A
pseudonimia en Manuel Lugrís Freire
|
O
ocultamento do ortónimo por parte dos creadores, xa sexa literarios xa
doutras disciplinas artísticas, foi unha práctica universal moi
estendida ao longo do tempo e que afectou especialmente a aquelas
literaturas abocadas a sobreviviren en condicións sociopolíticas
desfavorábeis. A literatura galega, que padecía esta realidade, non
foi allea á pseudonimia, tanto nos momentos nos que comezaba a se
conformar o sistema literario galego coma na actualidade, cando
posibelmente estea a atravesar a maior normalidade da súa historia.
Os obxectivos que pretendemos con este pequeno
traballo son os seguintes: dar a coñecer os pseudónimos empregados por
Manuel Lugrís Freire, describir a producción asinada con cada un deles
e intentar desvelar as posíbeis diferencias entre cada un e o
ortónimo. Para iso faremos un percorrido cronolóxico que dividimos en
dúas etapas; a primeira, de mocidade, que coincide coa emigración na
Habana, e a segunda, de madurez creadora, que supón o asentamento
definitivo na Coruña.
1. A etapa cubana. Os primeiros anos
A biografía de Lugrís Freire, nacido en Sada
no 1863 e falecido na Coruña no 1940, coincide cunha das etapas máis
fascinantes da historia literaria galega e tamén cunha encrucillada
histórica que vai dende os albores do Rexurdimento ata a desfeita
provocada pola guerra civil e os comezos da dictadura. Do mesmo xeito
que
fixeron os nosos antepasados por milleiros, Lugrís colleu o camiño da
emigración no ano 1883, un tempo no que a prensa escrita tiña unha
disposición bastante favorábel á difusión e publicación da
producción literaria galega, e constituía, dende o punto de vista
sistémico, o elemento mediador máis importante. Gracias a isto, Manuel
Lugrís puido comezar a súa actividade creadora nas páxinas dos
xornais da Habana. En El Eco de Galicia, que dirixía na capital
cubana Waldo Álvarez Insua, plublicou o primeiro texto do que temos
noticia, a poesía "Nostalxia" (1). A este poema seguíulle un
goteo de colaboracións, maioritariamente en verso e asinadas co
anagrama L.U.Gris.
Entre o 14 de setembro e o 28 de decembro de
1884 publicou en seis entregas, tamén en El Eco de Galicia, a
novela curta O penedo do crime, unha obra que, previamente,
merecera o seguinte comentario no citado xornal (2):
Tenemos el sumo gusto
de anunciar a los lectores de EL ECO que el personal de redacción
del mismo se ha enriquecido con un nuevo y distinguido literato y
poeta gallego que a contar del número próximo y bajo encubierto
anagrama nos hará saborear las bellas producciones de su
privilegiada inteligencia, escribiendo siempre en dialecto
provincial.
Hará su debut con una novelita basada en una leyenda de nuestros
campesinos y que lleva por título "O penedo do crime". |
Ese
"encubierto anagrama" ao que se fai alusión é L.U.Gris, que se
converte na sinatura case exclusiva coa que, a partir da data referida,
colaborará o autor de Sada no xornal que dirixirá Álvarez Insua.
Tamén se anuncia nunha nota (3) o que podería
constituír o seu primeiro libro:
El señor L.U.Gris
cuyos escritos se leen con tanto gusto por los amantes de Galicia,
colecciona un pequeño libro de versos para darlo a las prensas.
Probablemente irá precedido de un prólogo escrito por el señor
Insua. Deseamos que aparezca pronto la nueva obra. |
A este posíbel
poemario fai referencia a primeira entrega de A Gaita Gallega (4)
na sección de "Casos e cousas", onde se di:
O mais tenro e
inspirado dos poetas gallegos, que hoxe por hoxe, non tén quen
lle poña o pé diante nas Amérecas, o señor L.U.Gris, vai a dar
ás prensas un valente libriño de versos escrito na nosa fala, e
que causará unha verdadeira revolución na literatura galega.
