CARTA DE CASTELAO A RAMÓN PIÑEIRO
[DOCUMENTO
INÉDITO]
Consello de Galiza
14 de Marzo de 1946
Meu querido irmán Piñeiro:
Como xa cumprín 60 anos vou atuarte. Escríboche a voa
máquina e ti descontarás as faltas que cometa. Estreo unha cinta para
que poidas ler sen dificultades esta carta. Eu xa vexo moi pouco,
pero... non empecemos a falar de nós.
O panorama que me pintas da Hespaña actual é
perfectamente comprensíbel para min. A confusión que padece a xente do
Interior venlle de sentirse frustrada en todo e moito é que non perdesen
o xuízo. En cambio a Hespaña dos exiliados anda polas nubes do
crepúsculo, dirixida por fantasmas e fantasmón ou por maniáticos que
presumen de profetas. En que feito, pois, poderán confluir mentalidades
tan dispares? A desfeita de México foi tal que desde alí nin se
sentiu a repercusión da guerra mundial, e teño para min que en Francia
dos refuxiados pode reproducirse o barullo azteca e tapar con el as
demais realidades. Dubido que o binomio Barrio-Giral aproveite o pouco
tempo que nos queda para salvar a República. Os seus miolos de cara
simple son tardos, indecisos e rutineiros e por outra parte sofren o
tira e afrouxa dos refuxiados partidistas que sobreviven no exterior.
Coñezo a Don Fernando, o Ministro de Estado e sei que sacaría máis leite
muxíndolle as barbas que o cerebro. Así a misión do Estado do Goberno -négome
a vela outra- redúcese a que maquine sobre os treitos
xornalísticos ou sobre os contos da diplomacia centroamericana... Hoxe
por hoxe non se ve que Giral poida substituir Franco en Hespaña, aínda
que sexa posíbel que Franco veña substituir Giral no desterro.
Descartada toda posibilidade de promover unha revolución vencedora, ou
de dividir as forzas armadas e adscribir unha delas á causa da
República, ou de empuxar a ditadura cara a un desemboque democrático,
non queda outro recurso que o de merecer e lograr o apoio dos aliados.
Aí ternos a única e grave solución, na que se xoga a República, por
culpa, claro está, dos republicanos exiliados, que nestes sete anos de
desterro non fixeron outra cousa que desacreditarse, mostrando a súa
ineptitude e evidenciando a responsabilidade que lles cabe no desgoberno
que fixo posíbel a guerra civil. O mundo vitorioso, visto sen
prismáticos e coa pouca vista que eu teño, resulta un enigma
indescifrábel, pero xa que calquera próximo ten dereito a prognosticar a
fin que nos espera, eu direiche o que penso neste intre no que te
escribo. Chego a temer que o patrocinio de Francia de hoxe -peor aínda
se concorda coa URSS, que por certo aínda non recoñeceu ao Goberno
Giral, quizais aumente o perigo no que nos vemos dadas as discordias
intestinas que comen o escenario diplomático, onde non se fai máis que
arrearse patadas por baixo da mesa. E como a Península Ibérica cae na
zona de influencia inglesa e o restabelecemento da República derrotada
por Franco pode supoñer un perigo de infiltración soviética, resulta
comprensíbel que Inglaterra e os Estados Unidos, apracen o seu choque
con Franco, que xa non representa un perigo para a paz que a eles lles
convén estabelecer e en cambio gardaría como un can os seus intereses,
evitando a entrada de elementos perturbadores na península. Franco e
Oliveira son dous elementos igualmente útiles para eles nesta hora. E
como a representación extraterritorial da República, non ofrece as
garantías de autoridade que o mesmo pobo aferrollado reclama para vencer
os seus temores dramáticos, creo que a recente determinación das
potencias occidentais nin é claudicante nin desorbitada; é o que
mereciamos que fose.
Ben dis ti que os actos de México non foron serios e eu
engado que alí saíu o Goberno en crise e desarticulado nos seus membros.
