Un primeiro libro de María Mariño. Palabra no Tempo

                                                                                                                                                                                             Manuel María

 

     

     A voz poética de María Mariño Carou é nova nesta obra magnífica e prometedora da poesía galega. Só sabiamos dela uns cantos amigos persoais da poetisa, á que coñecemos por mediación do poeta Novoneyra. Agora ponse, grazas a "Edicións Celta", de Lugo, en contacto co público lector de poesía. O libro titúlase "Palabra no Tempo" e está belamente presentado, valorando a edición un fermoso e luminoso prólogo de don Ramón Otero Pedrayo e unha acertada portada do pintor e gravador Raimundo Patiño. "Palabra no Tempo" sae ao público coincidindo coa exposición do libro galego que se está a celebrar no Círculo das Artes de Lugo e co ano do centenario da publicación de "Cantares Gallegos" de Rosalía. A data non podía ser máis propicia e oportuna.

     Na lapela do libro, o poeta Novoneyra dá unha concisa e xusta noticia da súa autora: "María Mariño -escribe- naceu na vila de Noia. Infancia, adolescencia e primeira mocedá en Noia, Compostela, A Cruña e Algorta. Leva fai quince anos no Caurel. Nos "tesos cumes" comenza a escribir. A súa obra deica agora xúntase niste libro".

     "Palabra no Tempo" é, en primeiro lugar, un libro escuro. Esta escuridade non é rebuscada. É unha escuridade que parte, que está enraizada, no mundo rico, complexo e profundo da autora. Por iso o libro non se entrega nunha primeira lectura. Cómpre lelo atentamente. E logo relelo redobrando a atención. E despois asombrarse ao contemplarmos e comprobarmos o esforzo da poetisa para dar conta, con expresión cabal e xusta, do estraño mundo íntimo que aflora nestes versos ou do mundo externo que a autora intimiza e valla a expresión. Algunhas palabras como "lonxear" e "xordo" son expresións chave, detrás das que hai un estraño misterio, máis adiviñado para nós do que comprendido. Arredor destas palabras símbolo vai xirando o mundo e o facer poético de María Mariño:

Cánto novo hai xordo e xordo!

Cánto vello que nos fala!

Cántos oxes por un onte!

Cánto andar pra unha agarda!

Ou neste impresionante verso:

Oxe o silencio todo ten barullo

                          [de enxordar.

 

Ou nestoutro:

Sinto, sinto un zoar xordo...

 

Canto a "lonxear", obsérvese o seu valor expresivo máxico e milagreiro, nestes versos:

Oxe que non me encontro e ten

                   [medo o meu tecer,

achégate, ven a min, deixa xa

                               [de lonxear.

 

     Na poesía de María Mariño encontramos, para alén disto, esa expresión concisa e xusta que tanto admiramos en Jorge Guillén. E tamén a expresión sobria e espida tanto do gosto de Novoneyra. A sombra de Novoneyra e ecos de Rosalía encóntranse espalladas, perfectamente asimiladas, nas páxinas de "Palabra no Tempo".

 

     A temática da poesía de María Mariño é moito simple, moito elemental, moito pura. Lembranzas da popular noite de San Xoán, evocacións líricas de Noia, algunha que outra descrición da paisaxe natural e humana do Caurel... O resto do libro está aberto cara a intimidade máis cerrada e subxectiva: vivencias e sentimentos, experiencias madurecidas e perfeccionadas por horas e horas de soidade e silencio ás que se ve a súa verdade, a súa pureza intocada que fai que entremos nos poemas deste libro cun emocionado e case sagrado respecto. O mundo interior e exterior é un nestes versos:

 

Son aquela!

Son aquela que no bosco

escoitaba o himno dela-

 

Ou tamén:

 

Son a chuvia, son a neve, son

                [O vento da xeada,

son a alba daquel vivir

hoxe noite daquel sentir

 

     E o tempo, que é outro dos temas chave deste libro, xa enunciado do título do mesmo, tan machadiano. Pasado e presente que son non unha cantidade, senón unha unidade, e cuxo comentario non daría moita tea que cortar:

Oxe,

onte do meu contento!

 

     Na nota da lapela, á que xa aludimos, dise que este libro contén: "Unha poesía de son esencial -moitas veces no xeito da canción popular e sempre no estilo de Galicia que é o estilo da fala- donde o misterio nos chega". Ficamos sorprendidos, efectivamente, da métrica empregada nestes poemas, pois non é unha métrica estritamente popular, mais tampouco o é, como na maior parte dos libros de versos que veñen publicándose, do "último grito", en verso libre. Hai unha fidelidade ao xenio do idioma asombrosa, en que se conxugan perfectisimamente o ritmo da palabra e o do espírito. E hai tamén feito insólito nun libro como o presente, algúns sonetos.

 

     Rematamos esta nota afirmándomos que María Mariño entrou xa para sempre na historia lírica da Galiza. O seu contributo á nosa poesía contemporánea é singular. A súa poesía non se asemella a ningunha outra. É unha poesía entrañabelmente lírica, escura por profunda mais non difícil, e verdadeira por emocionada. Unha voz pura e limpa, orixinal e auténtica, chéganos do lonxincuo Caurel a enriquecer a poesía da Galiza e a poesía do mundo.

 

 

 

 

[Traducido de "Un primer libro de María Mariño. Palabra no tempo" en El Progreso, 21 de decembro de 1963]

 

 

 

 

 

 

 

 

 



© 2007 Biblioteca Virtual Galega