A
relación de Curros con Lugrís Freire: entre a amizade a a
admiración
|
Este
relatorio pretende afondar na relación que mantivo Manuel Lugrís
Freire, un polifacético home das letras e da cultura galegas, con
Manuel Curros Enríquez, relación que, ao mesmo tempo, pode darnos idea
de cál foi o contacto que mantiveron os coetáneos de Lugrís, aos que
Ricardo Carballo Calero denominou epígonos do Rexurdimento (1), co
poeta de Celanova e, deste xeito, entendermos o moito que axudaron os
membros dese grupo xeracional á súa entrada no canon da literatura
galega.
Segundo ten informado Manuel Lugrís Rodríguez
(2), neto do autor de Sada, os primeiros contactos entre os dous
escritores galegos producíronse en 1894 na Habana, nun faladoiro que se
celebraba nun local situado no Malecón da capital cubana ao que
acudía boa parte da intelectualidade galega residente na illa, entre a
que conseguira un lugar Lugrís dende a década anterior. Estes primeiros
encontros axiña deron froitos visíbeis, xa que antes de que rematase o
1894 saía do prelo o primeiro poemario de Lugrís, Soidades (versos
en gallego) (3), cunha
"Carta prólogo" en castelán na que Curros amosaba a súa
sorpresa polo traballo divulgador e dignificador da lingua e da cultura
galegas que estaba a desenvolver o devandito autor nobel en Cuba.
Comenta, ademais, que as escasas eivas que presenta o volume eran
atribuíbeis a que Lugrís "tiene que vivir alejado del arte por
imposiciones incontrastables de su profesión" e tamén porque
"nuestro idioma no ha llegado a fijar su vocabulario". O
"favor" literario que recibía Lugrís con este limiar axiña
fo correspondido polo escritor de Sada ao ser el un dos principais
organizadores das múltiples homenaxes que recibiu Curros na Habana nese
1894. Da que organizou a Sociedade Galega "Aires da miña
terra" dános cumprida información Lugrís no relato "A labor
do poeta" (4), un texto no que, despois de describir o ambiente
festeiro que reinaba nos locais da entidade, céntrase na faciana do
poeta de Celanova "triste, abatido, como escismando algo que lle
laiaba no seu nobre corazón". Tristura que se aclarou cando Curros
tomou a palabra e dixo o seguinte:
Agradézovos moito estas atenciós, que máis que a un poeta,
adicades, ben sei, á patria gallega. Esta Sociedade que leva o
nome do meu libro, é unha disgregación do "Centro
Gallego", e eu quero, eu rógovos que as divisións non
collan raíces entre vós. ¡Non temos máis que un corazón; no
noso ceo solo brilla un sol; non temos máis que unha nai... eu
pídovos con tódalas forzas da miña alma que vos
arreconcheguedes nun solo amor por Galicia, que tampouco temos
máis que unha, e esa é a nai dos gallegos emigrados. A festa
máis agasalladora para min, a que levantará na miña alma unha
lembranza eterna, será a festa da unión de tódolos gallegos da
Habana. |
A loita pola
unidade e fraternidade entre os membros da colectividade galega é un
dos obxectivos polos que loitou o autor de Aires da miña terra,
unha arela que aproveitaba para manifestar publicamente sempre que tiña
oportunidade, como aconteceu no Día de Galicia de 1894 co recitado do
poema "Pola unión", no que directamente pedía "que o
presidente do 'Centro' estreite a man do de 'Aires', en alusión ás
dúas entidades enfrontadas. É este un dos méritos que en numerosas
ocasións lle recoñeceu Lugrís. Así, en "A labor do poeta"
afirmaba que:
A musa patriótica de Curros foi a boa fada, que con fíos
invisibres de ouro xuntou fortemente nun solo sentimento tódolos
corazós, sin que nos decatáramos; foi o milagreiro que ergueu o
nome de Galicia ao cume grorioso en que escentilea o sol da
fraternidade. |
En "Unha
cantiga de Chané" (5) describe Lugrís un concerto celebrado no
teatro Tacón da Habana no que Asunción Lantes interpretou "Un
adiós a Mariquiña" baixo a dirección de José Castro González, Chané.
Curros, que se atopaba nun dos palcos, foi obrigado a saudar dende o
escenario, onde se fundiu nunha aperta co coñecido compositor galego
que musicara varios dos seus poemas. Ese xesto fraternal foi
interpretado por un dos personaxes de "Unha cantiga de Chané"
do seguinte xeito:
Chané e mais Curros foron esa noite os meus redentores. Un
sentimento que me fai moito ben espertaron no máis fondo da miña
alma esta música saudosa e esa meiga fala da terra onde nacín.