Fixo Giral de zurcidor de vontades entre Prietos e os comunistas e sen
axuda de Negrín. E ao cabo de catro meses de ruxe ruxe, ben pode dicirse
que a lexitimidade que lle outorgaron as Cortes en México é un título
inservíbel, posto que o Goberno semella ser unha especie de ánima
descarnada. E diante da desfeita política dos exiliados e a ineficacia
do Goberno, formado á deshora, resulta lóxico que os monárquicos se
atravesen a pór en escena o seu Don Juan. Claro está que en Hespaña xa
se perdeu o respecto tradicional que inspiraban os reis -base das
monarquías-; pero si a República padece de anemia incurábel e xorden
republicanos como Prieto, que proclaman en público a súa desesperanza de
salvala, xusto me parece que os estraños toman en serio as pretensións
de Don Juan. Por outra parte, unha monarquía semellante á que se
restaurou despois da primeira República, sería o réxime máis feble e
submiso que se puidese imaxinar para Hespaña desde Londres, e non é raro
que alí conte con partidarios. Todo isto é ben triste para os galegos,
vascos e cataláns, que sabemos o que nos espera con monarquía ou,
simplemente con entendemento de monárquicos e republicanos caídos no
lerrouxismo, pois en ambos os casos quedaría en pé a "españolada" de
Franco. Se o liberalismo traducido do francés mantivo o despotismo
centralizador dos Borbóns, calquera solución que proveña dun contubernio
monárquico-republicano, consolidará o que hai de peor para nós no
totalitarismo de Franco. "España está por encima de la República"
-acaba
de dicir Prieto e Kindelan, significaría o enterro das nosas ilusións.
Por iso temos a obriga de defender a República, aínda que non sexamos
supersticiosos deste réxime, como a defenden os vascos, porque unha
restauración da Monarquía Constitucional pon en perigo non só o seu
Estatuto, senón o mesmo Concerto Económico. Todo, todo, cómpre miralo
con frialdade calculadora. Os socialistas, por exemplo, desexan a
concentración de todos os poderes do Estado e están dispostos a
gobernarse con Monarquías; e de al que teñen tanta razón como nós temos,
para defender a República. A eles bástalles con derrubar Franco; a nós,
interésanos tanto como iso, saber quen vai a substituílo. E como Franco
está condenado a caer, xa que ninguén se atreve a defendelo, todos
queren ser os que lle dean o empuxón ou polo menos, tomar parte no
empuxón. Aí temos un punto que a min faime cavilar. Por descontado dou
que prefiro que Franco caía de podremia ou que sexa substituído por
elementos desarraigados republicanos, antes que se restabeleza a
Monarquía. Xa sei, xa que o deixar a estes no desterro, vale ben pouca
cousa comparada co desterro que sofren os homes do Interior, pero eu non
teño outra prenda para os meus ideais galeguistas. Entendo que a
Monarquía non se restauraría en Hespaña se ao silencio forzoso do
Interior se sumase unha actitude intransixente republicana dos elementos
desterrados, máis valiosa aínda se o Goberno Giral chegase a ser
verdadeiramente representativo.
Non nego que Inglaterra sería capaz de dar opción a Franco para elixir
ao seu substituto con tal que este faga promesas de encarreirar a vida
política de Hespaña cara a unha solución democrática; pero a firmeza dos
republicanos e da República, no que ten de sagrado para nós, quedaría en
pé, como unha esperanza. Desgrazadamente, sei moi ben que os
republicanos claudicarán e iso é o que me doe e o que tamén avala as
moñas conviccións. Prieto, que de por si representa unha potencia, con
máis adeptos dos que se contan, vai acrecentando a súa valía a medida
que avanza o perigo monárquico, xa que a súa forza se basca na
desvalorización das posibilidades republicanas. A súa actitude foi
demasiado arriscada para ser espontánea; o seu anticomunismo, non tan
sincero como estudado; a súa inclinación polo pacto cos da outra banda,
dimana influencias estrañas; a súa relación co Laborismo inglés
permítelle prever o que nos agarda; a súa imitación de Lerroux é máis
farsa que claudicación; o deixar en ridículo a Barrio e en precario a
Giral, obedece ao propósito de eliminar obstáculos para os seus planos;
Prieto pode ser o árbitro de calquera situación provisional. E Negrín?
Negrín asegura non ter vocación de político e négase a enarborar a
bandeira que lle ofrecían en México, e, pensando na liquidación da
guerra civil, díxome a min que a súa idea se resumía na frase seguinte:
"borrón y cuenta nueva". Creo pois, que Franco caerá e que os
republicanos axudarán a derrubalo. Claudicarán todos, incluso os vascos
e os cataláns e nós seremos arrastrados ao que veña despois.