O Señor Direutor d'o Eco de Galicia, D. Uvaldo A. Insua
ocúpase de facerlle un longo prólogo ó libro en custión que se
titolará Ecos d'as Mariñas.
Si o meu rogo quer'oir
o rapaz ademirado
a quen noman L.U.Gris
que s'imprenten de camiño
pra gabencia d'os d'aquí
esos Ecos d'as Mariñas
que farán, creo,
trum. |
Ningunha das
fontes consultadas, tanto hemorográficas como bibliográficas, dan
noticia desta obra que, no caso de se confirmar a súa existencia,
sería o único poemario de Lugrís Freire non asinado co ortónimo.
Seguindo coa presencia deste autor nas páxinas
de El Eco de Galicia atopamos a seguinte nota (5):
A Costureira d'a
Aldea es el título de un pasillo cómico escrito en nuestro
hermoso dialecto y que en breve se llevará a la escena del Centro
Gallego. Su autor nuestro amigo y colaborador D. Manuel Lugrís
Freire, procederá en breve y en reunión de literatos de nuestra
región, a la lectura de su trabajo. |
A Costureira
d'a Aldea volveuse publicitar posteriormente neste mesmo medio cunha
nota na que se di que está a ser representada pola sección de
declamación do Centro Galego e se informa de que foi escrita por
L.U.Gris. Esta obra permanenceu inédita e esquencida ata que no ano
1998 Teresa López (6) atopou o manuscrito nos fondos da biblioteca da
RAG.
Tampouco temos noticia doutra das obras que,
sendo asinadas por L.U.Gris, foi anunciada nas páxinas de El Eco.
Trátase do "apropósito lírico-dramático" titulado De
Galicia á Lavapiés, e na corresponden nota de prensa (7) dise que
é unha peza escrita en galego e chea dun humorismo que satiriza a
aqueles autores "que pretendieron poner en ridículo el carácter
gallego". Anímase, ademais, ao autor a usar "si lle fai falta
(que non lle fará) un fungueiro pra tundar (enténdase literariamente)
ós ferrapulgas que quixeron rirse dos galegos".
Seguindo con este percorrido cronolóxico
chegamos á etapa de A Gaita Gallega, a primeira publicación
monolingüe en galego de entre as moitas que viron a luz na emigración
americana promovidas por galegos. É nesta revista onde constatamos a
maior diversidade de pseudónimos de Lugrís, proliferación que se
xustifica pola escaseza de recursos con que contaba a publicación, que
ás veces a obrigou a saír a rúa como suplemente de El Eco de
Galicia, e que reducía substancialmente a posibilidade de contar
cunha ampla nómina de colaboradores. Xa dende a súa aparición, A
Gaita Gallega (8) estivo codirixida por Chumín de Céltegos e Roque
das Mariñas, identidades que adoptan "dos jóvenes literatos"
(9), que corresponden, respectivamente, a Ramón Armada Teijeiro e
Manuel Lugrís Freire, colaborador este último nas catro primeiras
"Tocatas", entre o 5 de xullo e o 8 de novembro de 1885,
ademais de participar na "Tocata fúnebre en honor de Rousalía
Castro" (10). Os pseudónimos e anagramas empregados polo noso
autor nesta curta, pero intensa, andaina son Roque das Mariñas,
L.U.Gris, K. Ñoto.
O primeiro deles figura na cabeceira das catro
primeiras entregas, na nómina de "Direutores, Redactores y
Adeministradores" cumprindo, xa que logo, unha función de
identificación administrativa. Tamén lle serve para asinar a
definición ideolóxica da revista en "O noso pensamento"
(11), un artigo no que defende a lingua galega e relaciona o renacer da
nosa literatura coa renovación que o país precisa. Considera ademais
que esquencer a lingua "é aldraxarnos a nosoutros mesmos, é
renunciar por completo a que sea un feito o que para moitos é un tolo
deseio". Entre os obxectivos de A Gaita Gallega sinala o de
dar a coñecer o movemento literario galego e actuar como defensor das
sociedades galegas presentes na Habana. Na seguinte "Tocata"
(12) informa con "A festa de Tacón" dun acto celebrado o 25
de xullo para conmemorar o día de Galicia no teatro deste mesmo nome.
