SAUDADE             

Iste delor da terra, que me aruña
na outa cova dos soños onde teño
o meu segredo amor;
ista percura
de vieiros sin termo para o esprito
esligante de terra non andada;
iste voar ás toas polos ares
do degaro, do afán, da señardade...

Iste querer e non querer, aeito
loitando por abrirse na fiestra
do pensamento; ista doente arela
dun día lumioso; iste desleixo
do corpo que me leva manseliño;
ista fondal anguria
de brétemas, en roda dunha espranza...
Ista saudade, ¡ai, Deus!, si Tí ma deches,
non a tires de min, pois nela vivo.
 



© 2008 Biblioteca Virtual Galega