Agora ben, dígoche que Prieto sofre o complexo
asturiano contra Galiza, que se oporá a calquera reivindicación galega,
que non consentirá que a nosa Terra sexa unha potencia económica,
paralizará todas as obras que se están a facer no noso país e, en fin,
que teriamos que loitar contra o réxime que se instaure por contubernio,
como agora loitamos contra Franco. E pensando en moitas cousas máis que
afectan o porvir de Galiza, síntome entristecido cando imaxino que os
mesmos republicanos poden contribuír á morte e inutilidade da guerra
civil. O meu ideal segue sendo este: República e Galiza, ao mesmo tempo,
porque unha República, que non resolva os problemas vitais de Galiza,
non será res-pública. Mais... a realidade avanza sobre dúas ideas e
forza será que nos axustemos a elas. E se a Monarquía se restabelece ou
se a situación que substitúa Franco non dera cumprimento ao dereito ben
gañado de Galiza, eu acusarei unicamente os republicanos e acusareinos
cos últimos alentos que me quedan de vida. Estou a referirme, claro
está, aos republicanos exiliados, cuxa política foi desatenta e non á
xente e ás organizacións clandestinas do Interior, pois ben me dou conta
do moito que levan sufrido e estimo xusto que só pensen en derrubar
Franco. Comprendo perfectamente que unha coalición extensa, de todos os
sectores políticos e sociais, desde un extremo ao outro, sería a mellor
solución de todas cantas se propoñen no exterior. Esa solución, dada na
propia Hespaña e á marxe dos maquiavelismo de Prieto e os comunistas,
alcanzaría, quizais, o apoio das grandes potencias. Mais... esta
digresión resulta excesiva e non aporta ningunha luz nova. Perdóame
pois.
Falemos agora da representación galega no Goberno,
empezando por subliñar a inhibición de Galeuzca durante a pasada crise.
Cando Aguirre saíu para México en persecución da unión republicana,
telegrafei extensamente ao Delegado vasco en Bos Aires dicíndolle:
"COMUNICADE CASTELAO NOTICIAS ESTIMANDO CONVENIENTE SÚA PRESENZA MÉXICO
MANTENDO TODO CASO CONSULTA MUTUA CONSTANTE". Como era materialmente
imposíbel ir a México coa présa que o caso exixía, mandeille o seguinte
parte: "RÓGOCHE REPRESENTES CONSELLO GALICIA TRAMITACIÓN CRISE ACADANDO
POSTO GALIZA IGUAL SE FIXO PRIMEIRO GOBERNO PROVISIONAL REPÚBLICA MÁXIME
AGORA TENDO ESTATUTO PLEBISCITADO E PRESENTADO CORTES STOP PERSOA PARA
CARGO DESIGNARIÁMOLA OPORTUNAMENTE STOP AGRADECEREI INFORMES". No
recibimos informe ningún, coñecendo pola prensa que os vascos e os
cataláns entraban no Goberno. A todo isto, os grupos galegos de América
empezaron a sentirse feridos e defraudados... Formado xa o Goberno e por
un requirimento dos vascos de Bos Aires, recibiuse un telegrama de
Jáuregui nestes termos: "GIRAL ACEPTOU HOXE REQUIRIMENTO VASCO CATALÁN
NOMEAMENTO MINISTRO GALEGO STOP DESIGNACIÓN CRE DEBE APRAZARSE DESPOIS
SESIÓN CORTES POIS COMUNISTAS PEDIRON PARTICIPACIÓN GOBERNO ESPERÁNDOSE
RESOLVER ESTE ASUNTO DESPOIS CORTES". Non tardou en chegarnos un parte
de López Durá que dicía: "VASCOS INDICÁRONME XESTIONARÍAN INCLUSIÓN
MINISTRO GALEGO SE O ACEPTADES DADE NOME RECORDANDO PORTELA". Como este
telegrama difería do que Jáuregui aseguraba, mereceu de nós a seguinte
resposta: "SORPRENDIDOS QUE AMIGOS ACEPTASEN POSTOS SEN ANTES
CONSULTARNOS ANTE INXUSTA EXCLUSIÓN GALICIA STOP SUFRIDO AGRAVIO
RESULTARÍA INDIGNO AUTORIZAR XESTIÓNS INDICADAS STOP COMUNÍCALLO ASÍ
REAFIRMANDO SOLIDARIEDADE GALEUZCA"
Decidimos acudir a México e demostrar a nosa fe
republicana, libre de ambicións egoístas. As entidades galegas de Bos
Aires, Montevideo, Cuba, Chile, Venezuela e Nova York, espontaneamente,
enviaron telegramas ao Goberno -algúns non de todo correctos- nos que
reclamaban un posto para Galiza, cuxas entidades sumaban máis de 200.000
emigrados. Decidimos non facer cuestión de posto ministerial para non
queimarnos, pero si defender o dereito de Galiza ao recoñecemento do
Estatuto Autonómico. Os vascos, con Irujo á cabeza, ofreceron e
