Letras Galegas 2008 Volver atrás |
NO PASAMENTO DE XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ Despois de horas arreo de teimosa laboría, rexistrou en amplo volume, as efemérides, pequenas e grandes, da cidade onde finou. Co mesmo entusiamo adicado a cachear documentos e resucitar feitos esquecidos, evocou a Mendiño ou a Martín Codax en prosa rememorativa. Din que ese día ningunha banda municipal conseguíu animar o concerto nos palcos de música do país. Fixo obra de creación, presentándose co libro «Roseira do teu mencer» no mundo poético galego do noso tempo. Sin contar que, co seu irmán Emilio, escribíu anteriormente baixo o rubro de «Poemas de ti e de min»; e o que, con posterioridade, publicou co tiduo «Canle segredo». Din que ese día os reiseñores non poideron cantar. Entusiasta animador cultural, promoveu actividades editoriais, raras mostras bibliográficas, volumes de divulgación, e dirixíu con solvencia e tino as excavacións arqueolóxicas. Sempre a profesión intelectual foi inefastable nel, da loita galeguizadora. Xosé María Álvarez Blázquez amador do mundo infantil, con delicada ternura. Ahí está, entre outros, ese poema «O neno», cheo de sentimento e emoción. Din que ese día un boneco de trapo estaba a chorar; pero que, de súpeto, alguén lle fixo un chiste ao ouvido e achináronselle os ollos; que o boneco de trapo ergueu a vista e mirou unhas flores; que detrás, sobre o cabalo que só comía xardíns, alonxábase o poeta... Finou Xosé María Álvarez Blázquez en Vigo, pouco antes de nacer unha nova primavera. Os seus amigos, despois da súa morte, quedamos mergullados nunha onda de orfandade. S. L. [En Grial, nº 88, abril, maio, xuño, Vigo, 1985] |
Letras Galegas 2008 Volver atrás |
© 2008 Biblioteca Virtual Galega |