editorial Emecé. Nela traballan Luís Seoane e Arturo
Cuadrado. Alí impulsan as coleccións Dorna e Hórreo, editan obras de
autores galegos Rojo farol amante, de Rafael Dieste, reeditan aos
clásicos Macías o Namorado, Rosalía, Pondal, Curros, Manoel Antonio...
Emecé semella ser un refuxio seguro para manter ao enxoito o libro galego
mentres dure a treboada en España. Pero tamén hai fendas no teito dese
refuxio. Os donos da editora botan contas: os lectores en galego son
poucos e as tiradas cativas, a economía reséntese e algunhas edicións
que propón Seoane non sempre son rendibles en termos comerciais. Desta
volta emergulla un problema engadido: o autor do novo libro que propoñen
Seoane e Cuadrado é comunista. O episodio relátao así Arturo Cuadrado:
Lorenzo Varela llega a Buenos Aires de
México, echado de París, de México por comunista, y nos dice a Seoane y
a mí: "Traigo un libro para editar, Torres de amor". Vamos a
tomar café, pero Mauricio Braun Menéndez [un dos donos de Emecé] dice:
No se publica.
Pero cómo, una joya de libro, Seoane lo quiere ilustrar.
No se publica por comunista.
"Si no se edita este libro", dice Seoane, "nos vamos".
"Cómo se van a ir", dice Braun Menéndez, hay libros para
editar de Girondo, Borges, Mallea". Seoane insiste y me dice:
"Nos vamos, Arturo", y Mauricio nos da tres mil pesos a cada
uno.
Nos vamos a la imprenta López.
¿Qué pasa, Cuadrado?, ¿qué pasa, Seoane?, ¿traen algo nuevo?
Queremos hacer otra editorial, tenemos dinero; tenemos tres mil pesos.
Bueno, vamos a publicar ese libro, el dinero lo guardan para ustedes,
cuando lo vendan lo van pagando.
Surgió así Editorial Nova con ese libro de Lorenzo Varela, Torres de
amor. Sale el libro y tiene una resonancia en La Prensa, en
La Nación.
Vamos hacia arriba (14). |
¿Sucedeu así? Arturo Cuadrado era un home
imaxinativo e fabulador, pero a historia, a grosso modo, confírmaa Luís
Rei Núñez:
Este é o pano de fondo que se debuxa cando
Seoane e o amigo (Arturo Cuadrado) levan ao directorio económico de
Emecé o orixinal de Torres de amor de Lorenzo Varela, que aquel se nega a
sacar pretextando que o autor é comunista. Faltoulle tempo a Seoane para
turrar de Cuadrado e deixar a editorial. Inmediatamente crean unha nova
editora, para a que lle buscan nome cos amigos no café Tortoni. Será
Otero Espasandín quen llo poña: "Xa está, ten que chamarse Nova,
como a estrela" (15). |
Dito e feito. Seoane e Cuadrado póñense a
traballar no novo proxecto. A Editorial Nova, que fixa o seu domicilio
social a dous pasos do Tortoni, na mesma Avenida de Mayo, é xa unha
realidade. A súa primeira obra, o poemario Torres de amor que rexeitara
Emecé, encádrano na colección Pomba que vai dirixir Arturo Cuadrado.
Case ao mesmo tempo co libro de Varela, a Editorial Nova principia a súa
actividade con cinco coleccións que, pasados algúns anos, permitiranlle
amosar un amplo repertorio de obras clásicas e actuais. Amais de Pomba,
esas coleccións son as seguintes:
Camino de
Santiago. Dirixida por Luís
Seoane e Arturo Cuadrado, publicarase nesta colección unha das obras
senlleiras da literatura española Historias e invenciones de Félix
Muriel, de Rafael Dieste, amais de varias reedicións de autores galegos
xa clásicos: Siervo libre de amor, de Juan Rodríguez del Padrón;
Cuadros de la guerra, de Concepción Arenal; Don Diego Gelmírez, de
Manuel Murguía; El advenimiento del hombre, de Roberto Nóvoa Santos;
Adolescencia, de Ramón Otero Pedrayo; Historia del siglo XV en
Galicia,
de Benito Vicetto...
