3. OS POETAS DA XERACIÓN DE 1936

3.14. XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ

Nota biográfica

    Naceu en Tui o ano 1915. Realizou estudos de Filosofía e Letras na Universidade de Santiago. Graduouse de Mestre Nacional na Escola Normal de Pontevedra. Fundou en Pontevedra —xunto co poeta castelanizante JUAN VIDAL— a revista "Cristal", que viviu, entre 1932 e 1933, un ano de feble existencia. Formou parte da FMG. En 1936, a súa familia foi perseguida polo fascismo e o seu pai fusilado en Tui. Actualmente milita no Partido Galeguista.

    XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ pertence a unha familia da pequena burguesía ilustrada que ten dado numerosos cultivadores das letras en Galicia: seu abó, ÁLVAREZ GIMENEZ; seu tío, XERARDO ÁLVAREZ LIMESES; seus curmáns, XERARDO ÁLVAREZ GALLEGO e EMILIO ÁLVAREZ NEGREIRA; seus irmáns, EMILIO e máis DARÍO ÁLVAREZ BLÁZQUEZ; seu fillo, XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ CÁCCAMO.

    Ten publicados libros e artigos sobre literatura, historia, arqueoloxía, biografía. Foi un activo animador das editoriais Monterrey e Castrelos. É poeta, novelista, articulista e orador, en galego e en español. Foi finalista do Premio Nadal en 1945. Como poeta en galego, recibiu o premio EDUARDO PONDAL do Centro Gallego de Buenos Aires, ano 1953.

 

 

Libros poéticos en galego

Poemas de ti e de min (en colaboración co seu irmán EMILIO), Benito Soto, Pontevedra, 1949.

Roseira do teu mencer, Monterrey, Vigo, 1950.

Romance do pescador peleriño, Monterrey, Vigo, 1954.

Cancioeiro de Monfero, Monterrey, Vigo, 1953.

Canle Segredo, Castrelos, Vigo. 1976.

   

Nota crítica
   Os catro primeiros libros de XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ —cheos a fartar de gracia e de ritmo— mantéñense nunha liña estilística propia da xeración de 1925. Dun xeito paralelo ó de CUNQUEIRO —en levedade souril—, este poeta xoga, de maneira solprendentemente lixeira e celmosa, ó imaxinismo, ó popularismo, ó neotrovadorismo, mesmo semella que ó lorquismo. Pro seu libro Canle segredo marca unha evolución a un estadio de alta sabiduría e madurez que pode expresarse en ton coloquial, en verso branco de limpa musicalidade e que se refire cordialmente ás realidades familiares e cotiáns do poeta, cun certo recurso á nostalxia pola infancia perdida. Se este libro fora editado no tempo en que se rematou, ano 1953, fora seguramente sinal para un cambio de rumbo da poesía galega, que máis adiante se producirá —nunha dimensión de prosaísmo pouco válida— con Documentos personaes de MANUEL MARÍA e os grandes libros de CELSO EMILIO FERREIRO.

 

Bibliografía
EPG

GONZÁLEZ ALEGRE, RAMÓN —Antología de la poesía gallega contemporánea, Adonais, Madrid, 1959.

LAG

PGC

VARELA JÁCOME, BENITO —Historia de la literatura gallega, Porto, Santiago, 1951.  

 

[En De Pondal a Novoneyra]



© 2008 Biblioteca Virtual Galega