Si; reconozo agora que Galicia nin pode nin debe morrer. A
libertá, a fraternidá entre os homes debe comezar respectando
aquelo que é obra da natureza. Dende hoxe, meu quirido
Asieumedre, quero ser máis que teu amigo e compañeiro, quero ser
tamén teu irmán xa que reconozo que temos unha mesma nai:
Galicia. |
O regreso de
Lugrís a Galicia no 1896, cheo de desgracias persoais, unido á
continuidade de Curros en Cuba provocou que o contacto directo fose a
menos nos anos de transición dunha a outra centuria. De todos os
xeitos, coa chegada do novo século renacen as relacións. Así, o 20 de
outubro de 1904, Curros asina o escrito (6) que reproducimos a seguir:
Gloria a los hijos de mi Patria que han sentido indignación ante
el olvido criminal en que yacía la memoria de los Mártires de la
libertad gallega, y han sabido honrarlos levantando a sus cenizas
digno e imperecedero Monumento. Los que mueren por la Patria
resucitan para la posteridad; pero estos milagros solo los hace el
amor, cuando se siente con la intensidad de Jesús con Lázaro, y
de la Liga Gallega na Cruña con Solís, Velasco y sus
generosos compañeros; porque el amor es el único arquitecto que
puede transformar, sin derrochar materiales, la tumba en altar y
el sacrificio en triunfo. |
Estábase a
referir o autor de O divino sainete á inauguración do Munumento
aos Mártires de Carral, unha iniciativa promovida pola Liga Gallega, e
ratificaba así o traballo desta organización política á que tan
vencellado estivo Lugrís entre 1897 e 1906. Tan só un día despois de
que escribise o anterior comunicado, recibiría Curros a coroación
poética na cidade da Coruña, acto en que tamén participou Lugrís
Freire coa lectura de varios poemas.
Pasado este último encontro entre ambos os
autores, non volvemos ter máis novas cruzadas ata o pasamento de Curros
en marzo de 1908. Non estivo ausente Lugrís da multitudinaria homenaxe
póstuma da Coruña ao poeta falecido. A súa intervención nestes actos
consistiu no recitado do poema "Saudo" e nun brinde
pronunciado durante un xantar que servía de despedida á colectividade
galega da Habana que acompañara os restos de Curros dende Cuba (7).
Serán certas homenaxes posteriores na prensa tendentes a manipular a
figura do autor de Celanova as que provoquen unha dura reacción de
Lugrís Freire a través do artigo titulado "¡Lamáchegas!"
(8), da que son boa mostra os fragmentos que seguen:
¡Que cousas, meu Deus, que descubrimentos, que probeza de alma, e
que esmendrelladuras de inmodestia saíron á lus co gallo da
morte do noso quirido poeta Curros Enríquez! (...)
Cando cai sobre a terra unha chuvia maina
e criadora, ínzanse as veigas de noxentos vermes, chamados
lamáchegas, que non deixan herba limpa; do mesmo xeito, ao
facérese o descubrimento de que Curros era un grande home,
un poeta de primeira, un vidente dos grandes ideás de redención,
(...) saíron tamén tódalas lamáchegas literarias en compaña
dos cucos da política. Loitaron como feras para honrar ao seu
modo a memoria do poeta, e negándolle ao mesmo tempo direito a
homenaxes públicos, dixeron tales cousas, foron tan intolerantes
e armaron tales argalladas, que mesmamente encheron as almas de
desconfianza e tristura. (...)
¡Cantos amigos íntimos, cantos
ademiradores do gran poeta rexurdiron despois de morrere!
Verdadeiramente que non se esprica ninguén como Curros, que tanto
trafegaba no Diario de la Marina, tivese vagar para
escribire tanta carta particular. |
Este comentario
tivo que ser obxecto de réplica inmediata na prensa, a xulgar polas
afirmacións verquidas por Asieumedre unha semana máis tarde na breve
nota titulada "¡Picoulles!" (9),
onde acusa a Eduardo L. Budén de terxiversar e manipular a información
referida aos actos de homenaxe a Curros nos seguintes termos:
Non foi ao poeta a quen quixeron honrare, senón ao republicano e
librepensador! Se non fora por esto Curros non valería migalla, e
quedaría á altura de calquera enxebre (...)