Mar dulce e
Tierra firme. Dirixidas ambas
as dúas por Luís M. Baudizzone, supoñen a destacada contribución da
Editorial Nova á recuperación da arte, a literatura, os costumes e a
historia dos países americanos. Con eses rubros publícanse os debuxos de
Huaman Poma de Ayala, o artista inca que penetrou nas fonduras dos mitos e
costumes do seu pobo; obras do debuxante mexicano Guadalupe Posada;
relatos do gran costumista arxentino Fray Mocho, ilustrados con debuxos da
época, ou clásicos da literatura brasileira como Don Casmurro, de
Machado de Assis.
Serie
Romántica. Lorenzo Varela encárgase
desta colección, na que irán aparecendo obras de Gérard de Nerval,
Larra, Benjamin Constant, Víctor Hugo, Musset... Non é casualidade que
sexa Lorenzo, home convencido de que se estaba a dar un rexurdimento do
romanticismo, o responsable desa serie. Luís Seoane explícao deste
xeito: "Por esas datas falabamos moito el e eu dunha especie de
neorromantismo que nos parecía ía ser o seguimento do surrealismo
imperante en Francia e noutros países, sobre todo nos Estados Unidos.
Eugenio Bergman era o pintor que entusiasmaba a algúns, así como a
actitude romántica, ou así nos parecía, dalgúns dos primeiros membros
do surrealismo" (16).
"De Mar a Mar"
Coincidindo coa publicación de Torres de
amor aparece o primeiro número de De Mar a Mar, a primeira das tres
grandes revistas que Lorenzo Varela vai codirixir na Arxentina. A
secretaría da publicación compártea Lorenzo cun gran poeta, ex
combatente e amigo que acaba de chegar de Chile, onde pasou a primeira
etapa do exilio: Arturo Serrano Plaja. De periodicidade mensual, cun
formato semellante ao de Hora de España, sairán sete números da
revista, entre decembro de 1942 e xuño de 1943. Como ocorrera con Romance, tamén foi Lorenzo nesta ocasión quen bautiza a nova criatura.
Explicouno el mesmo no fermoso limiar que escribiu en 1979, co gallo da
reimpresión en España desa publicación:
Cuando en diciembre de 1942 aparecía en
Buenos Aires una revista titulada De Mar a Mar, solamente sus animadores
sabían que ese título, además de intentar simbólicamente el logro de
cierta comunicación o diálogo entre las playas de América y España,
que era lo más visible, procedía de un verso de don Antonio Machado en
el que se hacía referencia a una España "vendida toda, de monte a
monte, de mar a mar". Fui yo mismo quien propuso el título a los
demás amigos, tanto argentinos como españoles, más un italiano, el
pintor y diseñador gráfico Atilio Rossi, que fue decisivo para la
empresa, y un brasileño Newton Freitas, en el que se encarnaban,
personalísimamente, los ritmos que podían expresar algo que por entonces
fue bautizado risueñamente como una civilización
afroeurogalaicoamericana (17). |
A xuízo de Lorenzo, todas as revistas que
fundaron os españois "do éxodo e do pranto" e De Mar a Mar
non había ser a excepción tiñan as súas raíces en dúas
publicacións que viñeron sintetizar un largacío rosario de
publicacións liberais en España: Revista de Occidente, de José Ortega y
Gasset, e Cruz y Raya, de José Bergamín. Non obstante, Varela salienta
un elemento diferenciador entre esas empresas e as que lles precederon en
terra española:
Pero con una innovación, en el más hondo
sentido del sustantivo: la América de habla española, y hasta donde
hemos podido la de habla portuguesa, fueron incorporadas, es decir,
pasaron a ser un mismo cuerpo, con nuestra tradición viva y con una misma
"nostalgia de futuro común" todavía hoy no diseñado (18). |
Cando se repasa a nutrida nómina de
colaboradores, máis subliñable aínda se temos en conta a curta vida de
De Mar a Mar, compróbase a veracidade da afirmación de Lorenzo. Fixeron
a súa achega á revista homes de letras arxentinos, como Eduardo Mallea,
Ricardo L. Molinari ou Norah Borges; poetas mexicanos como Octavio Paz;
escritores brasileiros como Newton Freitas ou González Carbalho; ou
intelectuais dominicanos como Henríquez Ureña, ademais dunha ampla
representación española: Rafael Alberti, Francisco Ayala, Guillermo de
Torre, Juan Gil-Albert, Ramón Gaya...
