28

Está caendo a folla i en min nace primaveira,
Quen entenderá este mar vello?
Como digo onte sendo hoxe?
Como farto a miña verba do nacer que xa pasou!
Como reino nas migallas onde medrei un bon día!
Como piso forte sendo branda?
Como digo si si o non está escoitando?
Quen entenderá este mar vello?
Medro, medro e non sei onde parar.
Presa xa e ceguiña no cume
lévame,
lévame ó chan a verba.

Queda hoxe o chan soio
muxindo a pegada do tempo.
Mesturadas terras peneiran, peneiran fariña,
fariña que non fai masa.
Rebélanse as ondas ós mares,
os ríos afogan a pradeira seca,
os camiños non se atopan.
Quen entenderá este mar vello?
É outono i en min nace primaveira.
Quen o entenderá?



[Vídeo de Ana Romaní lendo o poema]



© 2007 Biblioteca Virtual Galega