Eu sinto moito, meu amigo Budén, que por
estas vez non puideran facer a propaganda sectaria co gallo da
morte do poeta, que a xusgar polo artículo de vosté eso
pretenderon. Pero os enxebres oscurantistas dixeron que
non... ¡e que lle habemos de facer! |
Feitas as
anteriores aclaracións e acusacións na prensa, axiña comezará a
loita de Lugrís e, en xeral, de todo o galeguismo coruñés para
erixirlle un monumento digno ao poeta de Celanova. O proxecto non vería
as primeiras luces ata o 1923, como podemos ler en A Nosa Terra
(10):
Celebrouse xa o acto de colocar a primeira pedra para o moimento
que na Cruña vaise erguer a Curros Enríquez. Non val a pena
reseñar o acto. Só diremos que houbo discursos rebosantes de
cursilería e dun galeguismo percalinesco.
A "Irmandade da Fala" asistiu
ao acto porque como xa dixo máis veces está moi dacordo con que
se faga o moimento que perpetuará na lembranza dun dos máis
grandes homes. Non fixo máis que acto de presencia. Pero non
esquencemos que temos pedido, como Galicia enteira, que o moimento
sexa obra dun artista galego. Temos moi presente canto dixemos en
col do asunto e non nos volvemos atrás. Compre agora agardar a
ver que fan os encarregados de erguer o moimento e según eles
fagan obraremos nós. |
Aínda que a
nota antedita está sen asinar, podemos afirmar que Lugrís apoia
integramente o seu contido, entre outras razóns pola estreita relación
que mantiña coa Irmandade da Fala da Coruña, pola súa pertenza ao
consello de redacción de A Nosa Terra e polo artigo titulado
"Guerra Junqueiro" (11) que publica neste mesmo número do
semanario coruñés. Escribe neste artigo:
Casi coincidindo coa colocación da primeira pedra para o moimento
de Curros Enríquez, Portugal inteiro rindía o máis fondo e
popular homenaxe ao seu grande poeta, e aquel día os oradores
galegos puideran dicir cousas moi sentidas facendo un paralelo
entre os dous poetas irmáns, que tiveron unha grande semellanza
pola tendencia do seu labor literario. Mais, como sempre,
presentaron un Curros Enríquez tan pobre, tan desfigurado, que se
fose como das súas palabras se dudece, non sería merecente da
sona e da groria que nimba o seu nome.
|
O monumento
obxecto da polémica non se inaugurou ata o verán de 1934, nun acto ao
que asistiu o daquela Presidente da IIª República Española, Niceto
Alcalá Zamora, e no que Lugrís Freire pronunciou un discurso gabando a
Curros; foi esta inauguración un dos feitos máis sobranceiros da súa
curta etapa como presidente da RAG.
O 27 de novembro de 1924 pronunciou Lugrís un
discurso no Teatro Rosalía de Castro da Coruña co que a RAG
pretendían homenaxear a Luís de Camões (12)
no cuarto centenario do nacemento deste autor portugués, e, coma en
moitos dos seus discursos, fai o autor de Sada un percorrido pola
historia de Galicia e Portugal e das súas respectivas literaturas.
Cando chega ao Rexurdimento establece paralelismos entre Valentín Lamas
e Antonio Feliciano del Castillo, entre Murguía e Herculano de Carvalho
e, como non, entre Curros e Guerra Junqueiro nestes termos:
o noso Curros
Enríquez, sinteu tremar na súa lira torva os mesmos acentos de
libertade, as mesmas arelas de redención, as estourantes
protestas contra tódalas explotacións, que ese voso poeta, para
cuya gabanza non hacho verbas, que se chamou Guerra Junqueiro, e
que él só vale por toda unha literatura (13). |
Un paralelismo
entre estes dous poetas cívicos que xa anticipara Asieumedre un ano
antes en A Nosa Terra coas seguintes palabras:
Guerra Junqueiro, como Gomes Leal e como o noso grande autor de
"Quebrar as liras", foron poetas, fillos direitos da
revolución e da enciclopedia, que prestaron á humanidade
grandes servicios. Inda que pareza paradóxico, a musa deles
estaba envolta na máis pura e nidia aspiración relixiosa, libre
de sectarismos e indireitada decote ao ideal máis redentor e
xeneroso (14).
|
Ao longo
dos anos vinte, son moitas as manifestacións públicas, quer escritas
quer orais, nas que Lugrís citou a Curros como un exemplo que cumpría
seguir, como un modelo para ser imitiado polos novos valores que se
estaban a incorporar ao aínda feble sistema literario galego. Así, en
A Nosa Terra (15) xustifica os éxitos de Rosalía e de Curros do
seguinte xeito:
Dicir que un poeta é tanto menos poeta canto máis sona ou
popularidade ten, é unha parvada filla dunha alma cativa ou dun
corazón inzado d'envexa.