Xa na "Tocata Terceira" (13) asina "A fala gallega",
un artigo no que comeza vencellando o pasado da lingua e o pasado da
literatura e dicindo que o momento histórico máis importante para o
galego foi a Idade Media, xa que era daquela "a lingua literaria
nas Castelas e a lingua literaria e popular no oucidente da
Iberia". Despois de lembrar a desfeita do período que a
historiografía literaria galega deu en denominar Séculos Escuros, ten
unhas palabras para os entusiastas que ergueron de novo o país e
"devolvéronos unha pátrea, unha lingua, un orgullo que parecía
deslembrado de nós pra sempre". Na seguinte entrega (14) publica,
tamén como Roque das Mariñas, "Non máis emigración", unha
recensión do "apropóseto líreco-dramático" do mesmo
título de Ramón Armado Teijeiro. O artigo referido á lingua ten
continuidade na "Tocata 5ª", aínda que neste caso non figura
o nome do autor. Pregúntase nel se é merecente o galego de se
denominar idioma, e para xustificar a súa resposta afirmativa acode á
autoridade de figuras senlleiras como Balaguer, Castelar e Teófilo
Braga. Finalmente, na "Tocata fúnebre" asina un texto en
prosa titulado "Rousalía Castro", no que se laia pola perda
da autora de Follas Novas e insiste en que era ela quen mellor
personificaba o espírito da nosa terra.
Como K. Ñoto publicou en A Gaita Gallega
(15) o relato "Os dous abogados (Conto
xurídico-retranqueiro)", texto asinado na Habana no mes de
Santiago de 1885. Cóntanos nel a peripecia dun labrego galego
espabilado que, coa súa habelencia, consegue enganar a un avogado
andaluz, do que tenta reproducir os trazos lingüísticos
característicos, nomeadamente o ceceo. Con este mesmo argumento, pero
con distintos personaxes, escribiu o conto "O parecer" (16).
Tamén publicou outro relato (17) co título de "Os dous
abogados", neste caso está asinado por Asieumedre e responde a
unha similar temática de fondo, pero ten distinto argumento e distintos
personaxes.
L.U.Gris, o pseudónimo que xa coñeciamos de El
Eco de Galicia, é a sinatura de tres poemas: "N-a morte de
Rousalía", "N-o cimenterio" e "Inconstanza".
Os dous primeiros son fondamente melancólicos e abordan o tema da
morte, mentres que no terceiro trata o desengano amoroso e a conversión
deste sentimento en odio.
Co paso do tempo, as páxinas que Lugrís
axudara a crear tórnanse hostís contra a súa figura. Así, o 26 de
outubro de 1886 (18) atopamos unha dura crítica ao estilo poético de
L.U.Gris asinada por Loureiro, centrada, neste caso, no poema
"Presentimentos":
A verdá si L.U.Gris
non pode darnos algo mellor aconséllole que crebe a lira, e non
se acorde máis de cantar, pois versos coma os Presentimentos,
por moito que llos chufen e llos gaben os seus amigos, non por eso
han de pasar pola porta do Parnaso (...)
Mire Sr. L.U.Gris: Vosté pensa sin duda que pra ser poeta non hai
máis que saber midir versos. Pro (perdóneme que llo diga) está
compretamente trabucado. Nestes tempos que atrabesamos (sic)
ou que nos atrabesan (sic), como dicía Larra, os que han
de pasar por poetas, teñen que facer versos coa chencha e
non cos ouvidos.
