[...]
Acrecía a súa soedade o mestre do gran
corazón, o verba erqueito e o latexo na alma dun rexo sentimento de
raza. Cantaban en Lugrís algunhas grandes voces antigas. Maxinaba
escoitar no balbordo do mar do outono himnos e trinos irmáns dos
resoantes no seu lembrar...
[...]
Sempre o coñecín vello. Dun xénero de beleza
como o dos carballos decotados en boas lúas. Poucos homes espallaban
unha sensación semellante de forza tranquila. Poucos viviron coa
sinxeleza e poder de Lugrís os grandes mitos do Occidente e do mar.
Asociaba o optimismo democrático e o grave e
estoico sentir da República co vivir antigo e o ensoar céltigo
revelado de xenio único entre nós por Eduardo Pondal.
Lugrís, bo alumno do chantre dos abrentes, foi
da caste atal galega dos Eoas. Ouvíndolle contar as súas impresións
do bosque antillano era doado maxinarse o estado de ánimo do home das
descubertas, do máis ou menos mortemente afeito aos clásicos.
Entraba pola floresta mexicana con respecto e
saudade. Concibía as illas brancas e azuis como escenarios do amor de
Paulos e Virxinia.
Un romántico do primeiro tempo galego —a
mocidade de La Sagra, os primeiros versos de Pastor Díaz— espertado
baixo a maestoso do pinar pondaliano e dono do convencemento da esgrevia
virtude republicana puidera ser a fórmula —ou os elementos da fórmula—
do carácter, do espectro de Lugrís.
Foi bo poeta, máis grande orador, por riba de
todo un carácter, que pola enérxica preguiza dos fortes, por outras
causas, nos deixou todo o zume de Poesía que puidera deixar na copa de
pedra do horizonte galego.
[...]
[
En Otero Pedrayo, O libros dos amigos, Vigo, Galaxia,
1997, pp. 165-166. ]. |
|