Letras Galegas 2008 Volver atrás |
[...] Logo de rematar eu
o Bachillerato fixen oposicións a ingreso no Maxisterio polo plan de
Marcelino Domingo (o chamado Grado Profesional) e seguín despois os
cursos correspondentes —1931 a 1934— na Escola Normal de Pontevedra.
Vivía na casa do meu tío Xerardo, sogro xa de Bóveda. O meu tío,
criatura dunha bondade anxelical e profundamente relixioso, non militaba
en ningún partido político, pero axiña foi gañado para a causa
galeguista por Alexandro, inda ben as súas inquedanzas intelectuais, a
súa entrañábel emoción poética estivera sempre ao servizo de Galicia.
[...] Moitas veces oficiei de recadeiro antre ambos, levando e traendo
notas escritas ou verbais da casa do meu tío á de Bóveda, que vivía
daquela na Virxe do Camiño. Había que pillalo na casa á hora do xantar,
porque logo non era doado topalo, sempre entregado aos seus traballos.
Moitas veces tomei café con el e coa miña curmá Amalia. Eu pertencía á
Mocedade Galeguista. Falabamos. Nunca tratou de impor os seus criterios
nas tarefas dos mozos. Informábase por min dalgunhas cousas e, se acaso,
daba unha idea, suxería, alentaba. Leveille un día un folleto editado
polo Ministerio de Instrucción Pública y Bellas Artes con destino ás
escolas. Era unha pequena escolma de poesía peninsular, pero non se
recollía nela nin unha cativa mostra nin tan sequer a menor reférencia á
poesía galega. Só figuraba un poema en castelán de Rosalía. Pero o máis
magoante era que noutro folleto complementario facíanse as biografías
dos poetas seleccionados, adicando a cada un tres ou catro páxinas.
Rosalía despachábase xustamente con tres liñas.
Noutra ocasión, no comezo do mes de Abril, díxome Alexandro:
[En Alexandro Bóveda. Apunte biográfico] |
Letras Galegas 2008 Volver atrás |
© 2008 Biblioteca Virtual Galega |