Cansados xa da poesía de simples imáxenes, pidimos a das
realidades e a das ideas. ¿Vosté comprende? |
Estas críticas
van a máis nas tocatas 15ª e 16ª, correspondentes a xuño e setembro
de 1887. En concreto, é nesta última onde G. Sus, pseudónimo
empregado habitualmente por Jesús María de Caula, na sección
"Gallegos de por acó" dedica unha páxina enteira a L.U.Gris.
Trátase de catorce debuxos moi sinxelos acompañados dun pareado ao pé
nos que se fai referencia aos traballos que o autor de Sada realizara na
xuventude. Critícanselle trazos da súa personalidade como o mal xenio
e, o que resulta máis grave, en dúas ocasións é acusado de plaxio:
Dos libros doutros
autores
saca os seus versos mellores.
Ista cruz que aquí vedes ganou
por uns versos que nun tempo plaxiou. |
Como vemos,
todas as críticas van dirixidas ao pseudónimo L.U.Gris, o que máis se
asociaba ao autor de Sada e mellor servía para identificalo, mentres
que Roque das Mariñas e K.Ñoto non reciben ningún comentario
despectivo, co que se conseguen dous obxectivos; dunha banda, salvar A
Gaita Gallega de calquera crítica, xa que Roque das Mariñas fora
un dos seus fundadores, e doutra atacar directamente ao propio Lugrís
como persoa a través dun anagrama facilmente recoñecíbel.
Para rematarmos con esta primeira etapa da
biografía de Lugrís tan só temos que dar conta do relato "Os
primeiros versos" (19). Está asinado por L.U.Grís e evoca
nostalxicamente a súa primeira aproximación á cultura do país e o
nacemento da conciencia galeguista na mocidade.
Como conclusión, podemos afirmar que no
período habaneiro Lugrís fai un "uso ocasional" dos
pseudónimos, seguindo a tipoloxía de Victoria Álvarez Ruíz de Ojeda
(20) e cumpre, tamén segundo esta estudiosa, a primeira lei da
pseudonimia: "a multiplicación", é dicir, a proliferación
de sinaturas diferentes do ortónimo para parte da súa obra. Polo
tanto, durante esta primeira época empregou pseudónimos para o ensaio
xornalístico, para o teatro, apara o conto e para a novela curta.
2. O Regreso: a estabilidade
Despois da intensa década dos oitenta vivida
na capital cubana, a actividade cultural de Lugrís e a súa presencia
pública decaeu un pouco ata o regreso no 1896. Antes de volver publicou
o primeiro poemario, Soidades (1894), asinado co ortónimo, o
mesmo que acontecerá anos máis tarde co resto da súa obra poética: Noitebras
(1901), Versos de loita (1919), Ardencias (1927) e As
mariñas de Sada (1928); e teatral: A ponte (1903), Minia
(1904), Mareiras (1904), Esclavitú (1906), O pazo
(1917) e Estadeíña (1919). Nos anos de transición cara o novo
século tan só rexistramos a publicación do relato "Pola Patria.
Episodio da Guerra da Independencia en Galicia" (21), baixo a
sinatura de Roque das Mariñas.
A chegada do novo século supuxo para o noso
autor un tempo de activa participación en diversos proxectos políticos
e culturais. Foi asiduo participante no faladoiro da "Cova
Céltica" e un dos fundadores de institucións como a Liga Gallega,
a Escola Rexional de Declamación, a Real Academia Galega e Solidaridad
Gallega. No que á actividade política se refire, manifestada a través
da oratoria (22), Lugrís empregou de xeito case exclusivo o ortónimo.