Os poetas de lingua galega, cando acadan
o posto máis ergueito na alma das multitudes, é porque souperon
interpretar as arelas, as saudades e as esperanzas da raza.
Rosalía Castro e Curros Enríquez son,
pois, os dous luceiros máis relumantes no ceo da literatura
galega. |
Posibelmente a
referencia máis extensa sexa un artigo que co título "Curros
Enríquez" (16) publicou Lugrís Freire coa sinatura Asieumedre.
Comeza aludindo aos malos tempos que daquela estaba a padecer a
literatura galega, indicando que a semente xa estaba no fondo da veiga e
só cumpría agardar que algún día aflorase. Aquela situación lévao
a pensar no momento da publicación de Aires da miña terra, "naqueles
días de tiranía e servidume en que vivía a poboación
labradora". Considera que foran claves naquel momento a guerra
carlista e a instransixencia relixiosa, exemplificando neste último
caso co padre Cesáreo, o bispo de Ourense que "ceibou a
pauliña" sobre o autor de Celanova. A terceira das grandes
"pestes" que "atafegaba, entullaba e afundía o pobo
galego", segundo Asieumedre, era "o caciquismo". Nese
viciado ambiente, anteriormente descrito, era preciso
que unha alma honrada e
podente erguera a súa voz, unxida polos óleos da divina poesía,
con acentos de universalidade que Galicia era un pobo afectado
polos problemas europeos e ao mesmo tempo vibrando na
espiritualidade galega, no seu propio verbo, tanxendo na mesma
lira dos trovadores galaicos, que outrora impuxeran á toda a
península as nosas arelas civilizadoras.
Curros Enríquez foi o poeta
providencial, o verbo redentor, o ¡ea! que espertou tódalas
almas dormentes e fallas de esperanza acuciadora.
|
Compara Aires
da miña terra co teatro de Esquilo, cos Prometidos de
Manzoni e co Quixote en canto a libro "eterno, inesquecente, que
amostrará ás xeracións vindeiras como sofría, como amaba, como
sentía as saudades de redención a sagrada e sempre quirida Nai
Terra". Sitúao ao lado de Pondal e Rosalía como a "trinidade
sagra, que decote recibirá a nosa máis agarimosa devoción".
Finalmente, afirma que Curros será sempre o noso poeta nacional, xa que
"foi o pregón baril e esgrevio que amostrou o camiño do noso
porvir e acendeu nas almas o lume pola nosa dinificación e
libertade".
Unha das coincidencias entre as obras
literarias de ambos os autores é a temática. Os dous cultivan unha
poesía social e combativa, crítica cos problemas que abafaban a
sociedade galega do momento. Boa parte de Noitebras (17) e Versos
de loita (18) e as pezas teatrais A ponte (19), Minia
(20), Mareiras (21) e Esclavitú (22) están
inzadas de alusións ás inxustizas sociais, aos abusos de poder, ao
caciquismo, á miseria dos labregos e ao mundo da emigración.
Como fomos vendo, non abandonou nunca Lugrís
as loanzas ao traballo poético de Curros, axudando cos seus artigos,
cos seus discursos e coas súas obras literarias a que o campo que
sementara o poeta de Celanova fose ben fértil. A modo de colofón
reproducimos o seguinte poema que o autor de Sada dedicou a Curros e que
pode entenderse como unha síntese da relación que os unía. Está
datado na Coruña o 21 de outono de 1904 e nós recollémolo da Revista
Instituto "José Cornide" de Estudios Coruñeses (Anos
V-VI, A Coruña, 1969-1970, nº 5-6).
¡CURROS ENRÍQUEZ!
I
¡Cantou! Espertou nas almas
O amor pol-a patria lengua;
O escravo erguese ó conxuro
Das canciós do gran poeta,
Que lembraban de Tirteo
A valente estrofa griega;
Chegou por fin a rayola
Qu'escorrentou as tristezas
Dos que a libertá pidiran
E lograla non puideran...
¡E nas almas dos gallegos
Naceu pol-a vez primeira,
A sociedade da xusticia,
Da redención a pormesa!
¡Cantou cal ninguén cantara,
Cantou él, o gran poeta
Que zorregou ós tiranos
Trocando en fusta as cadeas!
II
Despois... calou a gran musa
E foise á terra estranxeira
Deixando armoñosas cántigas
Para endozar nosas penas...
¡Deixando lauros de groria
Para as galicianas letras,
Y-as ansias de libertade
Nas nosas almas ergueitas!
III
¡Noites de sombras escuras,
Noites de abafantes brétemas.
Ten a virxe poesía
Sobre a sua frente serea!
