Ant�n Santamarina Delgado


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
Antón Santamarina Delgado

     Antón Santamarina Delgado: nacido en Melilla o 16 de novembro de 1928. Fillo de militar, sarxento de artillaría. Por cambio de destino, tendo eu ano e medio pasamos a vivir a Axdir, no Rif. De aí o seudónimo arábigo-galaico de Alí ben Omar. En 1933 viñemos para Coruña. Os nenos cos que enredaba dicíanme "morito" ao non entenderen algunha expresión que eu traía dos meus xogos en chelha cos cativos da miña primeira infancia marroquí.
     En 1936, o meu pai vai preso durante catro anos longos por non se ter pregado á rebelión militar. Para aforrar na miña casa unha boca a manter, fun vivir cos meus avós paternos a Guitiriz. Este traslado plúxome en contacto permanente co idioma da Galiza e con todo o positivo que iso representou ao longo do meu vivir. Cando meu pai sae da prisión regreso a Coruña. Inicio o bacharelato en 1940 e finalízoo en 1947. En 1948, polo "Plan de Bachilleres" titúlome mestre de primeiro ensino. Non exercín como tal porque resultaba máis rentábel dar clases de axuda a domicilio a estudantes de secundario.
     Causas alleas á nosa vontade obrigáronnos a emigrar: a atadura do meu pai á "lei de responsabilidades políticas", extensível a todo o núcleo familiar, daba pe a que me negaran o dereito a facer un servizo militar máis cómodo na milicia universitaria porque el que no es adicto al régimen no es español. Ou, ante a tentativa de recurso da sentencia de meu pai, emigrado na Arxentina dende 1951 —miña irmá máis vella iniciara o éxodo familiar no '48—, escoitar caladiño que si no hubiera sido traidor a la patria no hubiera tenido que huir. Este abuso de poder nutriu a miña determinación de continuar o camiño iniciado pola familia. Miña noiva, Arxentina de nome, concordaba coa miña decisión. Embarquei o martes trece de Xuño de 1953, en Vigo, e o venres 30, estaba en Buenos Aires. O resto da familia consumou o camiño cara á liberdade: nai e irmá máis nova, 1954; esposa, o 24 de agosto de 1955. Meu pai, coa recuperación da democracia viu, desde a emigrazón/desterro, validos os seus dereitos e méritos militares co ascenso a comandante.
     N'A Coruña dera inicio, ao que ía ser o destino elixido por min cara a Galiza. A revista ADEMAR publicou os meus primeiros tres artigos: Castellano y gallego oriundos del latín, Galicia en la Independencia, Cachamuíña, adiantadores, dentro do "lícito" naquela etapa, do cerne da miña tendenica.
     En Buenos Aires parei nunha pensión coñecida na colectividade como A casa da troia por sermos a maioría coruñeses. Alí naceu o coro Brétemas e Raiolas, remedo do homónimo d'A Coruña, do cal fun o primeiro presidente; tamén primeiro presidente cofundador de Mocedades galeguistas que, segundo "Espiral", nº 10, maio-xuño de 1984, "as M. G. (Moreda, Neira Vilas, Santamarina [eu engado Calros Abaira]) radicalízanse tendo como centro a Castelao"; presidente, en tres exercicios continuos, do Centro provincial coruñés; presidente en dous períodos societarios do Ateneo Curros Enríquez, da Federación de Sociedades Galegas, á vez que profesor de galego, nesta entidade nai, nos cursos 1978, 1979; vocal da comisión directiva de Amigos do Idioma, secretario de relacións intersocietarias na Juventud democrática ibérica e articulista do seu voceiro Nueva generación española; membro de A.G.U.E.A. creada polo chamado "grupo intelectual español" residente en Bs. As.; secretario de relacións da Xunta coordinadora democrática gaelga a prol da Pre-autonomía da Galiza e representante da mesma perante a Junta coordinadora democrática establecida no Centro republicano español a raíz da morte do tirano o 20 de novembro de 1978.
