PRESENTACIÓN

 

     A misión de ordena-los días e os traballos nunha única figura circular (a dun libro de Poesía Completa) afronta a fundamental paradoxa da vida, enteira só cando atinxe a súa propia negación: a morte. Vida e Poesía complétanse só agora na persoa de Xosé María Álvarez Blázquez, cando el xa non vive e xa non necesita escribir máis poemas.
     Pero para quen foi testemuña directa, e en grande medida consecuencia inevitable, de moitos dos días e traballos de Xosé María Álvarez Blázquez, a paradoxa preséntase con golpes de sorprendente abraio. Ademais da dor pola súa ausencia, a saudade da súa conversa, a orfandade do seu maxisterio, nacen agora en min novas interrogacións de asombro. Moi elementais, pero, talvez por esa mesma cualidade primitiva e atemporal, intensas e sen resposta.

     E para quen foi coñecendo o proceso de moitas facetas intelectuais e vitais dun home mentres sucedían, fragmentariamente, e nese despacioso pracer de coñecemento foi aprendéndose a el mesmo, reflexo, herdo agradecido de algúns de aqueles labores e tempos, a experiencia de ver agora a obra concluída (porque a inconclusa xa non pode leva-los sinais da súa man singular) representa o comenzo dunha nova e pacífica, pero non resignada, xeira. Agora, mentres ordenaba os datos básicos da súa biografía, o inventario da súa bibliografía e os textos que ían compor este libro, o meu pai aparecía como un home sen idade, completo nos seus esforzos e ciencias, na súa palabra lírica, única desde os poemas de xuventude publicados en Cristal ata os últimos inéditos, escritos algúns desde un xeneroso optimismo tamén de xuventude e resoltos con sabiduría de persoa "enteira". Único tamén na extensión polifacética dos seus traballos, da que a CRONOLOXÍA que preparei só pode dar un pálido reflexo.

     Na lectura de cada un dos seus poemas a intensidade da súa figura humana, a vivencia das súas vivencias (que son xa memorias miñas) ocupa o primeiro plano do meu interés. Sei que Canle segredo significa o lugar en que a voz de Xosé M.ª Álvarez Blázquez encontra o ton da súa máis grave intensidade e que ese libro tería exercido unha importante influencia no desenvolvemento da poesía galega de posguerra de ter sido publicado no seu momento natural. Pero Roseira do teu mencer trae unha música de infancia moi próxima e o río dunha ferida sen fechar. Poemas de ti e de min devolve a imaxe dun poeta nos seus días máis esperanzados, cun longo e xeneroso tempo por diante. E o Cancioneiro de Monfero, ademais da brincadeira inxeniosa, ademais da prudente provocación ás sabidurías trascendentes, representa a síntese de dúas das múltiples facetas de Xosé M.ª Álvarez Blázquez, a de investigador e a de poeta, que hoxe, desde esta capacidade globalizadora que a ausencia final non entrega, entendo como manifestacións dunha única paixón pola poesía. Pois da paixón poética nace tamén a súa dedicación á historia, á arqueoloxía, ó xornalismo, á etnografía, á narrativa..., artes que coidaba con mimo de palabra lírica.

     Os manuscritos que fun recollendo das súas carpetas e os textos dispersos en revistas chegaron a min como secretos que o azar me fora ocultando e que hoxe me entrega para completa-la imaxe sucesiva, en constante crecemento, de X. M. Álvarez Blázquez. Algúns formaban parte do material preparado para os distintos libros, reservados con anotacións que daban fe dun lento traballo de selección e peneira. Outros constituirían ese "Libro dos Amigos" que todo poeta vai escribindo ó longo da súa vida e que poucos ven publicado. A ese volume latente pertencerían os poemas dedicados a Plácido R. Castro, Xosé de La Fuente, Otero Pedrayo (de quen incluímos tamén un poema epistolar dirixido a XMAB en resposta a outro que el lle enviara uns días antes), Ramón Cabanillas, Paz Varela, Manuel Antonio, Noriega Varela, Celso Emilio Ferreiro, Xoan Vidal e Aquilino Iglesia Alvariño. Hai ademais un conxunto de poemas escritos a partir de motivacións circunstanciais que teñen a virtude de supera-la continxencia anecdótica inicial. E tamén encontrei a "Poesía Incompleta de Pepe do Rollo", heterónimo satírico de Xosé María Álvarez Blázquez que, parece ser, naceu dos primeiros escepticismos de xuventude. Outros manuscritos ficarán reservados para a curiosidade dos eruditos porque constitúen só probas, apuntes, bocetos que o seu autor nunca estaría disposto a publicar, e porque, afortunadamente, agora o sei, non existe a Obra Completa e ningunha vida atinxe a circularidade pétrea da peza conclusa. Mentres escribía estas liñas estaba sabendo que a vida de Xosé María Álvarez Blázquez continúa na nosa memoria fragmentada e continuará nas sucesivas lecturas dos seus libros.

    

 

Xosé María Álvarez Cáccamo
     

 

[En Xosé M.ª Álvarez Blázquez. Poesía galega completa, Xerais, 1987]



© 2008 Biblioteca Virtual Galega