Inda os escravos do campo
Diante dos caciques tembran,
E non ganan pr'os trabucos,
Nin tan siquera a mantenza,
Nin son donos dos seus fillos
Nin da tumba que os espera.
Inda sobre a nosa fala
Dóce, valente y-esgrebia
Pesa o estigma maldecido
Dos que a falala renegan,
E imitan solo ós toureiros
Perdendo a enxebreza.
Inda van as nosas xentes
Buscar á lonxe a mantenza,
Que traballando cal negros
Os patrios eidos lles nega...
¡Festá a libertá en interdito
Y-en grillós nosas concencias!
¡Y-a Tiranía trunfante!
¡Y-a Patria envolta en tristezas!
IV
¡Curros! ¡Curros Alma nobre
Libre, valente e gallega,
Pulsa de novo esa yarpa
Onde vibrou a ENCOMENDA!
¡Qué toque ó compás das outras
A corda sinistra e fera
Que ten sons desconecidos
De redentoras cadencias,
Para confundir ós tiranos
E para redimil-a idea!
Do lumiar do teu talento
Salla a vivida centella
Que dea folgo ós côvardes
Y-axunte as hostes dispersas,
E nos leve ô cume santo
Onde o sol escentilea...
¡E zorregue â Tiranía
Trocando en fusta á cadea!
M. Lugrís
Freire
|
NOTAS
1 |
Historia
da literatura galega contemporánea, Vigo: Galaxia, 3ª
edición, 1981, pp. 471-514. |
2 |
"O meu
avô Manuel Lugris Freire", Agália, nº 23, p. 319. |
3 |
Habana:
Imprenta do Avisador Comercial, 1894. |
4 |
Publicado
en A Nosa Terra, nº 31, 21 marzo 1908, p. 5. Recollido en A
obra narrativa en galego de Manuel Lugrís Freire, edición,
introduccióne notas de Xabier Campos Villar, Santiago de
Compostela: Xunta de Galicia, Centro Ramón Piñeiro para a
Investigación en Humanidades, 2000, pp. 237-239. |
5 |
Publicado
en A Nosa Terra, nº 3, 18 agosto 1907, p. 2. Recollido en A
obra narrativa en galego de Manuel Lugrís Freire, pp.
189-191. |
6 |
Publicado
en A Nosa Terra, nº 39, 19 de maio 1908, p. 2, baixo o
título "Un pensamiento de Curros Enríquez". Trátase
dun número que ten como tema central a inauguración do Monumento
aos Mártires de Carral nesta localidade coruñesa. |
7 |
Para máis
información vid. A Nosa Terra, nº 33, 7 abril 1908, pp.
4-5. |
8 |
Publicado
en A Nosa Terra, nº 35, 23 de abril de 1908, plp. 5-6.
Recollido en A obra narrativa en galego de Manuel Lugrís
Freire, pp. 241-243. |
9 |
A Nosa
Terra, nº 36, 30 de abril de 1908, p. 3. |
10 |
"O
moimento a Curros", nº 190, 15 agosto 1923, p. 4. |
11 |
A Nosa
Terra, nº 190, 15 agosto 1923, p. 4. |
12 |
Está
recollida unha completa información sobre este acto no Boletín
de la Real Academia Gallega, nº 166, Ano XIX, 1 de decembro
de 1924, pp. 258-272. |
13 |
Íbidem,
p. 263. |
14 |
Vid.
nota 11. |
15 |
Nº 189, 25
xullo de 1923, p. 5. |
16 |
A Nosa
Terra, nº 198, 1 de marzo de 1924. |
17 |
A Coruña:
Tipografía La Constancia, Librería Rexional de Eugenio Carré,
1901. |
18 |
A Coruña:
¡Terra A Nosa!, Suplemento de El Nororeste, volume 13, 10
de xullo de 1919. |
19 |
Drama en
dous actos en prosa. Dividido en tres cadros..., A Coruña:
Tipografía La Constancia, 1903. |
20 |
Drama
nun acto en prosa, A Coruña: Imprenta y Fotograbado de
Ferrer, 1905. |
21 |
Drama en
tres actos en prosa, A Coruña: Imprenta y Fotograbado de
Ferrer, 1904. |
22 |
Drama en
dous actos en prosa, A Coruña: Librería Rexional de Eugenio
Carré, 1906. |
[En
Alonso Montero, Monteagudo e Tajes Marcote (eds.)
Actas do I Congreso Internacional "Curros Enríquez
e o seu tempo", vol. II, Compostela: Consello da Cultura
Galega, 2004, pp. 53-63.].
|
|