prestáronnos a súa axuda eficaz. Ao mesmo tempo pedíronnos unha
declaración terminante da nosa actitude relativa a varios puntos que nós
demos por escrito. Isto é o que lle dixemos sobre o posto ministerial:
"Si se aprobase o Estatuto Galego polas Cortes, nós estamos dispostos a
designar Castelao Presidente do Consello de Galiza, como Ministro da
República. Se só se consagra o noso dereito nunha declaración
ministerial e se forma a Comisión de Estatutos para dar un ditame
favorábel, nós designariamos un Ministro, que tal vez non fose o señor
Castelao. Se non se aproba o Estatuto, nin se fai declaración
ministerial favorábel o dereito que ten Galiza a gozar dun réxime
autonómico, outorgaríanos a nosa consideración ao Goberno, aínda que
negariamos o noso voto parlamentar de confianza". Conste que os oito
deputados galegos que concorreron ás Cortes de México, só un era
disidente da nosa posición: Longueira (Teimosía centralista). Cando se
pecharon as Cortes conseguíramos o dereito a ter un representante no
Goberno posto que conseguimos o nomeamento da "Comisión do Estatuto
Galego" (esta designación privativa fíxose a requirimento de Prieto,
para evitar que os vascos levasen á unha Comisión de Estatutos o
problema de Navarra). O debate político inicieino eu e a terceira sesión
consumiuse no debate sobre a Comisión de estatutos no que fixemos rabiar
a Prieto de modo que ben puidésemos apuntarnos un grande éxito. O
comportamento dos vascos foi magnífico e o dos cataláns, simplemente
correcto. A véspera de saír eu para Nova York, falei con Irujo e
conviñemos o seguinte: Que el presentase no instante máis oportuno un
representante galego no Goberno e que o único nome que dese fose o meu
con obxecto de que a representación de Galiza recaese no Consello (Eu
pensaba consultarvos por medio de Prada). En Nova York falei con
Aguirre, quen aceptou o meu plan e entón escribín a Irujo para remachar
o acordo. De Irujo recibín unha carta datada en Londres na que me dicía:
"Giral non está para nomear un Ministro galego. O seu plano é ampliar el
Goberno en cuanto chegue a Francia, invitando a que formen parte do
mesmo os comunistas, á CNT disidente'', a Largo Caballero e a Portela,
pero a este non en concepto de galego, senón de ex-presidente do
Consello e Presidente do Partido Centrista". Aguirre escribiu unha carta
a Giral desde Nova York na que interesaba o ingreso dos comunistas, de
Negrín, de Largo Caballero e de Portela; pero neste interesante escrito
Aguirre non se lembrou de citarnos. Vendo eu que o Goberno ía a
reorganizarse coa entrada de todos os elementos republicanos, escribín a
Aguirre, a Pi y Suñer, a Irla e Tarradellas, expóndolle a necesidade dun
representante galego, e fíxeno en termos enérxicos e correctísimos,
dando a entender que só a representación dos tres pobos no Goberno
xustificaría a existencia de Galeuzca. Teño resposta de Aguirre na que
me di: "A inclusión galega no Goberno, calquera que sexa a súa
reorganización, é indispensábel". Na miña carta á "Pasionaria",
contestando á que ela me mandou, referinme á necesidade de contar cunha
representación galega, sabendo todo canto maquinaban os comunistas
(supoño que al terías ocasión de coñecer o meu escrito, pois mandeino
aos vascos e aos cataláns) A todo isto, eu estou carteándome con Portela
que se adheriu ao Consello e anda xogando con todos. Na última que
recibín dime o seguinte: "E logo seica vascos e cataláns esixían un
ministro para Galiza. Dixéronme que o pediron xa e que vostede me
designou a min; e que todos acabaron con auga bendita para botar fóra o
demo do meu nome". Quen lle dixo semellante cousa? Desde logo os vascos
non paran de falar de Portela e eu dixen aos vascos de Bos Aires o que
lles tiña que dicir.... pero tampouco podo aparecer como aspirante a un
cargo que maldita a graza que me fai. Por carta de Prada estaba en
coñecemento de que os cenetistas galegos se dirixiron a Leiva pedíndolle
