"O MENOSPREZO SOCIAL DA LINGUA"                                                                                               

 

       
     O menosprezo da lingua galega era cousa adoitada na nosa burguesía urbana. Tíñase por lingua "rústica", "ordinaria", "plebea", e aos seus falantes por "ignorantes", "atrasados", "vulgares". Esta actitude despectiva campou durante moito tempo e aínda hoxe conserva vixencia inanque xa á defensiva. Coa soberbia que lle daba o seu poderío social, ademais de autoalimentar a súa runfadela menosprezadora chegou a exercer tal brutal presión sobre a mentalidade colectiva que os propios galego-falantes tragárona por verdadeira. Chegaron a ter por certo que o falar en galego era o signo indiscutible do seu atraso, da súa inferioridade, sen caeren na conta -nin podía pedírselles tal cousa- de que a súa inferioridade radicaba no nivel de vida e non no idioma falado. Non se decataban de que a superioridade dos desprezadores era económico-social, mais non idiomática. No terreo económico-social dábase esa relación superioridade/inferioridade, mentres que no terreo ideomático só ocorría que falaban linguas diferentes. Coa importante particularidade de que a inmensa maioría era a que falaba galego e só a minoría era socialmente poderosa e impuña rudamente as súas pautas.
     Situación tan aberrante tiña por forza que provocar contestación, a menos que o pobo galego perdera por completo a conciencia da súa personalidade. E foron os poetas os primeiros en demostrar que non a perdera ao recolleren na camada popular a lingua desprezada e convertérena, ao traveso dunha poesía de gran calidade, en instrumento denunciador das mágoas da maioría.

     Mais esa resposta non era dada pola maioría abafada fronte á minoría abafante, senón que era dada pola minoría intelectual identificada coa Galicia popular. Durante moito tempo, a conciencia colectiva desa Galicia popular non tivo máis voz que a dos intelectuais nin máis medios de acción que a cultura. Fronte ao menosprezo social, simbolizado no desprezo á lingua, tan agresivamente practicado pola burguesía urbana, os intelectuais opuñan o cultivo da lingua nos usos da cultura e a denuncia das inxustizas de que era vítima indefensa a Galicia popular. Houbo unha longa batalla encol da lingua galega -ou sexa, encol da dignidade social dos seus falantes-, na que se enfrontaban, dunha banda, a poderosa forza social desprezadora e, da outra, o prestixio cultural dos intelectuais fieis ao pobo.

     Polo carácter cultural da batalla que os intelectuais presentaron, os seu efectos notaríanse na propia forza opoñente antnes que no mesmo pobo. Pouco a pouco, a progresión cultural do galego, con triunfos tales como a penetración na Universidade, na Eirexa, en certos niveis do Ensino, etc., etc., foron virando a mentalidade da poboación urbana e abrindo brecha na súa hostilidade despectiva, moi especialmente nas xeracións mozas. E coa apertura á lingua, ou coa súa aceptación plen, xorde neles unha nova óptica da realidade galega e, a partir dela, unha nova sensibilidade máis solidaria. Na mesma medida en que se acepta a lingua, en que se "galeguiza", a nosa poboación urbana vaise interesando polo destino solidario de Galicia. O vello panorama dunha Galicia fendida entre unha minoría alienada e desprezadora e unha maioría submisa a ese desprezo, vai dando paso a unha Galicia nova na que os fillos daquela minoría comezan a se sentir solidarios da Galicia popular. Como fixeran os intelectuais.

     Este camiño da solidariedade, da conciencia común, cuia expresión é a lingua, é o único que pode movilizar intrinsecamente as enerxías creadoras de Galicia como pobo. O único que os pode poñer en condición de loita eficaz contra o noso atraso. A lingua é a bandeira da nosa solidariedade moral, e a solidariedade é a base imprescindible do noso progreso, do noso desenvolvemento, do noso desenvolvemento material e espiritual.

 

                                                                                           1972                      

    

      

[En Olladas no futuro]



© 2009 Biblioteca Virtual Galega