Letras Galegas 2009 Volver atrás |
"UNHA NOVA REVOLUCIÓN NA NOSA LINGUA"
Ora, o pobo -daquela entendíase por pobo a camada social traballadora, a que carecía de privilexios-, en Galicia era predominantemente campesiño. Mesmo os artesáns e obreiros das cidades e vilas eran, na súa maioría, procedentes e entroncados co campo, tiñan un substrato mental campesiño. De aí que o galego, como lingua coloquial do pobo traballador, fora esencialmente unha lingua campesiña. Unha lingua apta, extraordinariamente apta e marabillosamente rica en recursos, para expresar a vida campesiña en tódolos seus matices, desde as condicións e formas obxectivas do traballo, ou as variadas e cambiantes condicións climáticas, deica o intimismo afectivo que a soidade ante a Natureza favorece, ou a cautela psicolóxica que a indefensa debilidade social impón como necesidade, ou o sutil humor con que espírito se libera da opresión da realidade. Esa lingua oral popular, intensamente cultivada na expresión vivencial do mundo campesiño, no século XIX experimentou unha revolución. A súa tradición alterouse, pois ademais de seguir sendo a mesma lingua oral popular de semántica campesiña comezou a ser lingua escrita, converteuse en lingua literaria. Pouco a pouco, mais en grao crecente, foise convertendo en lingua sometida a tódalas experiencias da expresión cultural escrita. Conservou, iso si, a súa plena substancia de lingua campesiña. Este panorama do galego está a experimentar unha transformación radical. A emigración masiva no noso campo e a simultánea invasión masiva nel dos medios de comunicación social en castelán -xornais, radio, televisión-, producen unha fonda depresión na vitalidade "campesiña" do galego. O seu fabuloso xenio expresivo orixinal, vai cedendo terreo á deturpación e ao empobrecemento. Os axentes erosivos medran en eficacia. Mais velaquí que, ao mesmo tempo que este proceso se afirma e se estende no campo, a lingua comezou a conquista da cidade. Hoxe en día a poboación urbana está a se interesar pola lingua, a percibir a súa forza espiritual colectiva. Iníciase unha tendencia á reivindicación da lingua como expresión da personalidade cultural propia.
O centro
fundamental da vitalidade da lingua galega está pasando do campo á
cidade. Trátase da meirande revolución da súa historia. De que este
proceso siga, se afirme e triunfe depende o futuro da nosa lingua. No
campo está o seu pasado. Na cidade, o seu futuro. Nese futuro, o galego
perderá gran parte dos seu caudal expresivo axeitado ás necesidades da
mentalidade urbana, industrial, técnica, moderna, etc., etc.
Experimentará unha fonda transformación. Cómpre aceptala e favorecela.
1970
[En Olladas no futuro] |
Letras Galegas 2009 Volver atrás |
© 2009 Biblioteca Virtual Galega |