que nos axudase a conquistar ese posto e designándome a min para
ocupalo. Isto encheume de gozo interior, porque ese premio aos meus
constantes desvelos por Galiza estimo no que vale. Pero non entra
ningunha ambición oculta e pobre de vaidade infantil. Estou, iso si,
disposto aos maiores sacrificios pola nosa Terra, o que ti me dis
cólmame de satisfacción ao ver que son o preferido polo pobo que tanto
quero. Agora ben; ten en conta os datos que che dou nos que descubrirás
contradicións alarmantes e desconfía da seguridade que teñas nas mans.
Porque de palabras estamos xa fartos e a política destes tempos está
chea de encrucilladas. A min non me importaría que Portela fose
Ministro, con tal de que se sometese a representarnos coa lealdade e
firmeza, cousa que sempre exerceu cando estaba nas alturas pois non se
lle pode negar capacidade e valentía. Pero as ordes que ti levaches a
París son tan sagradas para min que a túa proposta representa un mandato
imperativo ao que non teño máis remedio que obedecer. No caso de que as
túas xestións superen as que nós levamos feitas e que efectivamente,
acepten o meu nome, agardo que ti non sairás de París até tanto que eu
non chegue, para substituírme nas deliberacións do Consello, cousa que
ten precedentes. E aínda despois de chegar eu aí, me acompañes e me
axudes. En canto recibín a túa carta, reunín os deputados do Consello de
Galiza e reclamei a opinión de todos os irmáns que nos acompañan e todos
me incitaron a pór o telegrama que supoño recibirías. Acepto pois, o
destino que me buscades.
Cando vin os republicanos que compuñan o Goberno Giral
en México, gañas me deron de berrarlles: "Pero aínda estades aí?" Este
foi un impulso saído de aquel humorista que antes me animaba. Agora
penso que é preciso estar con todos, con tal de que sirva para algo.
Moito levo pensado desde que recibín a túa carta. E sabes o que penso
con máis insistencia? Penso que chegará un instante no que será preciso
que o Goberno en pleno tome un avión e se presente en Madrid, para que
nos maten, nos prendan, ou nos devolvan ao desterro. Iso valería por cen
guerrillas montañeiras. Iso levantaría un clamor de simpatía no mundo.
Iso talvez aforrase moito sangue...
Falemos un pouco de Galeuzca. Por certo que hoxe é o
día no que estou esperando un informe sobre este tema que me anunciaron
do Interior, e que non recibín. En maio de 1941 reorganizouse Galeuzca
en Bos Aires, cun pacto das tres partes aquí representadas e cuxos
primeiros asinantes forros: Aldasoro, Serra Moret e Eu. Esta é unha
das súas cláusulas: "Galeuzca estabelece que ningunha das tres nacións
oprimidas debe adoptar por separado un réxime de autonomía outorgada
polo Estado Español, pois só un cambio total e racional da estrutura
política de España lles permitirá conquistar os nosos pobos, as
garantías da propia liberdade. Se as circunstancias aconsellan aceptar
unha autonomía, esta debe ser igual e simultánea para as nacións
integrantes do Estado Español". Aguirre e Pi Suñer non opuxeron reparo
ningún a esta cláusula, cando coñeceron o pacto, que tacitamente
aprobaron. Galeuzca de Bos Aires segue traballando eficazmente e de aquí
saíron documentos que algún día poderedes examinar como probas da nosa
actividade. Aguirre encomendounos o relatorio dun pacto que deberían
asinar os tres "presidentes". Non só confeccionamos o pacto senón o
programa, o modus operandi, a organización autónoma, provisional e
normal dos tres países, as condicións de unión cos demais republicanos,
etc., etc. (hoxe sostemos unha revista mensual que está chamando a
atención dos intelectuais americanos). Chegamos a un acordo que se
escribiu. Para asinar ese pacto foi necesario que nós creásemos o
Consello de Galiza a toda presa, sabendo que sería recoñecido polo
Goberno Vasco e o Catalán (Aguirre foi consultado por min antes de
constituílo e mereceu o seu prace). Era o único xeito de incorporar
Galiza ao movemento que naquel intre se iniciaba con impulso renovador.