Media ducia de escritores e artistas
constitúe a embaixada galega na revista De Mar a Mar. As viñetas de
Seoane e Colmeiro, de notoria temática galega, rivalizan coas do italiano
Atilio Rossi ou as da arxentina Norah Borges. O historiador Otero
Espasandín é un dos máis constantes nas súas colaboracións,
maiormente críticas de libros, incluída unha sobre Torres de amor. O
doutor Antonio Baltar manda unha recensión dun libro de Cuatrecasas.
Rafael Dieste, "que con Bergamín inspiraron tantas cosas (mejor
dicho, soplaron en los pulmones de tantos de nosotros para darnos algo
más que aliento), envía un fragmento de uno de los más bellos libros de
narraciones que se haya escrito en castellano" (19).
E onda eles, Lorenzo Varela, que dirixe,
inspira e escribe. En De Mar a Mar publica un dos seus mellores poemas
"Duelo en tres cantos por la muerte de Miguel Hernández",
asina numerosas recensións de libros de diversos autores Alberti, Gómez
de la Serna, Franz Werfel, André Lothe, Silvina Ocampo, unha tradución
dun poema de Víctor Hugo e responsabilízase dunha sección, "Hojas
caídas" só aparece tres veces, breves e incisivos comentarios
sobre os aconteceres políticos e culturais do momento.
Como antes Romance e como despois
Correo Literario, De Mar a Mar é unha revista cultural de intencionalidade
política. Non podía ser doutro xeito naquelas circunstancias: a vida da
publicación transcorre mentres o mundo xira entre os estertores dunha
guerra mundial. O editorial do número inaugural é explícito verbo da
posición que manteñen os responsables da revista, mesmo aínda que ese
talante supoña sacrificar a propia obra personal:
Quienes hacemos De Mar a Mar creemos que la
obra creadora es siempre le mejor espejo que los escritores o artistas
pueden brindar de cada tiempo; pero hoy tienen las horas una categoría
tal de fecha decisiva que requieren del literato o del investigador o del
artista una contribución moral tan apremiante que no siempre puede
conciliarse con el ritmo de su obra específica. (...) A nosotros desde
luego no nos es igual éste o el otro resultado de la batalla. Estamos
decididamente con los pueblos libres y deseamos su rápida victoria sobre
el nazismo, el falangismo y el fascismo (20). |
Trinta e sete anos despois de publicadas
esas palabras, Lorenzo segue a ver aquela experiencia como "un
estandarte del mundo libre frente a la agresión, poderosa y solapada,
cuando no declarada y aparentemente invencible, del fascismo".
Revista de intención política, si, pero "a partir puntualiza
Varela de una calidad literaria que, por lo menos en el proyecto,
estuviera por encima del nivel de la propaganda. El escritor, el artista,
el pensador, sin trabas ni uniformes, defendiendo el manantial de su
destino" (21).
Corresponde tamén a Lorenzo pechar este
epígrafe cun corolario sobre a significación de De Mar a Mar, no momento
de ser rescatada editorialmente da brétema da historia:
De Mar a Mar, como
Romance para no hablar
de otras empresas, representó un momento, un raro momento, en que, no
sólo sin la ayuda de los Estados, tanto el español como los
"latinoamericanos", sino, en general, en contra de ellos, se
estableció a través de los mares, un puente firme, de verdad común,
verdaderamente puente, entre los pueblos de América de habla española y
España. (Con un modesto intento de inclusión en la misma área, de la
América de habla portuguesa).
Pasados más de treinta y cinco años todavía no se ha restablecido ese
puente. ¿Será necesaria otra catástrofe para lograrlo? (22) |
A revista de Victoria Ocampo
Nos últimos meses de 1942 atopamos a
Lorenzo Varela mergullado nunha voráxine de febril actividade. Acaba de
publicar Torres de amor, dirixe a serie Romántica da Editorial Nova para
a que realizará varias traducións, pon en marcha con Serrano Plaja
De
Mar a Mar, comeza a publicación do periódico Pueblo Español e aínda se
ve con forzas para iniciar, en outubro dese ano, unha serie de
colaboracións na prestixiosa revista Sur, que dirixe con man de ferro e
peto xeneroso a célebre Victoria Ocampo.
