[...] O caso de Xosé María Álvarez Blázquez (Tui, 1915-Vigo, 1985) non é inusual no panorama da nosa cultura contemporánea: infatigábel activista cultural, escritor con poucas obras hoxe nas librarías do país exceptuando a súa Poesía galega completa e Roseira do teu mencer pero con moitos títulos e traballos nas bibliotecas e hemerotecas; erudito pouco coñecido, vítima das crueldades do 36, polígrafo con moita obra dispersa e pouco accesíbel, galeguista algo esquecido; entusiasta axente da literatura e do libro galego no difícil período da ditadura franquista, amante da liberdade e da dignidade estética e escritor plural aínda por situar convenientemente no noso sistema literario.
    Trátase, inevitabelmente, dunha excursión polo século XX: as esperanzas republicanas e estatutarias cando o noso protagonista milita no Partido Galeguista e na Federación das Mocedades Galeguistas, a historia viva do nacionalismo xunto con figuras de primeiro nivel como Alexandre Bóveda ou Otero Pedrayo, a guerra e as súas consecuencias comezando pola dramática desaparición do pai, a instauración dunha ditadura longa e asfixiante que deixa ao Xosé María sen casa, sen pai e sen traballo na Galiza, o combate e os soños desde dentro para que as cousas mudasen e para que logo da desaparición da ditadura e do ditador existisen as bases para construírmos un novo país. É o que fixo con Monterrey, sobre todo con Castrelos, coa súa inxente obra xornalística, co seu contributo á renacencia das nosas letras desde os anos 30 e nomeadamente desde 1949. Esas son para nós algunhas das débedas da cultura galega con Xosé María Álvarez Blázquez.
    A historia local, os recorrentes asuntos da súa vila natal de Tui e da súa cidade de Vigo, o descubrimento da égloga Belmiro e Benigno de Pastor Díaz, a edición e o estudo da obra de Martín Codax e da lírica medieval no seu conxunto, Quevedo traducido para a nosa lingua, o cura de Fruíme e toda a literatura dos chamados Séculos Escuros, Gil Vicente e todo o universo portugués ao que estivo sempre tan ligado, Aurelio Aguirre e a literatura galega oculta, Álvarez Giménez, Castelao, Amado Carballo, a literatura popular e a culta, a historia, a prehistoria ou a etnografía foron só algunhas das múltiples paixóns do home que foi mestre da República, libreiro, editor, escritor, profesor, articulista, arqueólogo, conversador, conferencista, académico, galeguista, cronista de Vigo, ávido coleccionista, pai, voz da radio e erudito en tantos saberes.
    Entre as súas inquietudes figura tamén, desde a primeira mocidade, a arqueoloxía, que se materializa en publicacións e descubrimentos como as lendas sepulcrais da época romana en Vigo, as industrias paleolíticas do Baixo Miño e das Gándaras de Budiño con Fermín Bouza Brey, os restos dunha instalación romana de obtención de aceite de oliva en Teis (Pontevedra) ou unha cisterna con pezas funerarias da época de bronce en Atrios. Foi Xosé María Comisario Local de Escavacións Arqueolóxicas na cidade olívica e en certa medida continuador do labor que nesa materia fixeran as persoas das xeracións precedentes (nomeadamente a Xeración Nós e o grupo do Seminario de Estudos Galegos). [...]

    

Henrique Rabuñal
     

 

[En Xosé María Álvarez Blázquez na súa canle secreta, Edicións Laiovento, 2008]



© 2008 Biblioteca Virtual Galega