vb1antongrande.html
Antón Grande Penela (Antón
Grande), naceu en Lugo o 8 de xullo de 1953. Durante os seus anos
de estudante de bacherelato en Lugo comeza a publicar as
primeiras narracións na "Táboa Redonda", as páxinas
literarias de El Progreso que dirixía Ánxel
Fole, a cuia
tertulia acudía con certa frecuencia. Tamén participaba, por
veces, da tertulia que mantiña Celestino Fernández de la
Vega.
Durante esta época fai tamén
crítica literaria na Hoja del Lunes de Lugo e forma
parte do taller de teatro "La Araña". En Radio Lugo, e
na compaña do escritor Xesús Valcárcel, fai durante cinco anos
o programa cultural "Fogar de Breogán", o segundo
programa en galego feito na radio lucense dende a dictadura
franquista.
No seu período de estudante de
Filoloxía en Santiago, mantén unha grande relación cos
compoñentes do grupo poético "Cravo Fondo", con
moitos dos cuais mantiña e sigue mantendo unha fonda amistade.
Como xornalista leva traballando
dende o ano 1979, desempeñando os cargos de xefe de informativos
de Radio Lugo-Cadena Ser, redactor de El Progreso, onde foi logo
responsable das seccións de monográficos e de cultura. Na
actualidade é redactor xefe de Localia-Telelugo.
Ademáis de en libros, ten
publicada obra narrativa en revistas como Coordenadas, Atlántico
Express, Luzes de Galicia, Cuadernos del Norte, Grial,
Capela,
etc.
No ano 1989 obtivo o Premio Galicia
de Xornalismo por unha serie de artigos de investigación,
publicados en El Progreso de Lugo, sobre a loita e a vida dos
maquis en Galicia.
Foi o gañador do primeiro premio
de narrativa "Álvaro Paradela", do Ferrol, co conto
tiduado "O reloxo", e ten tamén sendos premios de
narrativa e poesía en "Meigas e Trasgos", de Sarria,
así como o segundo premio "Pedrón de Ouro" de guións
radiofónicos.
|