vb1xelaarias.html
Hai
xa algunhas décadas que os Reis Magos de Oriente chegaron á
casa de Juan Antonio e de María Laura (os meu pai e maila miña
nai) un pouco cedo de máis, pero no canto de trae-lo acostumado
agasallo, trouxeron unha bebé (eu). Seica foi así porque cando
viñan a todo correr cos seus camelos cara a Brasil, non saben
explicar como, tropezaron cunha pobre cigoña que sentara a
descansar enriba dunha rocha. Quedara tan ferida a malpocada que
decidiron face-lo traballo por ela.
Non foi, pois, casualidade que
aquel 6 de xaneiro, os choros que se escoitaban na veciñanza
fosen os meus.
A verdade é que debido á
emigración nacín en Sao Paulo, nunhas terras moi diferentes ás
que serían anos máis tarde as terras das miñas vivencias e
recordos, un lugar que me marcou coa súa lingua, tan semellante
á nosa propia.
Durante algún tempo fun a raíña
da casa, mais durou pouco, meses máis tarde, moi de madrugada,
apareceume unha compañeira de pelexas, xogos, debates, lecturas,
conversas, investigacións, escritos,... ¡a miña irmá Loli!
¿O meu nome? Deu bastante que
pensar: non podía levar María, non como os das avoas, non como
o da madriña, non como o da nai, non brasileiro, non... Por fin,
o meu pai dixo: ¡Azucena! e así foi como me chamaron. Cun nome
longo coma ese ten que gustarche escribir dende pequena ou vas
apañada.
Un enorme barco e varios días de
travesía, anos despois, traeríanos a Galicia. Foi a viaxe máis
longa e máis lonxana que nunca fixen (ben,... se descontamos
aqueles lugares onde nos leva a imaxinación: a Saturno, ó fondo
do mar, á selva africana, ó Oeste, ós castelos medievais,... a
todos eses lugares que vas cando les ou cando inventas aventuras)
Rematei os meus estudios primarios
en Cerdedo e anos despois, xa en Pontevedra, remataba o
bacharelato. A miña nai nunca tivo a menor dúbida de que eu ía
estudiar, o problema era qué. No instituto quería ser médica,
científica ou investigadora, ir á Universidade e facer química
ou bioloxía, estudiar idiomas,... un excesivo número de
intereses como para dar cun só. O que si estaba claro é que non
ía ser deportista polo mal que se me daba a educación física,
de aí que os deportes que máis practico inda agora son o
"tumbing" con música ou sen música, con libro ou sen
libro e o "coching" para ver paisaxes e tirar centos e
centos de fotos.
Fixen Maxisterio, e inda que pasei
dúas veces pola universidade (para facer ciencias da educación
e psicoloxía), non deixei de ser mestra, xa que na escola
ensino, traballo, disfruto e aprendo cada día.
Sempre estou metida entre libros e
papeis (agora máis que entre papeis, entre a pantalla e a
impresora do ordenador). Gústame escribir e fágoo sempre que
podo. A maioría das veces almaceno os escritos en carpetas, pero
ás veces cóntoos, regáloos ou remítoos. Levo publicados
algúns artigos en diferentes revistas educativas, textos
escolares ou para a escola e libros de historias para cativas e
cativos.
Hoxe podería falarvos dos libros
que me gustan, das paisaxes que prefiro, das autoras e dos
autores que me impresionaron, da música que escoito de cote, das
amizades, da familia,... pero faría este apartado excesivamente
longo e xa esgotei o espacio que me suxeriron.
|