Ninguén dubida hoxe que
Sur é unha das
publicacións máis importantes, lonxevas e influíntes da América Latina
no século XX (23). Fundada en 1931 por Victoria Ocampo, unha filla da
oligarquía porteña que soubo vencer os prexuízos de caste e a moralina
convencional da "boa" sociedade arxentina, a publicación
bascula do seu inicial elitismo e esteticismo cultural cara a compromisos
éticos e políticos en función das circunstancias. Entre estas, houbo
dúas que abalaron con contundencia a concepción da revista e mudaron
explicitamente a súa orientación: a guerra civil española e o avance
dos totalitarismos fascista e nazi que ía desembocar na confrontación
mundial.
O apoio de Sur ás forzas leais españolas
que combaten aos militares sublevados maniféstase cedo, pero de esguello,
por exemplo, coa publicación de textos e poemas sobre a morte de García
Lorca. Polo compromiso explícito haberá que agardar ata agosto de 1937.
O detonante foi un artigo do filósofo católico francés Jacques
Maritain, no que reprendía á Igrexa española por respaldar aos rebeldes
e cualificaba de "sacrilegio horrible" a campaña de
"santificación" do conflito armado. A reacción, procedente de
medios eclesiásticos e profascistas arxentinos, non se fixo esperar e a
revista Sur foi acusada, nas páxinas dunha publicación denominada
Criterio, de "arreligiosa, liberal e izquierdista". Respondeu a
revista agredida, en setembro, cun editorial, "Posición de
Sur", asinado pola propia Victoria Ocampo, aínda que máis tarde
recoñecería que o escribira Eduardo Mallea. A propietaria de Sur
reivindica nese traballo os valores democráticos e laicos, pero
inscribíndoos, na liña de Maritain, na tradición cristiá. Logo de
expresar a súa oposición a "todas las persecuciones sectarias sean
de raza, sean de política, sean injustas persecuciones disimuladas bajo
formas codificadas y legales que nos parecen igualmente odiosas,
igualmente monstruosas", Victoria Ocampo ou Mallea escribe:
Pero si la publicación llamada
Criterio
designa todas esas cosas con el nombre general de izquierdismo, esto es
tal vez lo que nosotros somos por fortuna y lo que la verdadera
tradición cristiana ha querido para todos los hombres. |
Cando principia a Segunda Guerra Mundial,
Sur, sen abandonar os criterios de calidade, mais si o neutro esteticismo
de tempos pasados, está decididamente aliñada cos países democráticos
que tratan de coutar o paso ao nazismo. En aberto contraste co propio
goberno arxentino, escribe Victoria Ocampo en setembro de 1939: "En
semejantes circunstancias nadie puede permanecer moralmente neutral.
Nosotros no somos neutrales".
O selecto grupo de
Sur, integrado, nunha ou
noutra etapa, por prestixosos intelectuais como Victoria e Silvina Ocampo,
Jorge Luis Borges, María Rosa Oliver, Adolfo Bioy Casares, Eduardo
Mallea, Ernesto Sábato ou os irmáns Patricio e Estela Canto, ábrelle as
portas aos intelectuais españois desterrados. Incorpóranse así á
revista como colaboradores, ademais de Guillermo de Torre secretario da
publicación na primeira etapa, casado coa pintora Norah Borges, irmá de
Jorge Luis, Rafael Alberti, Francisco Ayala, Ricardo Baeza, Américo
Castro, Rosa Chacel, Juan Ramón Jiménez, Pedro Salinas, Maruja Mallo e
María Zambrano. Tamén Lorenzo Varela, probablemente da man de Guillermo
de Torre, un dos contertulios do Tortoni. Ortega y Gasset, amigo da dona,
o que no seu día lle propuxera o nome de Sur, deixa por esas datas de
publicar e ensómese nun absoluto mutismo, que algúns interpretaron como
apoio implícito ao franquismo. Despois volveu a España, pero tampouco
abriu a boca nin mollou a pluma, o que foi interpretado como unha
posición antifranquista.
