vb2xerardovidalrivas.html
Lugo, 1979.
Púxenme Vidal porque así era como me chamaban no colexio, xa en terceiro de EXB,
os outros nenos, polo apelido e non polo nome. Non o facían con ningún outro.
Palabra.
Non podo escribir unha biografía de escritor aquí. Para empezar, non exercín os
máis diversos oficios. Non, eu intentei exercelos: mozo de almacén,
administrativo, peón de colocación de publicidade estática, comercial,
traballador de atención ó cliente e outros que non lembro, desde os dezanove ata
hoxe. Se buscades experiencias vitais fortes, deixádevos de novelas. Só vos digo
unha cousa: probade a sobrevivir en Lugo sen contactos e sen experiencia
laboral.
E logo, algo moi importante: eu non podo poñer aquí unha biografía de escritor
porque eu non adoro a literatura. Non son desa xente que cando lle mentan esa
palabra falan de conceptos extraterrenais e praceres orgásmicos (esa é a
impresión: parece que falan da literatura e derraman fluido). Con esas actitudes
achéganse moito á relixiosidade que tanto critican. Non, eu non vou por ese
camiño.
Porque, iso é o que quero dicir: sei -un pouco, polo menos- cánto doe.
|