![]() ![]() |
Residimos tanto na lingua como na terra... María Pilar García Negro
As leitoras e os leitores desta publicación repararán en que nos
lembramos nas páxinas deste amplo número de senllos aniversarios de dous
escritores imprescindíbeis da nosa literatura contemporánea. Recordamos,
con efeito, o cincuenta aniversario do falecemento de Ramón Cabanillas,
que finou en 1959, e mais o trixésimo da morte de Eduardo Blanco Amor,
así como o cincuentenario da publicación da grande novela A esmorga,
tamén de 1959. Francisco Fernández Rei e Manuel Rei Romeu ilústrannos
sobre o primeiro, así como Francisco Rodríguez e Diego Pardo Amado o fan
sobre o segundo. Mais unha outra personalidade fundamental da nosa literatura e historia contemporánea reclama a nosa atención. Para alén de ter sido escollido pola Real Academia Galega figura epónima do Día das Letras Galegas de 2010, en Terra e Tempo pensabamos lembrar o décimo aniversario do seu falecemento, que ocorreu en Outubro de 2009, e aínda os oitenta anos do seu nacemento, no 19 de Xaneiro de 1930. Para esta recordación contamos coa excelente síntese biobibliográfica de Xosé Lois García e coa colaboración impagábel de Elba Rei, viúva de Uxío e súa compañeira leal, que nos permitiu utilizar textos inéditos de Novoneyra dun grandísimo valor. Son, en nome técnico, paratextos, isto é, discursos na súa calidade de Presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, intervencións en actos cívico-patrióticos, definicións do papel do escritor... E, sempre, absolutamente sempre, a lingua, como eixo irrenunciábel. Nestes tempos de ataques inmisericordes contra ela, contra a lingua de noso, botamos en falta a súa voz firme, clara e insubornábel, que non dubidaría en definir como merecen gobernantes que se avergoñan do que lles dá sentido e lles dá de comer e perpetran atentados destrutores contra o maior signo identificador de que dispomos como pobo. Alimentámonos, porén, coa súa herdanza escrita, de que desfrutamos hoxe grazas á xenerosidade e entrega patriótica de Elba e de seus fillos Branca, Uxío e Arturo. Obrigados, desde esta publicación, a todos eles!
[En Terra e Tempo, 149-153, 2009] |
![]() ![]() |
© 2010 Biblioteca Virtual Galega |