Lorenzo Varela, en "Sur"
Lorenzo Varela publicou oito traballos en
Sur. Non só foi o escritor galego con meirande participación na revista,
senón que aproveitou a oportunidade que lle brindou Victoria Ocampo para
"facer patria". Das oito colaboracións, catro son críticas de
arte e, delas, tres utilizounas para promover a obra de Manuel Colmeiro e
de Luís Seoane. Do primeiro fixo a recensión da súa exposición de
gravados a punta seca, realizada na galería Luisa Fanning (24). Do segundo
analizou os 49 debuxos que integran o Homenaje a la torre de Hércules,
"que parecen haber crecido de los miniados, la imaginería y las
leyendas del siglo XII" (25), e deu cumprida noticia das 31 ilustracións
que o mesmo autor realizou para unha edición de Los sueños, de Francisco
de Quevedo (26). A cuarta recensión motívaa unha exposición do italiano
Attilio Rossi, colaborador seu en varios proxectos editoriais, no Salón
Impulso de Buenos Aires (27).
As outras catro colaboracións son artigos
críticos de outros tantos libros: Picasso, do editor catalán Joan Merli
(28); Vaga música, de Cecilia Meireles (29); Españoles de tres
mundos, de Juan
Ramón Jiménez (30), e Historia de las artes plásticas, de Jorge Romero
Brest (31). Paga a pena detérmonos na crítica do libro de Juan Ramón,
seguramente o principal traballo de Lorenzo Varela en Sur, porque nos
ofrece pistas seguras para escudriñar na cordial non sempre relación
que manteñen os dous poetas. O empeño ben merece capítulo á parte.
NOTAS
1 |
Xosé Neira
Vilas: Castelao en Cuba. Ediciós do Castro, 1983. |
2 |
Xosé Neira
Vilas: "Lorenzo Varela, poeta español nacido en Cuba". El
Mundo. La Habana, 21-IV-1968. Tamén en "Lorenzo Varela,
un poeta gallego que nació en Cuba". La Nueva Gaceta.
La Habana. Abril, 1982. |
3 |
Véx.
Santiago Álvarez: "A la memoria de un gallego
ejemplar". Mundo Obrero. 28-XII-1979. |
4 |
Carta de
Luís Seoane a Isaac Díaz Pardo, datada en Buenos Aires o
14-XII-1978, na que lle agradece o telegrama informándoo da morte
de Lorenzo Varela. |
5 |
O Tortoni,
fundado por un inmigrante francés apelidado Touan en 1856, é o
café máis antigo da Arxentina. O nome tomouno dun establecemento
do parisino Boulevard des Italiens, onde se xuntaba a elite da
cultura francesa do século XIX. O Tortoni porteño axiña serviu
de refuxio a pintores, escritores, periodistas e músicos. Algúns
destes, agrupados en "La Peña" en maio de 1926,
pídenlle ao dono que lles deixe utilizar a adega, e o
propietario, Celestino Curutchet, acepta encantado porque, segundo
as súas palabras, "los artistas gastan poco, pero le dan
lustre y fama al café". Desde aquela, o Tortoni converteuse
nun establecemento de referencia da intelectualidade bonaerense.
Polas súas mesas pasaron ducias de intelectuais e artistas, entre
eles Alfonsina Storni, García Lorca, Arturo Rubinstein, Luigi
Pirandello ou Carlos Gardel. (Datos tomados da web do café
Tortoni). |
6 |
Xesús
Alonso Montero: "A tertulia do café Tortoni". Número
monográfico do suplemento "Culturas" dedicado ao exilio
republicano. La Voz de Galicia. 16 de marzo de 1999. No
mesmo número tamén escribe sobre o Tortoni o profesor Francisco
Caudet. |
7 |
Lorenzo
Varela: Lonxe. Editorial Botella al Mar. Buenos Aires,
1954. Leva dez gravados feitos en madeira por Luís Seoane. |
8 |
A relación
déunola Luís Seoane no prólogo a Homaxes (Ediciós do
Castro, 1979). Alonso Montero (As palabras no exilio,
Edicións Xerais, 1994), baseándose seguramente no testemuño de
Maruxa Seoane, amplía esa nómina cos nomes de Frontini, Luis
Baudizzone e Rafael Alberti. |
9 |
Luís
Seoane, prólogo a Homaxes, op. cit. |
10 |
Xesús
Alonso Montero: As palabras no exilio. Biografía intelectual
de Luís Seoane. Edicións Xerais, 1994. |
11 |
Ididem. |
12 |
A
fotografía publicouse en Galicia, revista do Centro
Gallego de Buenos Aires, nº 604, maio-xuño, 1975. Trátase dun
número monográfico dedicado a Castelao, no vixésimo quinto
aniversario do seu pasamento. O pé da foto di: "En el
transcurso de una exposición pictórica, montada por la Comisión
de Cultura del Centro Gallego, diserta el escritor Lorenzo Varela.
