Beatriz Dacosta


 

Novidades
Obras
Autobiografía
 
vb1beatrizdacosta.html

     Quixera ter memoria do meu nacemento, mais só puiden reconstruír, a través das historias con que sempre me aleitaron os meus pais e avós, a intuición dun día onde o sol se convertera en brasa. O San Xoán preparábase para pingar no pan e miña nai cruzou a ría, de Cangas a Vigo, no barco de pesca familiar, agardando quizais unha boa marea. A marea abriu a luz ás nove e media da noite dun once de xuño non sei se esquecido ou asentado coma unha pedra fita colleita do 1967.

     Lembro que fun feliz na casa vella do centro da vila. Era unha casa gastada polo olvido, polas estreitas escaleiras de madeira, polo fachinelo que daba ó escuro e ó cuarto do meu tío o mudo, raído de sombras, mantas vellas e aromas a taberna. Lembro o caldeiro onde a miña avoa pelaba as patacas, o seu mandil, onde recollía as pelicas, a ventá de enormes contras brancas, á que sempre me asomaba saudando a todos cantos pasaban pola rúa, o meu berce e a primeira vez que durmín nunha cama de castaño, o día no que miña nai fixo voar a miña chupeta cara a estraños horizontes e nunca máis houbo un voo de regreso ós meus beizos. Lembro ás vellas de sempre adosadas ó banco da igrexa onde parecían ter asento fixo e parolaban sobre as novas da vila cando non rezaban con devoción, aínda agora parece que sinto certo aburrimento nos murmurios, e que me gustaba percorrer tódalas imaxes dos santos e saber qué fixeran e porqué a vida estaba ferida dunha aureola de misteiro e respecto ó descoñecido.

     Lembro un mundo máxico que agora só vive na memoria.

     Os meus compañeiros da infancia, os castelos de soños e un universo para ser só nenos.

     Lembro, e ás veces, a memoria transfórmase dolorosa polas perdas sufridas.

     Ó meu mellor amigo de nenez que agora xace nun lugar do silencio.

     Nunca quixo marchar sen despedirse.

     Eu debíalle moitos soles da miña infancia.

     E marchou.

     E despedinme.

                                          Pero aínda doe a cicatriz.




     Non quero perder estes tesouros, que ás veces se esfiañan no labirinto dos días e agóchanse, cubertos de po. Agora teño trinta e catro anos e en min aínda vive a patria das lembranzas.

     Pouco queda do meu mundo, o mundo que me regalaron.

     Todo se transformou co tempo.

     Agora xa non vivo na miña amada vila, pero adapteime ó espacio da cidade. Atrás quedaron os xogos infantís e son eu quen lle conto historias á miña filla, Eva, que ten once anos. O seu interior é delicado e fráxil coma un cristal. Da vella casa só queda o silencio, un mundo que galopou na necesidade de sobrevivir, e os contos que lle escoitaba ó meu bisavó, maxias e linguaxes tecidas no aire, na hora de comer, onde o peixe fervía na mesa de diario e só o domigo se comía polo guisado con patacas.

     O presente non é como pensaba cando creaba imaxinariamente tódolos paraísos.

     Os cambios son tremendos e ás veces prodúcense de xeito brusco e sen posibilidade de adaptación previa. O meu primeiro libro de relatos, Cascas de Noz, ten a esencia de tódolos meus velliños que me acompañan, e tamén a necesidade de comprender novas perspectivas sobre o mundo actual. E o mar, do que aínda non falei. O mar da miña infancia é e será o meu universo.

[Febreiro, 2002]

¿Quéreslle mandar unha mensaxe á autora?  

 

logoDeputación logoBVG © 2006 Biblioteca Virtual Galega