     Corresponsal de EFE en Bs. As. para La Región 'internacional', edición América; colaborador en xornais e voceiros da colectividade galega: Montevideu, Suplemento gallego de 'El diario español, revista Finisterre do Centro Cruñés; Rio de Janeiro Boletín da Casa de Galicia; Buenos Aires, Mundo Gallego, Correo de Galicia, Galicia, portavoz da F. de S. G. no espazo propio 'O castro de Breogán', Lugo do Centro Lucense, revista Orzán do Centro Coruñés, revista Brétemas e Raiolas da que fun director, Adiante voceiro de M. G., Opinión Gallega do Centro Ourensán, revista Galicia Emigrante —na que deixei de colaborar a causa dunha censura inconsulta no artigo Don Quijote—, El Ideal Gallego cruñés con 'noticias de Buenos Aires'; "La Voz de Nueva Pompeya", voceiro da Sociedade de Fomento do barrio homónimo onde residín 5 anos. Colaborador estável "en la evocación" de relatos con enlace histórico entre feitos que teñan Galiza e Buenos Aires de coprotagonistas, v. g. Prisciliano, sepultado en Compostela, mailo seu abnegado defensor, san Martín de Tours, patrono da capital arxentina.
     O labor cultural máis satisfactorio foi o dos sete anos de profesor de galego —ortografía histórica— 1º e mais 2º elementais baixo auspicio Centro Galego de Buenos Aires cunha afluencia próxima a cen alumnos por curso quen, na súa totalidade, o día do meu retorno á Terra axitaban bandeiriñas galegas de despedida no aeroporto de Ezeiza, acompañados os acenos con berros de ¡profe, profe!.
     Publiquei en Bs. As. "Para unha terra apremida" calificado por Méndez Ferrín en "De Pondal a Novoneyra" como un dos iniciadores da poesía socialrealista galega. Dous novos poemarios teñen aprobada a súa edición polo I.A.C.G. do C.G. de Bs. As. desde 1979, Galiza estrela, e 1981, Trisquele, este con prólogo de Ramón Piñeiro. A falta de presuposto non permite que vexan a luz. En 'Ediciós do Castro' publiquei O gatiño da 'miss' e outros contos. Traducín ao crioulo arxentino, co título de 'Cristiano Muerto', "Nos pagos de Huinca-Loo", de Xavier Alcalá. Agardando editorial están : Aporte galega ao fenómeno gaucho e mais un poemario que confesa o meu pesimismo no porvir da nosa Terra.
     No Facho vin o retrato da Galiza Ideal. En 1983 AGAL noméame 'membro de honra polo seu extraordinario labor en Buenos Aires'. A asociación Xermolos actualizou o recordo daquel meu Guitiriz coa oferta do seu boletín e coa honra de ser pregoeiro dos encontros en 1988. Volvín colaborar no Ideal Gallego co inserto 'Sol e Lúa' do suplemento "Cataventos". Como cofundador e secretario de relacións dun efímero Centro Argentino, dei unha charla sobre El tango, ese desconocido, con ilustracións musicais, a salón cheo. En 1998 convidoume o centro galego de Andorra á conmemoración do "Día das Letras" onde lin un tema titulado Xograres medievais galaico-portugueses. Estas charlas trouxéronme á memoria as moitas dadas por min en días de celebramentos oficiais —Letras, Mártires ou Aniversarios— tanto en Buenos Aires —Centro Galego, de Betanzos, Coruñés, Ourensán, Pontevedrés, Federación de Sociedades Galegas, Galego de La Plata...— como en Montevideu —Unión de Sociedades Gallegas, Centro Coruñés e Audición Radial "Sempre en Galiza", principal e repetidamente—.

[Novembro, 2004]

¿Quéreslle mandar unha mensaxe ao autor?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega