vb2avelinopousaantelo.html
Nado na
Barcala (A Baña), Avelino Pousa Antelo
(Lucho
do Peto) cursou seis anos na Universidade Pontificia Compostelá, Maxisterio en Santiago,
dous cursos de Comercio en Lugo e Xerente de Cooperativas en Zaragoza. Afiliado
ás "Mocedades Galeguistas", tomou parte na propaganda do Estatuto de
Autonomía de 1936. Agrarista e cooperativista, colabora coa sociedades agrarias
barcalesas. En 1946 foi bolsado á Misión Biolóxica de Galicia para prepararse
para dirixir a Escola Agrícola da Granxa Barreiros de Ortoá (Sarria) que
comezou o 1 de xaneiro de 1948. De alí xordiron os Cursos Agropecuarios para
mestres rurais que se celebraron en Lugo desde 1948 ata 1971 (ano en que faleceu
Antonio Fernández López, que era quen os financiaba). Marchou a Orotava
(Tenerife) en 1955 e alí traballou de mestre e Técnico Agrícola do
Laboratorio do Cabido Insular. Regresou a Galicia en 1960 para traballar como
técnico de SEMISA, empresa productora de semente. En 1960 marchou a Zaragoza,
onde dirixiu a empresa gandeira AIVESA. Regresou a Galicia en 1970, ó grupo
escolar de Pontecesures, onde exerceu ata a súa xubilación en xaneiro de 1983.
Actualmente é presidente da Fundación Castelao, vicepresidente da Fundación
Fernández Florez e vocal das Fundacións Pedrón de Ouro e Alexandre Bóveda.
En 1963 obtén o Premio Xornalístico Ramón Mourente
de temas agrarios. Un ano máis tarde, o premio "Luís Sánchez
Harguindey", tamén de temas agrarios. A Asociación Galega de Cooperativas
Agrarias outórgalle en 1998 a Insignia de Ouro e Esmalte da Unión de
Cooperativas. Foi nomeado Padriño de Honra da primeira promoción de diplomados
da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago (1999) e da
promoción de 2002 da Facultade de Ciencias da Educación de Ourense (UVI). En
2000, a Universidade Compostelá outorgoulle a súa Insignia de Ouro.
Colaborador nos anos 30 de La Voz de Barcala órgano
da Federación Agropecuaria do Distrito de Negreira, publicou centos de
artigos en xornais e revistas sobre temas agrarios e cooperativos, ademais
doutros temas tamén políticos. Entre os seus libros figuran Temas de
Agricultura (1951), Cooperativa de explotación comunitaria para unha
parroquia rural (1968), ¿Valen ou non as cooperativas comunitarias para
o campo galego? (1971), Reforma das Estructuras Agrarias de Galicia
(1971), A Escola Agrícola de Granxa Barreiros (1988) e Galicia,
tarefa urxente (1992).
|