Tan só rexistramos unha nota (23) na que Pablo de Andrade di o
seguinte:
Hubo para mi la novedad
de que uno de los solidarios dirigió la palabra en gallego. Fue
la primera vez que yo oí una oración en la lengua nativa, y
declaro que es un medio excelente para propagar la idea redentora
entre nuestra población rural, sobre todo si el orador maneja el
gallego con la perfección y soltura con que lo hace el amigo Asieumedre,
muy conocido de los lectores de la revista. |
Todas as
institucións anteditas son os motores que impulsan o traballo creador
de Lugrís durante os comezos de século. Deste xeito, entre 1903 e 1904
está relacionado coa Escola Rexional de Declamación e escribe tres
pezas teatrais. Poucos anos despois, no 1908, etapa de maior relevancia
do movemento agrarista, publicou a primeira compilación dos Contos
de Asieumedre. Reunía nela tan só oito relatos dos moitos que con
este pseudónimo fora publicando nas páxinas de A Nosa Terra,
voceiro naquel entón de Solidaridad Gallega. Esta edición estaba
promovida pola devantida organización agraria, que foi a encargada de
distribuír os 20.000 exemplares entre os labregos. Con formato de
folleto, ábrese a obra cun prólogo do propio Asieumedre titulado
"¡Xuntanza!", todo un alegato anticaciquil no que anima aos
labregos para que se unan e voten para mudar a situación política
dende o exercicio da democracia. Un ano despois, deu a coñecer Lugrís
a edición máis divulgada dos seus contos, na que incluíu vinteoito
textos, todos eles publicados en xornais e revistas da época coa
sinatura de Asieumedre. No 1970 e no 1973 foi Edicións Castrelos de
Vigo a encargada de publicar, en formato de peto e como número 17 da
colección "O moucho", un feixe destes relatos baixo o título
de A carón do lar, que fora o antetítulo ou sección que
encabezaba a maioría dos relatos en A Nosa Terra. Os anónimos
editores deste breve volume eliminaron o nome de Asieumedre do título e
tampouco o incluíron como autor, senón que o substituíron por M.
Lugrís Freire, conscientes de que xa pasaran trinta anos da súa morte
e que Asieumedre diría ben pouco para un lector dos anos setenta (24).
Algúns dos relatos publicados inicialmente co
pseudónimo de Asieumedre sufriron modificación na sinatura ao longo do
seu proceso editorial. Así, "A Nogueira", que saíra na
segunda entrega de A Nosa Terra, foi reproducido en El Eco de
Puente Caldelas (25) asinado polo ortónimo. "Mareira" e
"Lenda de Brigo" (26), conservan a sinatura de Asieumedre malia
seren incluídos nun apéndice en prosa do poemario Ardencias.
Esta tendencia mantense na Gramática do Idioma Galego, que,
malia ir asinada co ortónimo, nas "Mostras Literarias"
inclúe o conto titulado "O verbo" e asinado por Asieumedre.
Este coñecido pseudónimo de Lugrís é o autor implícito representado
dos seguintes relatos: "A illa milagreira" (27), "Unha
cantiga de Chané" (28), "O segredo" (29),
"Enxebres" (30). Todos eles son contos dialogados nos que
Asieumedre xoga o papel de narrador e interlocutor do personaxe
principal. Así, en "Unha cantiga de Chané" e
"Enxebres" os protagonistas refírense a el como "meu
querido Asieumedre", e en "A illa milagreira" un deles di
"Pero aínda non remata aquí o conto, señor Asieumedre". No
titulado "Tiña razón", ambientado na infancia de Lugrís
Freire, no momento de se proclamar a Primeira República española, hai
unha alusión ao "neniño Asieumedre", cunha aclaración na
que se indica que "xa daquela me nomeaban así".
