CONCLUSIÓNS

 

    

1. Ramón Piñeiro adscríbese ao ideario do Partido Galeguista desde a súa fundación en 1931 e no seu nome actúa como secretario da Mocidade Galeguista de Lugo no comezo da guerra civil.
2. Rematada a guerra en 1939, participa na fase inicial de reorganización do Partido Galeguista na clandestinidade, que remata coa súa estadía na cadea entre os anos 1946 e 1949.
3. Mediada a década dos corenta, no entanto, ficaran claras xa as diferenzas políticas entre o chamado galeguismo do interior, en que Ramón Piñeiro xoga un papel principal, e o nacionalismo de alén-mar, na Arxentina fundamentalmente, sobre todo a partir de 1944, en que se constitúe en Montevideo o Consello de Galiza, presidido por Castelao.
4. Nacionalismo e galeguismo eran, no período anterior á guerra civil, sinónimos. Na década dos corenta, comeza a separación semántica: os do interior desmárcanse radicalmente do nacionalismo, rompen a ecuación orixinal,
e reducen ou concentran o galeguismo no labor cultural ou, por mellor dicir, editorial. Por todo isto, Ramón Piñeiro, á espera dos tempos da restauración democrática, acreditou na necesidade de nuclear un grupo humano de elite supracultural, preparado e cohesionado intelectualmente.
5. Malia recoñeceren sempre os exiliados o esforzo inxente editorial galaxiano, discordaban da anulación do pensamento político labrado nos anos vinte e trinta, co que se tronzaba a natural transmisión dun lexítimo legado intelectual para a mocidade galega.
6. A recuperación bibliográfico-editorial galega e en galego ten un valor indubitábel, porque restaura un elo interrompido na cadea. O tratamento da lingua como elemento cultural, superestrutural, e, por aquí, absorbíbel por organizacións políticas españolas actuantes na Galiza revelouse ineficaz, mesmamente por contradición entre posicións sobre a economía, a historia e os dereitos xurídico-políticos, por unha banda, e uso social e público da lingua, por outra.
7. Todo labor cultural precisa dunha apoiatura axial que, no caso de Ramón Piñeiro, fica vertebrada ao redor da lingua galega. O seu recoñecemento como lingua propia patrimonio da sociedade, a promoción do seu estudo diacrónico, o recoñecemento e a divulgación do sistema literario de noso desde a Idade Media, a definición de literatura galega como aquela escrita en lingua galega, a diagnose argumentativa do desprestixio social que freaba o seu uso social e o apoio de medidas nucleares para a recuperación dun estatus de normalidade como a aprobación da Lei de normalización lingüística en 1883 ou a asunción do galego para si propio como lingua de expresión culta na transmisión do pensamento, son proba da súa fidelidade lingüística.
8. A denominada filosofía da saudade, non exenta de certa nebulosidade comprensiva, é fiel correlato da liquidación política que se predica do nacionalismo galego, e, en consecuencia, da entrega do caudal político do galeguismo a forzas estatais.
9. Coa chegada da etapa democrática e autonómica, Ramón Piñeiro actuou como un elemento funcional para as organizacións políticas estatais so argumento de inocular doses de galeguismo nelas, o que explica a súa incorporación como independente no PSOE na candidatura presentada por este partido ás eleccións en 1981.
10. O reverso estratéxico agochaba, consecuentemente, a xustificación da disolución definitiva do Partido Galeguista, é dicir, a anulación de calquera posibilidade de dar continuación ao nacionalismo galego de preguerra que promovían as forzas políticas propias nadas no país.

 

 

[En Ramón Piñeiro. A expresión cultural dunha estratexia política, Edicións Laiovento, 2009]



© 2009 Biblioteca Virtual Galega