7

Palpas os tempos.

Lambes as terras.

Trillas os días

e vas andando,

sin parar andando.

Coxeas no outono -meu arranque-.

Alóngaste no estío -miña morte-.

Á primaveira dáste,

dáste a todos que logo de ti se chaman.

 

Tolle o inverno o teu nome,

o teu nome -morno lume-,

o teu nome farto i esquecido,

esquecido

entre muros lentos,

entre pozas, terras-miñocas,

entre mundo de sapos

e calexas de lúa.

 

Farto!

 

O teu nome leva e dá.

Dá mareas de verbas feitas,

dá cantiga que se escoita,

dá á terra voz e fala,

dá a cada un dos tempos seu dono,

dá larganza -peito de bríos-.

Vein vindo a luz aquela que ti

encendiches e non se apaga.

 

Sol!

 



© 2007 Biblioteca Virtual Galega