Pero sen dúbida a caracterización máis completa deste pseudónimo
témola no relato titulado "O segredo":
fai moito tempo, meu
quirido Asieumedre, que tiña ganas de parolar contigo sobre
dalgúns disgustos que me están facendo pasar unhos fillos
desleigados que din que me queren moito. Como ti non es home que
non tes pelos na lengua, e, a xusgar por algús contiños que
levas imprentados, conoces ben de qué pé ranquean os nosos
filólogos e demais algueirantes, teño para min que me tirarás a
dúbida que me magoa. |
Aínda que
Lugrís foi un escritor conscientemente monolingüe en galego, atopamos
unhas cantas colaboracións asinadas por Asieumedre que, como
excepción, están escritas en castelán. En A Nosa Terra (31)
publicou dous artigos nos que criticaba fortemente a un xornalista
galego instalado en Madrid, un deles que remataba coa afirmación
"Y no va más: por nosotros que siga doblando la frente y
puliendo las facetas prismáticas del poliedro peculiar de nuestra
literatura". Tamén é esta a sinatura do prólogo ao poemario
castelán Íntimas, de Carlos Vaamonde. Neste breve limiar, que
estructura coma unha epístola, afirma Lugrís o seguinte:
No he visto fecundia mayor, ni aptitudes más diversas como poeta,
por más que Vd. no hace más que levantar ligeramente el velo que
guarda su inspiración (...)
Si Vd. hubiera nacido en la edad
trovadoresca, así Dios me salve como no había de dedicarse a la
venta de sedas de Sidón y había de detestar de todos los
mercadores que se enriquecían trayendo especies de las islas
índicas (...) Pero nació Vd. en estos tiempos y, en verdad,
salió ganando porque es más productiva la venta de bombillas y
calentadores eléctricos que la de los productos de la
inspiración. Al estómago pongo por testigo. |
A modo de
conclusión, podemos afirmar que nesta segunda etapa vital Lugrís
reduce e especializa os pseudónimos. Agás mínimas excepcións, só
emprega Asieumedre, que se converte nun "pseudónimo
xenérico", é dicir, naquel que emprega para unha altísima
porcentaxe da súa obra narrativa en galego. Como levamos dito, son ben
poucos os relatos que asina co ortónimo, pouco podemos pensar que se
deba ao contido dos seus relatos, xa que é igual ou máis contundente e
crítico co caciquismo nas pezas teatrais que publicou co ortónimo.
¿Consideraría a narrativa curta un xénero menor dentro da súa
producción? ¿Apoiaríase nunha sinatura abondo coñecida entre os
lectores daquel tempo para acadar máis sona? Son cuestións que nos
deixou Manuel Lugrís Freire sen resolver e ás que dificilmente
chegaremos a dar unha resposta definitiva.
NOTAS
1 |
Número 72,
correspondente ao 11 de novembro de 1883. |
2 |
Publicado
no número 112, correspondente ao 17 de agosto de 1884, p. 7. |
3 |
Publicada
no número 136, de febreiro de 1885, p. 6. |
4 |
Tocata 1ª,
5 de xullo de 1885, p. 8. |
5 |
Publicada
no número 111, correspondente ao 10 de agosto de 1884, p. 7. |
6 |
Vid.
"Encontrado o manuscritos dunha das obras fundacionais do
teatro galego", A Nosa Terra, número 838, 9 de xullo
1998, p. 33. |
7 |
Publicada
tamén no número 141, correspondente ao 8 de marzo de 1885. |
8 |
Da que
temos cumprida información na introducción á edición
facsímile recentemente publicada baixo a responsabilidade de Luís
Alonso Girgado (Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, Centro
Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, 1999). |
9 |
Segundo a
nota que figura en El Eco de Galicia, número 154,
correspondente ao 7 de xuño de 1885, p. 4. |
10 |
Publicada o
16 de agosto de 1885 sen numerar. |