Pero despois de constituir o Consello e ter todo convido, resulta que o
pacto está sen asinar e Galeuzca caeu nun in pace inexplicábel e
inexplicado". Verdade é que naquel entón, se liberou Francia e xurdiu a
personalidade legal de Irla, que eclipsou a figura xeralmente aceptada
de Pi y Suñer. Segue en pé Galeuzca de Bos Aires e morreu a "Comunidad
Ibérica" (revista "Iberia" de París de Domingos Santos), de Londres, na
que nós non estabamos representados. Sucederon moitas cousas que non
vale a pena mencionar. Pero o vocábulo Galeuzca ten categoría,
resonancia e creto. Vexamos o que eu penso e que por vez primeira
declaro. Polo que me dis da entrevista con Alianza Democrática, onde non
houbo unha voz única de antemán concertada polos tres grupos, e polo que
repetidamente se ven sucedendo no Interior vexo que Galeuzca parece un
mal que se vai facendo crónico. Diríase que ningún quere comprometer o
seu egoísmo nacional cos afíns, pero, ao mesmo tempo, non se repara en
comerciar politicamente cos desafíns. Non hai dúbida de que os vascos e
cataláns conquistaron os seus Estatutos e dispoñen de Gobernos autónomos
extraterritoriais, pero nós gañamos o dereito de ser equiparados a eles
en canto se restabeleza un réxime de xustiza republicana en Hespaña.
Mais, por un criterio de inercia leguleia -non moral nin lóxica- nós
ocupamos un terceiro lugar incluso para os que estiman a conveniencia da
nosa ascensión. Cando dicimos que Galiza debe ser autónoma, no mesmo
instante en que sexan restabelecidos os Gobernos de Cataluña e Euskadi,
percibimos a reserva mental dos nosos aliados, non porque desaproben a
xusta reclamación dos galegos, senón porque non se atreven a cargar con
tamaño compromiso. En momentos de optimismo republicano xorden
atrevementos verbais, nos que a xenerosidade vasca e catalán só
aceptarían unha Confederación; pero cando a realidade se fai presente,
coas súas incomprensións e inxustizas, entón aférrense aos seus
"dereitos adquiridos", antes de que ninguén llelo discuta. E coa mellor
fe do mundo nos ofrecen a súa protección e axuda que nos obriga a estar
agradecidos. Saben que soamente sobre tres puntos se pode soster un
plano e non ignoran que no triunfo de Galiza reside o fortalecemento do
seu "dereito adquirido". Mais deben saber igualmente que o dereito ben gañado de Galiza ten inimigos considerábeis
-Prieto por exemplo- e entón
exaxeran ese perigo para eludir o pacto comprometedor. Todo isto é
natural, pero equivocado, porque o egoísmo nacional debe pórse en
obxectivos máis fondos. A solidariedade entre vascos, cataláns e galegos
é perfecta como desexo afectivo e delirante pero a conduta política non
sempre responde aos afectos. Cando perseguimos horizontes a longo prazo
a unión é admirábel, pero no demais, eles teñen antecedentes
gobernamentais e nós non; e se estabelece no camiñar unha diferenza que
a min me ven doendo no afecto que lles teño. Dóeme que non vexan como
nós podiamos xogar cos demais españois, facéndonos "simpáticos" ou menos "separatistas" que os vascos e cataláns; dóeme que non vexan como nos
arriscamos no noso prestixio de Partido, diante dos demais galegos,
simplemente autonomistas, uníndonos ao arredismo vasco-catalán; dóeme
que non vexan o porvir inmediato de Galiza en calquera Hespaña que
sobreveña á caída de Franco; dóeme, en fin, que non se decaten dunha vez
para sempre como Galiza é a chave da súa propia liberdade. A min dóeme
sobre todo que nós sexamos protexidos. E a min dóeme de ánimo porque en
ningunha hora da miña vida puxen tanta fe e tanta esperanza nos homes da
política como puxen en Aguirre a quen estimo de verdade. Pero Galeuzca
non funciona e a nós convennos que funcione, aínda que non fose máis que
para demostrar a nosa lealdade.
