María Mariño Carou

                                                                                                                                                                                             Kathleen N. March

 

     

       As circunstancias persoais de María Mariño Carou (1907-1967) poden ter axudado a mantela arredada da mirada pública. Aínda que nada na cidade costeira de Noia, pasou os derradeiros quince anos da súa vida na Serra do Courel. A súa poesía consta de dous libros, Palabra no tempo e o inédito Verbo no ar. Quizais o contorno xeográfico tamén contribuíu á introspección da perspectiva da escritora, xa que logo Palabra no tempo (Lugo, 1963) é un exemplo de poesía intimista e contemplativa. O seu título suxire que o enfoque predominante é o do tempo, e malia que as comparacións soamente deberían ser feitas con coidado, non é imposíbel sentir unha perspectiva común coa poesía de Antonio Machado. Aínda que estivo case toda a súa vida unida a Galiza, de tal xeito que o seu contorno físico diferiu considerabelmente do de Machado, a voz poética de Mariño Carou comparte o calmo cuestionamento de, e a resposta ao seu contorno. A voz lírica, porén, nunca se ergue en protesta, e raramente se refire a outros humanos, preferindo concentrarse na compenetración da Natureza e o Eu, o cal se callar é unha intencionada lección para os outros máis do que un criticismo directo dos costumes sociais. A comunicación indirecta co resto do mundo concéntrase en revelar o significado da vida nas montañas galegas do interior: o tempo a penas é sentido como un proceso, mesmo que os obxectos estean cargados con indicacións do seu pasar, cun sentido de tradición situada nun marco de silencio que permite ao observador destilalas, obrendo a súa esencia. Nun xeito panteísta, todo é fonte de reverentes experiencias na poesía de María Mariño Carou e ao mesmo tempo hai unha proxección romántica da autora sobre o seu contorno. Este contacto, expresado predominantemente en tons de sobriedade, é non obstante unha depuración da experiencia. A quietude do presente, xa que logo, é enganosa posto que o observador ten entrado en, e sido atravesado por un mundo que consistentemente amosa as súas características galegas. Ao mesmo tempo, a sinxeleza e popularidade dos elementos -gaiteiros, hórreos, corredoiras- a penas son folclóricos. O tempo, sentido nas constantes referencias a onte, hoxe, as partes do día, o que foi e aínda será, vén ser sentido como distancia, como espazo interior e o longo do que existen as situacións e os procesos. O mesmo cá de Machado, a poesía de Mariño Carou lembra a pintura impresionista: as imaxes son as do efecto sobre o observador máis do que sobre a fonte da súa aparencia. Estas imaxes lembradas, e a importancia outorgada ás memorias como fonte de coñecemento, son esporeadas por procesos conceptuais contraditorios. Tamén é común para a escritora crear -sempre brevemente- unha imaxe que inmediatamente se difumina, talvez deslizándose noutra, de tal xeito que a ollada xamais se fai autoritaria; mesmo o emprego do posesivo meu/miña non indica dominación senón intimidade, a proximidade da autora ao seu mundo. Este é un mundo no que o silencio rodea o ruído, no que o que existe é a ausencia de cousas, unha condición que crea continuos momentos de paradoxo para o Eu que reside dentro. Mentres que sen acadar precisamente un existencialismo ou misticismo dominantes, María Mariño retrata unha realidade de contradicións e paradoxos fenomenolóxicos que ela olla con aceptación máis do que con desesperanza. Na súa orientación impresionista alude a miúdo á mirada, á vista humana e á súa negación, a cegueira. O seu traballo, tallado en seco por unha morte temperá por leucemia, non é menos merecente de estudo pola súa orixinalidade dentro do contexto literario galego. Unha poeta dunha simplicidade case enganosa, a súa contribución á poesía galega e particular non ten sido pasada de longo, mesmo que está lonxe de ter recibido detido estudo. En esencia, é unha das máis maduras aproximacións da moderna escrita galega ao contorno xeográfico que ten sido de sempre vital para o entendemento desta cultura. Aquí é moito máis persoal e privado do que social, porén é retratado con confianza e quizais por esta razón é tan fundamental en reafirmar o estatus da lingua como un medio apto para a poesía íntima. Palabra no tempo, natural aínda que profunda, é unha lección libremente guiada na contemplación e na ética social.

 

 

[Traducido de Festa da palabra: an anthology of contemporary Galician women poets]

 



© 2007 Biblioteca Virtual Galega