11 |
Tocata
primeira, 5 de xullo de 1885, p. 1. |
12 |
Publicada o
2 de agosto de 1885, pp. 1-2. |
13 |
Do 13 de
setembro de 1885, pp. 1-2. |
14 |
Na tocata
cuarta, do 11 de outubro de 1885, pp. 1-2. |
15 |
Tocata
segunda, correspondente ao 2 de agosto de 1885. |
16 |
Asinado por
Asieumedre e publicado en A Nosa Terra, número 36,
correspondente ao 30 de abril de 1908, p. 5. |
17 |
Publicado
en A Nosa Terra, número 20, correspondente ao 28 de
decembro de 1907, p. 5. |
18 |
Na tocata
13ª, pp. 4-5. |
19 |
Publicado
na parola 86 de O Galiciano, correspondente ao 15 de maio
de 1886. |
20 |
"Os
que se ocultan: a práctica do pseudónimo na literatura
galega", en Anuario de Estudios literarios galegos 1992,
pp. 69-90. |
21 |
Revista
Gallega, 1 de maio de 1898, e El Eco de Galicia o 20 de
xuño dese mesmo ano. |
22 |
Destacouse
a Lugrís como o autor do primeiro mitin de carácter político
pronunciado en galego, o 6 de outubro de 1907 en Betanzos diante
de 7000 persoas, segundo recolle A Nosa Terra, número 11,
19 outubro 1907, pp. 4-5. Son moitas as referencias que temos na
prensa da época á contundencia oratoria de Manuel Lugrís
Freire. Máis recentemente, tense ocupado deste tema Jenaro
Marinhas del Valle en "Lugris: oratória e teatro" en Agália,
número 23, outono 1990, pp. 313-317. |
23 |
"Mitin
en Carral", A Nosa Terra, número 24, 26 xaneiro 1908,
p. 2. |
24 |
Sen
embargo, na "Nota dos editores" estes asocian o
pseudónimo con Lugrís e indican que "procura nos seus
contos prantexar a denuncia de certos feitos, que hoxe
chamaríamos sociales, pero encadrándoos sempre no enfoque sereo
do home ilustrado (...) nun lingoaxe galano i espresivo, lévanos
da man diante os aldraxes da inxusticia, os abusos do caciquismo,
os traballos do labrego, as angurias do mariñeiro". |
25 |
Número
145, correspondente ao 3 de agosto de 1913. |
26 |
Publicados,
respectivamente, o 15 de xaneiro de 1922 e o 1 de xullo de 1924,
os dous nas páxinas de A Nosa Terra. |
27 |
Publicado
en A Nosa Terra, número 8, 26 setembro 1907, p. 4. |
28 |
Publicado
en A Nosa Terra, número 3, 18 agosto 1907, p. 2. |
29 |
Publicado
en A Nosa Terra, número 28, 26 febreiro 1908, p. 5. |
30 |
Publicado
en A Nosa Terra, número 37, 6 maio 1908, p. 5. |
31 |
Números 6
e 8, correspondentes ao 11 e ao 26 de setembro de 1907,
respectivamente. |
Bibliografía
Alonso Montero, Xesús: Lingua e literatura galegas na Galicia
emigrante, Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, 1995.
Campos Villar, Xabier: A obra narrativa en galego de Manuel Lugrís
Freire, Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, Centro Ramón
Piñeiro para a Investigación en Humanidades, col. Narrativa Recuperada,
2000.
Hermida García, Modesto: Narrativa galega: Tempo de Rexurdimento,
Vigo: Edicións Xerais de Galicia, col. Universitaria, 1995.
Lugrís Rodríguez, Manuel: "Meu avô Lugris Freire", en Agália,
nº 23, outono 1990, pp. 319-323.
Pillado Mayor, Francisco: O Teatro de Manuel Lugrís Freire, Sada-A
Coruña: Ediciós do Castro, 1991.
Rabunhal Corgo, Henrique: "Lugris Freire na cultura galega", en Agália,
nº 22, verao 1990, pp. 196-202.
Rivera Cascudo, Manuela: "Lugris Freire: 'Umha pátria, um idioma'
", en Agália, nº 27, outono 1991, pp. 373-377.
Tarrío Varela, Anxo: "A literatura galega na Galicia exterior",
en Galicia terra única. A Galicia exterior, Vigo: Xunta de
Galicia, 1997, pp. 44-65.
[En
Ramón Lorenzo (coord.)
Homenaxe a Fernando R. Tato Plaza,
Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, 2002, pp.
61-71.].
|
|