mb3antontovar.html
Antón Tovar Bobillo naceu na localidade ourensá da Pereira (Rairiz de Veiga) no ano 1921.
Iniciou en Santiago de Compostela os estudos de Filosofía e Letras, carreira que abandonou
para ingresar como novicio nos Xesuítas de Salamanca, onde ficaría pouco máis
dun ano.
En 1942 gañou a oposición a Contador do Estado, sendo
destinado primeiro a León e máis tarde a Ourense, cidade en que exerceu como funcionario do Ministerio da Facenda até 1967,
ano en que foi expulsado pola súa militancia clandestina no Partido Comunista. Nesa altura,
comezou a traballar na libraría Tanco,
onde estabeleceu relación con Vicente
Risco, Ferro Couselo e López Cid e tivo
acceso a libros prohibidos.
Na década de cincuenta iniciou a súa actividade
literaria en español coa publicación do poemario Barro de nadie (1955).
Despois de varios libros de poemas nesa lingua, en 1962 edita no noso idioma Arredores,
á que seguirían Non (1967), Poesía
galega completa (1974) que recolle os dous primeiros libros e o poemario
inédito "O vento no teu colo", Calados esconxuros (1980)
poemas
dedicados á reivindicación do idioma, Berros en voz baixa (1990), A
nada destemida (1991) e Cadáver adiado (2001) onde se concentra o
existencialismo pesimista presente ao longo de toda a súa produción.
Embora fose
fundamentalmente poeta, publicou relatos curtos entre
outros, os incluídos no volume A grande ilusión (1989), diarios Diario sen datas (1987)
e Diario íntimo dun vello revoltado (2001) e ensaio "Xoán XXIII e a
Terra", co que resultou gañador do Premio Amor Ruibal no ano 1966. Alén deste
galardón, foi recoñecido con outros premios como o dos Xogos Florais de Guimarães
(1960 e 1972), o Premio da Crítica de Galiza (1981), o Losada
Diéguez (1991) e o Celanova, Casa dos poetas (2003).
Após unha prolongada enfermidade, Antón Tovar Bobillo
faleceu en Ourense o 16 de Xuño de 2004.
|