Obsérvase a Castelao escuchando atentamente los conceptos del
distinguido intelectual. También se ve en la nota gráfica al
fallecido presidente del Centro Gallego, don José
Villamarín". |
13 |
Recollido
en Lorenzo Varela: Ensayos, conferencias y otros escritos.
Edición de X. L. Axeitos. Biblioteca del exilio, Ediciós do
Castro, Sada, A Coruña, 2001. Axeitos reproduciuno dun texto
mecanografado. |
14 |
Edgardo
Nelson Rodríguez: Rastros de Cuadrado. Alborada, Botella
al Mar, Buenos Aires, 2004. |
15 |
Luís Rei
Núñez: A travesía dun século. Biografía de Rafael Dieste.
Ediciós do Castro, 1987. Xavier Seoane ofrece unha versión
distinta, aínda que non necesariamente incompatible: "Mais a
aventura de Seoane e Cuadrado con Emecé rematará a causa do
intento de imposición, por parte dos editores, dun libro do
embaixador da España franquista na Arxentina, o conde de
Guadalhorce. Seoane e Cuadrado, desde a súa ética e ideoloxía
persoais, non quixeron aceitar ese feito e romperon as súas
relacións coa editorial" (Xavier Seoane: A voz dun tempo.
Luis Seoane: o criador total. Ediciós do Castro, 1994). |
16 |
Prólogo a Homaxes,
op. cit. |
17 |
Lorenzo
Varela: "De Mar a Mar". Prólogo á edición facsímile
de De Mar a Mar. Editoriais Topos Verlag AG e Ediciones
Turner. Madrid, 1979. |
18 |
Ibidem. |
19 |
Ibidem. |
20 |
"De
Mar a Mar". De Mar a Mar, número 1, decembro de 1942. |
21 |
Lorenzo
Varela: "De Mar a Mar". Pról. cit. |
22 |
Ibidem. |
23 |
Unha
excelente radiografía desta publicación, no período 1931-1955,
realizouna Rosalie Sitman na súa tese doutoral Victoria Ocampo
y Sur (1931-1955): Entre Europa y América, presentada na
Universidade de Tel-Aviv en setembro de 2001. A ese texto debemos
algunhas das ideas expostas no presente epígrafe. |
24 |
Lorenzo
Varela: "Grabados a punta seca de Manuel Colmeiro". Sur,
número 106, agosto de 1943. |
25 |
Lorenzo
Varela: "Luís Seoane: Homenaje a la torre de Hércules".
Sur, número 118, agosto de 1944. |
26 |
Lorenzo
Varela: "Francisco de Quevedo: Los sueños". Sur,
número 134, decembro de 1945. |
27 |
Lorenzo
Varela: "Attilio Rossi". Sur, número 106, agosto
de 1943. |
28 |
Lorenzo
Varela: "Joan Merli: Picasso". Sur,
número 97, outubro de 1942. Reproducido en Lorenzo Varela: Ensayos,
conferencias y otros escritos. Edición de X. L. Axeitos.
Biblioteca del exilio, Ediciós do Castro, Sada, A Coruña, 2001. |
29 |
Lorenzo
Varela: "Cecilia Meireles: Vaga música". Sur,
número 102, marzo de 1943. |
30 |
Lorenzo
Varela: "Juan Ramón Jiménez: Españoles de tres mundos".
Sur, número 105, xullo de 1943. Recollido en Lorenzo
Varela: Ensayos, conferencias y otros escritos. Op. cit. |
31 |
Lorenzo
Varela: "Jorge Romero Brest: Historia de las artes
plásticas". Sur, número 133, novembro de 1945. |
[Capítulo XVII de Lorenzo
Varela: A voz desterrada,
Ediciós do Castro, Sada-A Coruña, 2005].
|
|