Cando ti me falas da coalición ideal que se debese formar e citas a
conveniencia dun sector católico, eu vexo que xa temos os vascos. Os
vascos gozan de grande prestixio no exterior por ser católicos e
conservadores no mellor sentido da palabra. Ocorre que Aguirre, poño
como exemplo máximo de vasquismo, pode entrar no Vaticano, pero non
en Toledo e os toledanos excomungarían os católicos que se unisen cos
"roxos". De todos os xeitos, sempre crin que un Goberno republicano no
exterior, formado para merecer a consideración das grandes potencias,
debería ter Aguirre como Presidente ou, polo menos, como Ministro de
Estado.
Penso tamén que a metade do Goberno debería estar integrada por homes
novos, como Leiva -que tanta curiosidade simpática espertou-, nomeado
polas organizacións clandestinas. E non hai dúbida que á menor oposición
que se presente a meu nome por parte dos xerifaltes, debes ser ti o
ministro. Iso a min encheríame de gozo.
Dálle un abrazo a Leiva e dille que sentín moito non estar en México
cando chegou mais aínda cando lin unhas declaracións súas nas que citou
Galeuzca e Galiza.
Nunca deixei de considerar a necesidade de ter algún elemento da nosa
confianza en Inglaterra e Francia porque en ambos países era
indispensábel unha representación de auténtico galeguismo; pero en
América era urxente e vital para o noso porvir. Desde que se liberou
Francia, veño constantemente pensando en ir alá, mais iso era e segue
sendo case imposíbel, espero que non o sexa dentro de pouco tempo.
Direiche ademais, que o deputado vasco Lasarte leva tres meses agardando polo visado francés e aínda non llo deron. Con Aguirre
convimos en ir cando el fose, que será, segundo os seus cálculos para o
mes de abril (volverá para marcharse definitivamente). No caso de ser eu
ministro, a cousa variaría totalmente e xa non quero referirme ás
dificultades económicas que tal viaxe supón, a maneira de atopar praza
nos barcos ou avións, etc., etc. O arranxar papeis é xa un problema
insuperábel, pois as autoridades democráticas seguen esixindo pasaportes
aos refuxiados hispanos; tanto é así que de non contar coa cortesía do
Goberno mexicano, non tiveramos podido acudir á reunión das Cortes, pero
perde coidado, porque eu estou en ir aí e irei. Quero, porén, sacarche a
espiña que tes cravada por non estar eu en París. Moito levo sufrido por
non poder dividirme e estar en varios sitios ao mesmo tempo. Galiza, no
exterior, nunca podería ter unha representación tan nutrida como teñen
os vascos e os cataláns. De Cataluña e Euskadi saíu quen quixo e saíron
os homes principais, pero Galiza quedou cercada desde os primeiros días
da subversión con fronteira portuguesa en garda inimiga. E os centos de
galegos que saíron na riada de fuxitivos españois eran xente que en
xeral residía fóra de Galiza. Comprendo que nos recrimines desde aí ou
desde a propia España por non estaren no centro activo, pero é activo
agora e non antes. Por outra parte falta considerar se non sería mellor
escoller como centro Inglaterra, sendo posíbel. Quero que te decates do
que levamos feito en América e de que o noso labor quedará e que é máis
fundamental para o noso porvir que un éxito político transitorio que,
por outra parte, non descoidamos. Tan pronto como foi posíbel púxenme en
comunicación con Portela e Martínez Risco a ver si eles suplían a nosa
ausencia e asumían a representación de Galiza en Galeuzca. Falloume o bo
propósito, máis porque son inútiles do que por seren contrarios. Hai
galegos en todas partes, pero a emigración galega concéntrase nas
principais cidades do litoral atlántico de América: Bos Aires,
Montevideo, Bahía, Río de Xaneiro, A Habana e Nova York. Pois ben; só no
Prata hai máis de 300.000 galegos, que sería se aquí non se fixara a
regaleguización de tan potentes núcleos, deixándoos abandonados ao
caruncho comunista ou simplemente republicano? Que sería do éxito
político que se conquistase coa nosa presenza en Francia -caso de que vencéramos- se todas as entidades galegas de América, estivesen
acarunchadas e alzasen a súa protesta contra o Estatuto e o galeguismo?
