Azucena Arias Correa


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb1xelaarias.html

     Hai xa algunhas décadas que os Reis Magos de Oriente chegaron á casa de Juan Antonio e de María Laura (os meu pai e maila miña nai) un pouco cedo de máis, pero no canto de trae-lo acostumado agasallo, trouxeron unha bebé (eu). Seica foi así porque cando viñan a todo correr cos seus camelos cara a Brasil, non saben explicar como, tropezaron cunha pobre cigoña que sentara a descansar enriba dunha rocha. Quedara tan ferida a malpocada que decidiron face-lo traballo por ela.
     Non foi, pois, casualidade que aquel 6 de xaneiro, os choros que se escoitaban na veciñanza fosen os meus.
     A verdade é que debido á emigración nacín en Sao Paulo, nunhas terras moi diferentes ás que serían anos máis tarde as terras das miñas vivencias e recordos, un lugar que me marcou coa súa lingua, tan semellante á nosa propia.
     Durante algún tempo fun a raíña da casa, mais durou pouco, meses máis tarde, moi de madrugada, apareceume unha compañeira de pelexas, xogos, debates, lecturas, conversas, investigacións, escritos,... ¡a miña irmá Loli!
     ¿O meu nome? Deu bastante que pensar: non podía levar María, non como os das avoas, non como o da madriña, non como o da nai, non brasileiro, non... Por fin, o meu pai dixo: ¡Azucena! e así foi como me chamaron. Cun nome longo coma ese ten que gustarche escribir dende pequena ou vas apañada.
     Un enorme barco e varios días de travesía, anos despois, traeríanos a Galicia. Foi a viaxe máis longa e máis lonxana que nunca fixen (ben,... se descontamos aqueles lugares onde nos leva a imaxinación: a Saturno, ó fondo do mar, á selva africana, ó Oeste, ós castelos medievais,... a todos eses lugares que vas cando les ou cando inventas aventuras)
     Rematei os meus estudios primarios en Cerdedo e anos despois, xa en Pontevedra, remataba o bacharelato. A miña nai nunca tivo a menor dúbida de que eu ía estudiar, o problema era qué. No instituto quería ser médica, científica ou investigadora, ir á Universidade e facer química ou bioloxía, estudiar idiomas,... un excesivo número de intereses como para dar cun só. O que si estaba claro é que non ía ser deportista polo mal que se me daba a educación física, de aí que os deportes que máis practico inda agora son o "tumbing" con música ou sen música, con libro ou sen libro e o "coching" para ver paisaxes e tirar centos e centos de fotos.
     Fixen Maxisterio, e inda que pasei dúas veces pola universidade (para facer ciencias da educación e psicoloxía), non deixei de ser mestra, xa que na escola ensino, traballo, disfruto e aprendo cada día.
     Sempre estou metida entre libros e papeis (agora máis que entre papeis, entre a pantalla e a impresora do ordenador). Gústame escribir e fágoo sempre que podo. A maioría das veces almaceno os escritos en carpetas, pero ás veces cóntoos, regáloos ou remítoos. Levo publicados algúns artigos en diferentes revistas educativas, textos escolares ou para a escola e libros de historias para cativas e cativos.
     Hoxe podería falarvos dos libros que me gustan, das paisaxes que prefiro, das autoras e dos autores que me impresionaron, da música que escoito de cote, das amizades, da familia,... pero faría este apartado excesivamente longo e xa esgotei o espacio que me suxeriron.

[Febreiro, 2002]

¿Quéreslle mandar unha mensaxe á autora?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega