SEÑOR DON RAMÓN OTERO PEDRAYO              

 

Señor don Ramón Otero Pedrayo:
Dende iste Coruxo, onde me eu retrayo
cando o fero vran se nos bota enriba,
istas dúas letras deixe que lle escriba.
Ben quixera hogano facerlle unha oda
— pero seica delas xa pasou a moda—
pra loubar a sua pruma galanteira,
entre todas nosas prumas a primeira.
Unha esgrevia pruma roubada a un paxaro
tan outo, tan branco, tan nobre, tan raro,
que non o rexistran Buffon nin Linneo,
nin o Padre Mestre Victoria, onde leo
Trunfos e Gobernos das Aves do Mundo,
dende a aguia caudal ao pimpín inmundo.
Loubor a isa pruma, parabéns a eito,
polo señorío e honras e proveito
que dela gañaron as Letras Galegas!
Muiño abastado de ricas moegas,
onde son as verbas fariña do esprito
i-o roda-que-roda, cántico bendito!
Ben sabemos todos dise maxisterio,
que é frouma da fraga, néboa do misterio
abrente risoño, poente dourado,
camiño segredo, río enfeitizado...
I agora, na gracia solene do Outono,
chéganos a nova de que o noso dono,
termando das ondas, fitando as estrelas,
falou cousas novas, prefundas e belas,
encol da figura do Padre Feixóo,
aquil noso frade, tan listo e tan bó.
E díxoas dun xeito tal que se non sabe
cál dos dous semella mais doito e mais grave:
si o de Casdemiro, mestre vixiante,
ou o de Trasalba, máxico escolante;
que a aquil moimento de granito inxel
somente un Pedrayo lle pon o cincel.
Os verdes loureiros para os dous a unha,
e pra o mesmo dolmen a mesma coluna!
Nos douscentos anos do seu pasamento
anóvase a seiva, i-a forza, i-o alento,
do Padre bieito, vivo como o raio
nos de don Ramón Otero Pedrayo.
Máxico Maestre: dende o meu recanto,
con pruma de poupa, os seus trunfos canto,
e pídolle aos deuses —i ás deusas tamén—
garden moitos anos sua vida. Amén.

                                 Coruxo 27 setembro 1964.

 



© 2008 Biblioteca Virtual Galega