Antón Santamarina Delgado
Antón Santamarina
Delgado: nacido en Melilla o 16 de novembro de 1928. Fillo de militar, sarxento
de artillaría. Por cambio de destino, tendo eu ano e medio pasamos a vivir a
Axdir, no Rif. De aí o seudónimo arábigo-galaico de Alí ben Omar. En
1933 viñemos para Coruña. Os nenos cos que enredaba dicíanme
"morito" ao non entenderen algunha expresión que eu traía dos meus
xogos en chelha cos cativos da miña primeira infancia marroquí.
En 1936, o meu pai vai preso durante catro anos longos
por non se ter pregado á rebelión militar. Para aforrar na miña casa unha
boca a manter, fun vivir cos meus avós paternos a Guitiriz. Este traslado
plúxome en contacto permanente co idioma da Galiza e con todo o positivo que
iso representou ao longo do meu vivir. Cando meu pai sae da prisión regreso a
Coruña. Inicio o bacharelato en 1940 e finalízoo en 1947. En 1948, polo
"Plan de Bachilleres" titúlome mestre de primeiro ensino. Non
exercín como tal porque resultaba máis rentábel dar clases de axuda a
domicilio a estudantes de secundario.
Causas alleas á nosa vontade obrigáronnos a emigrar:
a atadura do meu pai á "lei de responsabilidades políticas",
extensível a todo o núcleo familiar, daba pe a que me negaran o dereito a
facer un servizo militar máis cómodo na milicia universitaria porque el que
no es adicto al régimen no es español. Ou, ante a tentativa de recurso da
sentencia de meu pai, emigrado na Arxentina dende 1951 miña irmá máis
vella iniciara o éxodo familiar no '48, escoitar caladiño que si no
hubiera sido traidor a la patria no hubiera tenido que huir. Este abuso de
poder nutriu a miña determinación de continuar o camiño iniciado pola
familia. Miña noiva, Arxentina de nome, concordaba coa miña decisión.
Embarquei o martes trece de Xuño de 1953, en Vigo, e o venres 30, estaba en
Buenos Aires. O resto da familia consumou o camiño cara á liberdade: nai e
irmá máis nova, 1954; esposa, o 24 de agosto de 1955. Meu pai, coa
recuperación da democracia viu, desde a emigrazón/desterro, validos os seus
dereitos e méritos militares co ascenso a comandante.
N'A Coruña dera inicio, ao que ía ser o destino
elixido por min cara a Galiza. A revista ADEMAR publicou os meus primeiros tres
artigos: Castellano y gallego oriundos del latín, Galicia en la
Independencia, Cachamuíña, adiantadores, dentro do "lícito"
naquela etapa, do cerne da miña tendenica.
En Buenos Aires parei nunha pensión coñecida na
colectividade como A casa da troia por sermos a maioría coruñeses. Alí
naceu o coro Brétemas e Raiolas, remedo do homónimo d'A Coruña, do cal
fun o primeiro presidente; tamén primeiro presidente cofundador de Mocedades
galeguistas que, segundo "Espiral", nº 10, maio-xuño de 1984,
"as M. G. (Moreda, Neira Vilas, Santamarina [eu engado Calros Abaira])
radicalízanse tendo como centro a Castelao"; presidente, en tres
exercicios continuos, do Centro provincial coruñés; presidente en dous
períodos societarios do Ateneo Curros Enríquez, da Federación de
Sociedades Galegas, á vez que profesor de galego, nesta entidade nai, nos
cursos 1978, 1979; vocal da comisión directiva de Amigos do Idioma,
secretario de relacións intersocietarias na Juventud democrática ibérica
e articulista do seu voceiro Nueva generación española; membro de
A.G.U.E.A. creada polo chamado "grupo intelectual español" residente
en Bs. As.; secretario de relacións da Xunta coordinadora democrática
gaelga a prol da Pre-autonomía da Galiza e representante da mesma perante a
Junta coordinadora democrática establecida no Centro republicano
español a raíz da morte do tirano o 20 de novembro de 1978.