Eu recorrín todas esas cidades e sementei as nosas ideas; volvín a
recorrelas nesta viaxe a México e sei que todos os galegos de América
están connosco e a salvo doutras influencias. A miña pequena ou grande
personalidade, fíxena en sete anos de constante propaganda e dedicación
exemplar. Contamos hoxe con emigrados e mañá pesarán sobre o noso país
como ben sabes que pesaron sempre. Ese labor está feito
e agora faremos aí a outro. A túa presenza en París garante
o éxito que buscabamos, porque ao que ti fagas, sumarase a achega da
nosa forza en América, ben coñecida polos políticos republicanos.
Estou canso de escribir, non podo máis. Moito me amola que ti tamén
estes magoado da vista. Eu estou perdido, non vexo o que escribo, pero
aprendín a escribir polo tacto e nunca serei inútil, aínda que perda de
todo a vista. Alonso Ríos e Villaverde están contentísimos de saber
que ti estás aí, pórtanse marabillosamente ben. Picallo anda pola costa
do Pacífico en propaganda, ternos xente magnífica. Ah, esquecíame
dicirche que non deixes de dicirnos se te atopas nalgún apuro económico,
pois nós poderiamos enviarte algunha cantidade. Vou publicar un grande
libro de estampas que comprenderá o álbum "Nós" cos debuxos da guerra.
Estou terminando o libro de "Cruces de pedra na Galiza", que se editará
de seguida. Traballo incesantemente, desde as primeiras luces da mañá
até as últimas da tarde. Teño saúde e ánimo. Coñezo o mundo e os homes
do mundo, nada me dá medo. Recibe un abrazo moi forte que estou rabiando
por darte persoalmente.
Castelao
Prada tamén está en México.
P.D.- Vou escribir unhas cantas palabras. Coñeza as maquinacións
galaico-comunistas de Francia, busca sempre un galeguista neses barullos
e atoparao. Aí está Pí inspirando a Lister. Todo iso é irreal.
Portela non é Presidente do "Bloque Nazonal Galego" como din, pois teño
unha carta súa na que me di: "Quixeran facerme Presidente do 'Fronte
Liberador Galego' cando vostede veña si". Nin se decatou de que a
"Fronte" de antes, é agora "Bloque". Nin tiveron Asemblea nin houbo
nada. Portela, Casares e Martínez Risco deixaron facer... Tamén aquí andaron enredando canto puideron. En México formouse
"Alianza Nacional
Gallega", en Montevideo tres comunistas lograron dez sinaturas doutros
tantos galegos incautos e tamén formaron outra Alianza. A de México
deixou de existir, e cando eu estiven alí viñeron a min e acollinos con
moito agarimo, pero sen comprometerme a nada. Os de Montevideo nin
existen, nin existiron nunca. Pero o "Bloque" de Toulouse fala deses
mortos como si fosen vivos. Desde logo fan mal, moito mal; pero soamente
hai un modo de matalos. Non facerlles caso. A vida deles está en que
nós os combatamos. Eu non os combato nin contesto as súas cartas. Só
soporto as súas latas e falo con eles. Todo está en non asinar ningún
documento nin aceptar cargos en entidades formadas por eles, nin acusar
recibo de correspondencia que non estea ben autorizada, etc., etc. non
pórlles obstáculos e a dinamita arde como esca. Aquí non lograron
acarunchar ningunha entidade importante, pero eu non son inimigo seu....
Anda con moito coidado con Pla, pois se chegase a saber que estabas aí
é capaz de todo.
[En Terra e Tempo,
nº 134, xullo-setembro, 2005] |