Corresponsal de EFE en Bs. As. para La Región
'internacional', edición América; colaborador en xornais e voceiros da
colectividade galega: Montevideu, Suplemento gallego de 'El diario español,
revista Finisterre do Centro Cruñés; Rio de Janeiro Boletín da Casa
de Galicia; Buenos Aires, Mundo Gallego, Correo de Galicia, Galicia,
portavoz da F. de S. G. no espazo propio 'O castro de Breogán', Lugo do
Centro Lucense, revista Orzán do Centro Coruñés, revista Brétemas
e Raiolas da que fun director, Adiante voceiro de M. G., Opinión
Gallega do Centro Ourensán, revista Galicia Emigrante na que
deixei de colaborar a causa dunha censura inconsulta no artigo Don Quijote,
El Ideal Gallego cruñés con 'noticias de Buenos Aires'; "La Voz de
Nueva Pompeya", voceiro da Sociedade de Fomento do barrio homónimo onde
residín 5 anos. Colaborador estável "en la evocación" de relatos
con enlace histórico entre feitos que teñan Galiza e Buenos Aires de
coprotagonistas, v. g. Prisciliano, sepultado en Compostela, mailo seu
abnegado defensor, san Martín de Tours, patrono da capital arxentina.
O labor cultural máis satisfactorio foi o dos sete
anos de profesor de galego ortografía histórica 1º e mais 2º
elementais baixo auspicio Centro Galego de Buenos Aires cunha afluencia
próxima a cen alumnos por curso quen, na súa totalidade, o día do meu retorno
á Terra axitaban bandeiriñas galegas de despedida no aeroporto de Ezeiza,
acompañados os acenos con berros de ¡profe, profe!.
Publiquei en Bs. As. "Para unha terra
apremida" calificado por Méndez Ferrín en "De Pondal a
Novoneyra" como un dos iniciadores da poesía socialrealista galega.
Dous novos poemarios teñen aprobada a súa edición polo I.A.C.G. do C.G. de
Bs. As. desde 1979, Galiza estrela, e 1981, Trisquele, este con
prólogo de Ramón Piñeiro. A falta de presuposto non permite que vexan a luz.
En 'Ediciós do Castro' publiquei O gatiño da 'miss' e outros contos.
Traducín ao crioulo arxentino, co título de 'Cristiano Muerto', "Nos
pagos de Huinca-Loo", de Xavier Alcalá. Agardando editorial están : Aporte
galega ao fenómeno gaucho e mais un poemario que confesa o meu pesimismo no
porvir da nosa Terra.
No Facho vin o retrato da Galiza Ideal.
En 1983 AGAL noméame 'membro de honra polo seu extraordinario labor en
Buenos Aires'. A asociación Xermolos actualizou o recordo daquel meu
Guitiriz coa oferta do seu boletín e coa honra de ser pregoeiro dos encontros
en 1988. Volvín colaborar no Ideal Gallego co inserto 'Sol e Lúa' do
suplemento "Cataventos". Como cofundador e secretario de
relacións dun efímero Centro Argentino, dei unha charla sobre El
tango, ese desconocido, con ilustracións musicais, a salón cheo. En 1998
convidoume o centro galego de Andorra á conmemoración do "Día das
Letras" onde lin un tema titulado Xograres medievais galaico-portugueses.
Estas charlas trouxéronme á memoria as moitas dadas por min en días de
celebramentos oficiais Letras, Mártires ou Aniversarios tanto en
Buenos Aires Centro Galego, de Betanzos, Coruñés, Ourensán,
Pontevedrés, Federación de Sociedades Galegas, Galego de La Plata...
como en Montevideu Unión de Sociedades Gallegas, Centro Coruñés e
Audición Radial "Sempre en Galiza", principal e repetidamente.
|